Se hai anos -moitos- me din que hoxe ía estar escribindo isto, non o crería.
Collín a época de correr diante dos “grises”. Pasabamos por diante da comisaría de policía rapidiño, sen mirar para ese lado, disimulando, tratando de pasar desapercebidxs.
Tamén collín a de “esos chicos de marrón, ¿de que colegio son?”. Época un pouco máis relaxada -que non amigable- coma se pode deducir polo slogan.
Hoxe, sen ter as cousas demasiado claras, penso que deberiamos moderar o grao de belixerancia coa policía.
A violencia existe. Os grupos violentos organizados aproveitan as grandes concentracións de xente -manifestacións, encontros deportivos e mesmo culturais…- para exercer a violencia de forma “segura”. Esta seguridade tamén lla pode dar o feito de que en moitos casos aparece un movemento social que se encarga da defensa xurídica e de recadar cartos para pagar as multas.
Cando se producen actos violentos por parte de grupos organizados, a responsabilidade das consecuencias acostuma a caer do lado da policía. Se actúa cuestiónase a desproporción e se non actúa a incapacidade.
Pero digo eu que os propios violentos tamén terán unha boa parte de “culpa” do que lles pase -sen contar do que lles pase a outras persoas que pasaban por aí.
Non debiamos ser tolerantes cos intolerantes nin utilizar á policía coma arma política -con minúscula.