Rexeneración da cidadanía

Dende sempre veño mantendo que as reivindicacións e protestas na rúa teñen que ir da man coas actuacións necesarias para resolver o conflicto. E non me refiro ás actuacións das persoas que xestionan as sociedades, que tamén, senon a toda a cidadanía.

Os partidos teñen que rexenerarse pero a cidadanía tamén.

As persoas que se dedican a Política dende sempre, que nunca desenvolveron unha actividade profesional fóra dela, acostuman a ser criticadas por descoñecer e estar lonxe do mundo real. Pero se o pensamos un pouco, nunha sociedade moralmente laxa é moi complicado que alguén poida chegar “impoluto” a desempeñar un cargo público -Monedero, Huerta…, poño estes exemplos porque o que fixeron foi anterior a súa actividade pública, coma cidadáns “normais”. Só se dende que naces xa está determinado que vas ser política poderás chegar a selo sen mancha algunha.

Copiar nun exame, desgravar a segunda vivenda, pagar unha empregada do fogar sen contrato, pagar sen factura -sen IVE- un arranxo na vivenda, utilizar as amizades para pequenos privilexios coma adiantar unha cita co médico… Cantas persoas -na nosa sociedade- non fixeron algunha destas cousa, ou outras peores?

Por que unha persoa pública do centro ou do norte de Europa dimite con máis facilidade que unha do sur? Pois eu penso que é porque as sociedades ás que pertencen son máis rigorosas cos comportamentos insolidarios ou trampulleiros e polo tanto elas, como parte desa sociedade, consideran normal asumir a consecuencia dunha conducta inadecuada.

Coma dicía, se a sociedade é moralmente laxa é moi difícil que dela saian políticos exemplares. Penso que o estamos facendo ao revés, pretendemos que as persoas que se dedican á política teñen que ser as que co seu exemplo nos “convertan en cidadáns exemplares” no canto de considerar que se a cidadanía ten boa saúde moral as persoas que se ocupen de dirixila tamén a terán.

Por que tanta xente é tan indulxente coa corrupción? Pois seguramente porque consideran que non é algo moi grave, que algunha desas cousas son as que fai “todo o mundo”.

É necesario unha rexeneración da cidadanía. Mentras sexamos tan benevolentes coas “microcorrupcións”, “corruptelas”… ou coma lle queiramos chamar… mal o vexo.

 

 

Ser maior

Para min o peor de ser maior non son as engurras ou a artrose, o peor é estar permanentemente vivindo as mesmas situacións, as mesmas polémicas… que, ao meu entender abórdanse dende supostos erróneos.

Acabo de ver nas redes un vídeo de Teresa Rodríguez no que pon de manifesto o absurdo de cobrar dietas nos meses que non hai actividade parlamentaria, e tamén insiste en que en Podemos os parlamentarios doan parte do que ganan a organizacións sociais “de utilidade pública”

Cantas veces ao longo da vida dunha persoa maior oímos falar dos salarios públicos? A solución é doar parte a unha ONG?

Basta xa! deixade de marear. As ONGs son entidades privadas que se dedican aos asuntos máis diversos, algunhas a colectivos específicos. Pode que moitas persoas non estemos de acordo con que sexan as ONGs as que solucionen os problemas sociais. Algunhas pensamos que iso é cousa do Estado do Benestar e polo tanto debe ser financiado cos presupostos xerais. Para poder levalo a cabo hai que ter cartos, loxicamente, e iso conséguese aumentando os ingresos ou diminuíndo os gastos.

Se se considera que a cantidade de cartos que vai ás retribucións dos políticos é moi elevada, o que hai que facer é reducila. Como?

  1. Diminuír o número de parlamentarios. E xa non falo de suprimir o senado, que tamén é un asunto que está pendente, falo de reducir o número de congresistas a 300 que é o mínimo que dictamina a constitución. Xa sei que non é moito pero só de salarios base serían dous millóns de euros ao ano, sen contar dietas, complementos…
  2. Complementos por razón do cargo: por ser membro da mesa, portavoz adxunto dunha comisión… Non hai moitos cargos remunerados? Non se cobra demasiado polo cargo? Hai algúns complementos de contía superior ao salario.
  3. Dietas. O absurdo non é cobralas cando non hai actividade parlamentaria, o absurdo é cobrar unha cantidade determinada sen ter que xustificala. Se houbese que xustificala xa non se daría esa situación.

Isto vale tamén para os parlamentos autonómicos.

Para levar a cabo estas medidas non sería necesario reformar a Constitución, que é o argumento que se utiliza para non mudar nada. Nin tocar os salarios base -que afectaría a outros traballadores que non son parlamentarios- e que por outra banda non me parecen excesivos.

Por que non se levan a cabo medidas deste tipo? Dependen dxs parlamentarios e só lles afectaría a elxs.

Aah!!! xa, a moitxs pareceralle que as cousas están ben como están e os outros non se porían de acordo porque moitos consideraríanas insuficientes. E coma somos de todo ou nada… pois seguimos igual.

Y esto, queridos niños, que diría Wyoming, é o que levamos vivindo dende os 80 as que temos xa uns anos.

Hai máis asuntos cuxas polémicas e argumentarios se repiten dende “toda a vida” coma na igualdade de xénero ou no uso Lingua galega. Xa falaremos.

Debates

Non sempre vexo as cousas da mesma maneira que a maioría. E os debates entre políticos -si, politicos e non políticxs, porque se o bebate de onte fose entre os candidatos non habería ningunha muller- non van ser a excepción.

Para empezar, xs xornalistas considéranos “lo más”. Se non hai debates televisivos non hai democracia. E, como o bipartidismo non “mola” hai que debater entre varios, pero tampouco todos. É moito máis rendible contar cos líderes de partidos que de momento non teñen representación parlamentaria, pero que todo indica que si a van ter -e moita. Ignorar aos partidos minoritarios -aínda que na actualidade teñan representación parlamentaria- parece que o considertan un “efecto colateral”.

Tamén decidiron que os que participan teñen que estar incómodos, nada de mesas, sillas nin atriles. Se eres maior ou tes problemas de columna vas ter que drogarte para non pór de manifesto a túa eiva. Se eres muller podes elixir entre levar calzado cómodo -o calzado das mulleres normalmente é máis incómodo- e enfrontarte ás criticas de vestiario ou ter ese plus de padecemento. É necesaria esa resistencia física para ser gobernante? Se levas chaqueta eres máis covarde porque con ela estás máis protexido -non se nota a camisa sudada- pero se rematas coa camisa moi sudada entón depende de se lle caes ben ao que comenta ou non. Se lle caes ben “sudaches a camiseta” e se lle caes mal estabas moi nervioso.

Por que este empeño en que non estén cómodxs? Traballar con incomodidades fai que o traballo saia mellor? Ou é para que lles saia mal e así hai máis que criticar?

Parece que os debates son mellores canto máis se foda aos políticos.

Por isto, e por moitas outras cousas, xa non vexo debates.

Falacias

Onte esoitei a Antón Losada -nunha especie de vídeo-blog que ten no que explica, nun minuto, feitos de actualidade- falar sobre a desbandada que se está a producir en UPyD e IU -cara C’s e Podemos- dedicado a Toni Cantó. Dicía destas persoas que “non o fan polo seu interese, por ocupar un cargo, fano por vostede, pola cidadanía, polo proxecto, pola ideoloxía, pola democracia, pola rexeneración, pola paz mundial…”

Tamén onte lin unha publicación en Facebook dun xornalista xubilado, Rodolfo Serrano, na que falaba da liberdade de expresión -a propósito da páxina web do concello de Madrid. Neste caso, a min, viñéronme a cabeza outros argumentos esgrimidos por algúns xornalistas para xustificar o seu posicionamento: liberdade de expresión, dereito a información, interese público…

Está claro que nos dous casos, políticos e xornalistas, están intentando manipularnos. Tendo en conta que xornalistas e políticos son os principais piares da formación do pensamento social na cidadanía, o asunto ten mala cara. Como eu o vexo, no caso dxs políticxs ten menor importancia porque a credibilidade que teñen é pouca. Pero xs xornalistas, hoxe por hoxe, teñen algunha máis -como a cousa siga así pode que chegue a equipararse.

Liberdade de expresión, para un xornalista, non pode ser dicir o que queiras -para incomodar xs políticxs, que parece ser o non vai máis do xornalismo- ademais debe ser verdade, estar contrastado… E contradecir unha publicación non pode ser censura á liberdade de expresión, tamén é liberdade de expresión -pero da outra parte, eso si. Dereito a información e interese público.

A cidadanía ten dereito a estar informada dos asuntos de interese público, pero unha cousa é o interese público e outra é o que lle interesa ao público. Ao público pódelle interesar, por puro morbo, a vida sexual de alguén, por exemplo, pero iso non leva consigo o dereito de sabelo nin converte a sexualidade da xente en asunto de interese público -disto xa teño falado máis veces.

Case ninguén cuestiona a necesidade da rexenación da clase política, os medios ocúpanse de pedila e recordala.

Quen se vai atrever a pedir a rexeneración dos xornalistas?