Decisións

O caso do contaxio da difteria faime pensar varias cousas, que serían aplicables a outras situacións nas que tomamos decisións.

1. Tomamos as decisións con base nunha intuición que non resiste a máis mínima análise científica -que non digo que a intuición non sexa un elemento a ter en conta, pero como complemento da anáise cando na análise non está toda a información que queremos. Analizar os pros e os contras é o mínimo.

As vacinas teñen efectos secundarios -vou dar por certa esta afirmación, aínda que non o sei, pero case todo ten efectos secundarios- que son… os que sexan.

Non vacinarse pode facer que se padeza a enfermidade. Se é leve, un catarro, vale, decido que non. Se non é tan leve podo recorrer á probabilidade de contraela -pequena se todos os demais están vacinados- pero non é o mesmo pouco probable que imposible -como aconteceu. Se tomo a decisión de “non vacina” estou asumindo ese risco. No caso de tomar a decisión por un menor, a responsabilidade é moito maior.

2. Non sabemos aceptar as consecuencias das nosas decisións. Se asumín o risco de contraer a enfermidade, a que vén botarlle a culpa a outros? Neste caso os pais din agora que se senten enganados polos antivacinas, pero antes de tomar a decisión pensaban que eran os pedriatras  e os organismos nacionais e internacionais os que os estaban enganando.

3. Confiamos en calquera parvada alternativa antes que nas recomendacións dos organismos nacionais e internacionais. Non só con esto, nas redes sociais aparecen todolos días estudos supostamente científicos que non resisten unha simple análise de lóxica elemental, e que ademais non se sabe moi ben quen os fixo. Pero moita xente o cre. Non sei no caso da difteria cal é a alternativa -no do sarampelo parece que é pasar a enfermidade- pero seguro que hai algunha non contrastada empiricamente, que se da por boa.

4. Cremos que as autoridades políticas, sanitarias, educativas… son idiotas ou queren fodernos ou as dúas cousas. Neste caso supoño que serían idiotas por non coñecer os efectos secundarios… ou algo parecido, e non lles importa porque hai un complot do goberno coas farmacéuticas… eu que sei. Por certo, outro día falarei da diferencia entre unha empresa privada nun sistema capitalista e unha ONG.

5. Somos xusticeiros. De repente éntranos unha vea xusticieira absolutamente irracional. Neste caso: As farmacéuticas fórranse coas vacinas, por iso din que son boas. Tamén os fabricantes de lavadoras, e non deixamos de mercalas.

Afortunadamente estes comportamentos non son maioritarios pero creo que responden a deficiencias no razoamento científico -moi fomentadas polas relixións. Sempre saímos moi mal parados, en todo o relacionado coa ciencia, nos informes internacionais.