No xornalismo, o mesmo que en calquera outra actividade, a actitude coa que te presentas inflúe na resposta dos teus interlocutores.
Teño comentado moitas veces que me parece fóra de lugar a actitude -bastante “fachendosa”- da maioría dxs reporteirxs cando preguntan ás personaxes que entrevistan. O obxectivo parece facer preguntas incómodas que non teñan resposta ou facer afirmacións tendenciosas como introdución á pregunta -nestes casos a persoa que ten que contestar atópase no dilema de desmentir ou matizar a afirmación inicial ou respostar a pregunta que vén condicionada pola introdución.
Xustifican esta actitude coa “liberdade de información” por unha banda, coa suposta necesidade -no caso dxs políticxs- de que necesitan da prensa para sobrevivir por outra e finalmente co de que “aturar” as incomodidades vai no soldo.
E claro, cando se atopan coa cidadanía non entenden que ésta tamén ten liberdade de expresión e que tamén debe ir no seu soldo que manifeste a disconformidade coa liña informativa -manipuladora polo que parece- dalgúns programas ou dalguns medios.
Por iso lle dou as grazas a Gonzo. Algunhas veces -moi puntualmente, porque en liñas xerais paréceme que o seu traballo é bo- manifestei a miña disconformidade coa súa forma de preguntar; dende lonxe cando non hai posibilidade de resposta, reiterando a mesma pregunta que non lle queren contestar… Pero no caso da cobertura do referendo catalán o seu traballo pereceume impecable.
Presentou a cara da normalidade, que tamén me parece importante. En todo momento as imaxes que presentou foron de xente “normal”, civilizada, que respondía nun sentido ou noutro dunha forma sosegada e cando facía conexión en directo co programa no que traballa había xente detrás, coas súas pancartas, pero que o deixaba falar.
E digo eu… algo terá que ver el e o seu traballo para que lle mostren ese respecto.
Para min foron as primeiras imaxes da normalidade que vin. Tamén teño que recoñecer que non vin moito a TV ese día porque xa supoñía o que ía atopar.
Non digo que non haxa que poñer as incidencias, especialmente cando son tan graves. Pero se se utilizan por ambas partes de forma tendenciosa, a información que se transmite non é obxectiva, polo tanto non é boa.