Grazas, Gonzo

No xornalismo, o mesmo que en calquera outra actividade, a actitude coa que te presentas inflúe na resposta dos teus interlocutores.

Teño comentado moitas veces que me parece fóra de lugar a actitude -bastante “fachendosa”- da maioría dxs reporteirxs cando preguntan ás personaxes que entrevistan. O obxectivo parece facer preguntas incómodas que non teñan resposta ou facer afirmacións tendenciosas como introdución á pregunta -nestes casos a persoa que ten que contestar atópase no dilema de desmentir ou matizar a afirmación inicial ou respostar a pregunta que vén condicionada pola introdución.

Xustifican esta actitude coa “liberdade de información” por unha banda, coa suposta necesidade -no caso dxs políticxs- de que necesitan da prensa para sobrevivir por outra e finalmente co de que “aturar” as incomodidades vai no soldo.

E claro, cando se atopan coa cidadanía non entenden que ésta tamén ten liberdade de expresión e que tamén debe ir no seu soldo que manifeste a disconformidade coa liña informativa -manipuladora polo que parece- dalgúns programas ou dalguns medios.

Por iso lle dou as grazas a Gonzo. Algunhas veces -moi puntualmente, porque en liñas xerais paréceme que o seu traballo é bo- manifestei a miña disconformidade coa súa forma de preguntar; dende lonxe cando non hai posibilidade de resposta, reiterando a mesma pregunta que non lle queren contestar… Pero no caso da cobertura do referendo catalán o seu traballo pereceume impecable.

Presentou a cara da normalidade, que tamén me parece importante. En todo momento as imaxes que presentou foron de xente “normal”, civilizada, que respondía nun sentido ou noutro dunha forma sosegada e cando facía conexión en directo co programa no que traballa había xente detrás, coas súas pancartas, pero que o deixaba falar.

E digo eu… algo terá que ver el e o seu traballo para que lle mostren ese respecto.

Para min foron as primeiras imaxes da normalidade que vin. Tamén teño que recoñecer que non vin moito a TV ese día porque xa supoñía o que ía atopar.

Non digo que non haxa que poñer as incidencias, especialmente cando son tan graves. Pero se se utilizan por ambas partes de forma tendenciosa, a información que se transmite non é obxectiva, polo tanto non é boa.

Política e intelixencia

Estase creando unha sensación de que xs políticxs son parvos. Non o son e por iso poden manipularnos.

Acabo de ler unha entrevista que Henrique Mariño e Christian Gózáles lle fixeron a Jordi Évole no xornal Público -publicada onte. Jordi Évole: “La izquierda ha cometido una gran equivocación al tratar a Rajoy de tonto”

Nun momento da entrevista di, “Insisto, creo que la izquierda se ha equivocado tratando de iluso, tonto e incapaz a Rajoy.”

Concordo con Évole e eu facería estensible a expresión á maioría dxs políticxs.

O xornalismo non pasa polos seu mellor momento e a forma de manter entretido ao persoal é o estilo Sálvame. Hai que facer horas de TV e páxinas de xornais ridiculizando xs políticxs non tanto polas súas actuacións coma por aspectos irrelevantes no desenvolvemento da súa actividade; que se non falan ben o Inglés, que se a súa dicción non é boa, que se a expresión que utilizou non foi exacta… por non falar do aspecto físico, da vestimenta…

Entendo que os humoristas aproveiten estas tonterías para facer uns chascarrillos. Pero levar iso aos programas informativos paréceme moi pouco profesional. Pero aparte de que sea un erro subliñar a forma no canto do fondo, peor me parece asociar un problema de dicción a unha “discapacidade intelectual”.

A linguaxe é unha forma de comunicación e a finalidade desta é que a mensaxe emitida sexa comprendida polo receptor. Algunhas veces hai erros na mensaxe -ortográficos, gramaticais…- pero un receptor medianamente intelixente pode comprender a idea principal, entendendo que non está moi ben expresada. Xa sei que nalgúns casos é máis difícil -de aí os malentendidos ou malexpresados- pero non son a maioría.

Vou pór un exemplo dun mitin de Susana Díaz. Despois de destacar os case 140 anos de historia do PSOE, dixo algo -non recordo literalmente- sobre a permanencia do partido durante tres séculos. E xa se liou; que se non sabe contar, que se se contradice, que se o partido existe dende o século XVIII… Non é complicado entender o que quería dicir. Ata en El Intermedio, -que é un programa de humor- despois de facer o chascarrillo recoñeceron o que quixo dicir.

O dito, crer que xs políticxs son idiotas non axuda.

Srs. do CIS, Srs. xornalistas…

De verdade necesito (cidadanía) saber CADA DÍA cales serían os resultados das votacións dunhas eleccións se se celebraran hoxe?

Non tivenos xa ultimamente eleccións e enquisas dabondo?

Non merezo un descansiño?

Tede en conta que moitxs temos tamén eleccións autonómicas fóra das municipais.

Non abonda que nos manipuledes coa opinión?

Tamén queredes camuflar a manipulación con un toque científico?

Non teñen xs tertulianos en xeral e a familia Ferreras-Pastor en particular horas de TV suficientes e hai que proporcionar material novo?

Que sentido ten que eu saiba os resultados das eleccións se se celebraran hoxe?

Que fiabilidade teñen uns resultados nos que se pregunta por algo que non vai suceder?

Se xa non son moito de fiar as enquisas que se fan antes dunhas eleccións reais, van selo os de unhas imaxinarias?

Creo que hai un transtorno psicolóxico que é algo parecido a isto: sentir, padecer, unha situación que non é real, por exemplo, “cando vexo á xente nova ir a unha guerra, síntoo coma se fosen fillxs meus” -que por outra parte non teño fillxs. Aquí hai un transtorno.

De verdade, deixádeme vivir a pouca tranquilidade da que se pode desfrutar entre unhas eleccións e outras.

Entendo que tedes que vivir pero, ten que ser a costa da miña saúde mental?

E á familia “informativa” por antonomasia… Hai xente, fóra da política profesional, que tamén fai política na súa área de traballo á que se podería entrevistar ou preguntar a súa opinión -dentro  do seu tema.

Xa sei, non teñen tanta agresividade, non serven moito para a dinámica de enfrontamento. Pero tamén aquí vos digo, non credes que tamén precisamos un descansiño de tanta agresividade?

 

Debates

Non sempre vexo as cousas da mesma maneira que a maioría. E os debates entre políticos -si, politicos e non políticxs, porque se o bebate de onte fose entre os candidatos non habería ningunha muller- non van ser a excepción.

Para empezar, xs xornalistas considéranos “lo más”. Se non hai debates televisivos non hai democracia. E, como o bipartidismo non “mola” hai que debater entre varios, pero tampouco todos. É moito máis rendible contar cos líderes de partidos que de momento non teñen representación parlamentaria, pero que todo indica que si a van ter -e moita. Ignorar aos partidos minoritarios -aínda que na actualidade teñan representación parlamentaria- parece que o considertan un “efecto colateral”.

Tamén decidiron que os que participan teñen que estar incómodos, nada de mesas, sillas nin atriles. Se eres maior ou tes problemas de columna vas ter que drogarte para non pór de manifesto a túa eiva. Se eres muller podes elixir entre levar calzado cómodo -o calzado das mulleres normalmente é máis incómodo- e enfrontarte ás criticas de vestiario ou ter ese plus de padecemento. É necesaria esa resistencia física para ser gobernante? Se levas chaqueta eres máis covarde porque con ela estás máis protexido -non se nota a camisa sudada- pero se rematas coa camisa moi sudada entón depende de se lle caes ben ao que comenta ou non. Se lle caes ben “sudaches a camiseta” e se lle caes mal estabas moi nervioso.

Por que este empeño en que non estén cómodxs? Traballar con incomodidades fai que o traballo saia mellor? Ou é para que lles saia mal e así hai máis que criticar?

Parece que os debates son mellores canto máis se foda aos políticos.

Por isto, e por moitas outras cousas, xa non vexo debates.

Falacias

Onte esoitei a Antón Losada -nunha especie de vídeo-blog que ten no que explica, nun minuto, feitos de actualidade- falar sobre a desbandada que se está a producir en UPyD e IU -cara C’s e Podemos- dedicado a Toni Cantó. Dicía destas persoas que “non o fan polo seu interese, por ocupar un cargo, fano por vostede, pola cidadanía, polo proxecto, pola ideoloxía, pola democracia, pola rexeneración, pola paz mundial…”

Tamén onte lin unha publicación en Facebook dun xornalista xubilado, Rodolfo Serrano, na que falaba da liberdade de expresión -a propósito da páxina web do concello de Madrid. Neste caso, a min, viñéronme a cabeza outros argumentos esgrimidos por algúns xornalistas para xustificar o seu posicionamento: liberdade de expresión, dereito a información, interese público…

Está claro que nos dous casos, políticos e xornalistas, están intentando manipularnos. Tendo en conta que xornalistas e políticos son os principais piares da formación do pensamento social na cidadanía, o asunto ten mala cara. Como eu o vexo, no caso dxs políticxs ten menor importancia porque a credibilidade que teñen é pouca. Pero xs xornalistas, hoxe por hoxe, teñen algunha máis -como a cousa siga así pode que chegue a equipararse.

Liberdade de expresión, para un xornalista, non pode ser dicir o que queiras -para incomodar xs políticxs, que parece ser o non vai máis do xornalismo- ademais debe ser verdade, estar contrastado… E contradecir unha publicación non pode ser censura á liberdade de expresión, tamén é liberdade de expresión -pero da outra parte, eso si. Dereito a información e interese público.

A cidadanía ten dereito a estar informada dos asuntos de interese público, pero unha cousa é o interese público e outra é o que lle interesa ao público. Ao público pódelle interesar, por puro morbo, a vida sexual de alguén, por exemplo, pero iso non leva consigo o dereito de sabelo nin converte a sexualidade da xente en asunto de interese público -disto xa teño falado máis veces.

Case ninguén cuestiona a necesidade da rexenación da clase política, os medios ocúpanse de pedila e recordala.

Quen se vai atrever a pedir a rexeneración dos xornalistas?