Obxección de conciencia e desobediencia civil

Algunhas familias cren que o que fai a súa crianza na Escola infantil é Cubismo, pero non. Picasso era un moi bo debuxante e pintor que, segundo o vexo eu, cansou de facer as cousas que xa facía ben e decidiu inventar outra maneira de representación.

Coa obxección de conciencia e a desobediencia civil pasa un pouco o mesmo.

Nun momento determinado, xeralmente dende a esquerda, empezouse a reivindicar a concepción do ben e do mal individuais -conciencia-, diferentes da moral social, que era a cristiá. E entrou na categoría de “dereito”. De entrada nada que obxectar, mentras quede no ámbito da moral individual. Porque cando están en xogo varias conciencias… Vou pór exemplos.

Cando quixen facer o meu testamento vital fun a un notario, cando viu que unha das miñas instruccións era que quería eutanasia activa voluntaria, no caso de que nese momento estivese legalizado ese procedemento, díxome que con ese punto non mo facía por obxección de conciencia. Supoño que moitos médicos tamén farán obxección de conciencia no momento que sexa legal, como xa o fixeron co aborto. Están exercendo un dereito?

E xa enlazo coa desobediencia civil. Tamén ten moito predicamento entre a esquerda, pero ten o seu perigo. Ese tipo de persoas que acabo de mencionar están facendo desobediencia civil negándose a facer algo que formaría parte do seu traballo e, tal como eu o vexo, deberían ser xulgados por iso. Desobedecer á moral cristiá é pecado e desobedecer as leis é delito, iso debería estar moi clariño para todo o mundo porque a río revolto… proveito para os “moralistas”.

A desobediencia civil estaba pensada para incumplir leis que atentaran contra os dereitos humanos, pero está sendo utilizada con base na conciencia -eu creo que esa norma é mala e polo tanto desobedézoa.

Con tino!!! Non vaiamos converter estes dous conceptos en excusas para impór a nosa moral, porque os que teñen outra tamén o van facer, e seguro que mellor.

Advertisements