Patriarcado

Son unha persoa moi independente e cada paso amólame máis que me manipulen, case máis que que me manden.

Normalmente fálase de patriarcado en relación coa dominación á que somos sometidas as mulleres na nosa vida privada. Pero eu quero ir máis lonxe.

O patriarcado é unha forma de dominación que vai máis aló das relacións home-muller. Abranque home-muller, muller-infante, jefe-subordinadx… no nivel individual, pero tamén empresa-consumidores, clase social-clase social de nivel inferior, partidos políticos-cidadanía… de forma colectiva. En virtude dunha norma “natural”, “moral” ou “divina” que así o determina.

Cal é o obxectivo? pois conseguir que alguén faga o mellor para xs dominadores.

Como se consegue? Pois hai moitos procedementos que se utilizan segundo as circunstancias.

A forza bruta nas dictaduras e polas persoas máis primitivas.

A manipulación para as democracias -ou similar- e as persoas máis cultivadas.

A chantaxe -case sempre emocional- en tódolos casos. E xa no campo dos sentimentos e das emocións… pois case de todo; inseguridade, medo…

O machismo é unha faceta do patriarcado que afecta ás mulleres. Pero os homes non están libres de ser vítimas tamén. O patriarcado abrangue tódolos campos e afecta a case todas as persoas. O poder político e o económico, os cartos -ás veces non se distinguen os dous conceptos- están concentrados nuns poucos.

Os líderes políticos compórtanse como as parellas machistas. Tes que admiralos, adoralos… Con iso está garantido que fagan o que fagan, coa dose correspondente de manipulación, vaiche parecer ben.

Que agora vos deixo que decidades vós? estupendo, “que buenos son que nos llevan de excursión”.

Que agora decido eu o que me sae de alí? Era necesario, non se podía agardar, había que tomar unha decisión xa.

Hai moito patriarcado nas actuacións dos líderes políticos, e como consecuencia demasiada violencia na linguaxe que utilizan -non tanto na das lideresas.

É que só eu vexo isto? Ben, para ser máis precisa Ángela Rodríguez e máis eu.

Medios e redes

Coa comunicación dos líderes políticos -sigo a utilizar o masculino adrede- pasa como con tantas outras cousas na vida, non hai termo medio.

É certo que Rajoy non é moi dado a utilizar os medios de comunicación -máis aló dos que o acompañan aos actos oficiais, e pouco- e xa non falemos das redes sociais. É lóxico; non é xoven, nin guapo nin ten moita facilidade de palabra e iso ten moito impacto nos medios. Para min iso non é o máis importante para un político, para os medios si porque canto menos apreza menos titulares xenera. Pero non importa, xa se fan os titulares sobre as ausencias. O problema -segundo eu o vexo- non é que non apareza el -para iso hai gabinetes de prensa- senón o que fan el e o seu goberno.

Pola contra outros líderes están permanentemente nos medios e nas redes -espero que nalgún momento deixen de estar en campaña electoral permanente e se dediquen máis ao traballo cotián. Pero ao que ía, gábanse de ser TT -que haxa moita xente dicindo cousas deles, vaia (non sei como se escribe, nin sequera foneticamente)- en tuiter; de estar na TV, facendo calquera cousa… Mesmo pode ser motivo de polémica se estiveches ou non con Ana Pastor -deusa do xornalismo, non entendo moi ben por que.

E as redes non son exactamente a realidade. Nas redes metémonos, moitas veces, cando estamos aburridxs. E sen moito pensar poñémonos a difundir a parvada de turno só porque xa o fixo moita xente. Xs personaxes de Sálvame son TT case tódolos días -a min isto daríame que pensar.

E así, entre un que non chega e os outros que se pasan, pasamos o tempo.

Por outra banda “a clientela” das redes é un sector de poboación determinado que non creo que represente a maioría da poboación.

E digo eu, atractivos líderes, moito tino con vivir nas redes. E recorrendo ao refraneiro -propio de poucas luces, segundo algúns.

Nin tanto arre! que fuxe, nin tanto xo! que se deite.

Camisa branca

A vestimenta sempre foi reflexo de posicionamentos sociais. Dende que eu recordo, empezou o movemento jipi, logo viñeron xs progres e a partir de aí tódalas tribos urbanas. Case sempre responde a unha manifestación contestataria.

Na política tamén pasa. Polos anos 70 os líderes do PSOE levaban chaquetas de pana. Xs xornalistas e analistas políticos non se centraban demasiado nese tema, máis alá do cualificativo xenérico de farrapeiros (desharrapados) -equivalente ao perroflautas actuais- que facía a prensa de dereitas. Cando se falaba da intervención de González ou de Guerra en calquera foro, non se aludía -normalmente- á vestimenta.

Despois viñeron as mulleres e mudou o enfoque. De Carmen Alborch é máis doado recordar como vestía ou de que cor tiña o pelo que o ministerio que dirixiu ou que cousas fixo nel; non se falaba doutra cousa. Nos medios tamén, mesmo era noticia a reacción dos parlamentarios cando ela entraba no hemiciclo.

De aí pasamos a facer dos contos algo máis serio: a anáise da imaxe e da expresión corporal. Cando había un debate televisivo entre candidatos -homes- os sesudos analistas e xornalistas pasaban tempo e tempo falando da cor das camisas; das gravatas -e aquí xa podía aparecer de todo; o simbolismo da cor, as ocasións nas que usaron a mesma…-; dos traxes, que se eran feitos a medida ou non…; dos zapatos non recordo que se falase, pero seguro que si. Tamén falaban da expresión corporal e ata se chamaba a especialistas para falar do asunto. Un pouco do debate tamén. E iso que eran homes; se chegan ser mulleres…

Que igualdade non quere dicir tratar da mesma forma aos homes que ás mulleres se o trato é inapropiado!!!

Tratábase de que a vestimenta non importa, non de que se criticamos as mulleres aos homes tamén.

Eu penso que foi por iso, por non dar pé a desviar a atención, que os novos líderes -tamén homes- decidiron uniformarse coa camisa branca. Tiñan dúas opcións:

seguir vestindo coma o viñan facendo até o de agora, arriscarse a que se fale máis diso que do seu discurso, e perder moito tempo reivindicando a súa liberdade de vestir como queiran, ou

vestir dunha forma completamente aséptica; non hai moito que analizar nunha camisa branca.

Mágoa que aínda hoxe en día a vestimenta sexa motivo de “análise”, na política.