Montón

Caeu a ministra. Non porque fixera mal o seu traballo senon porque unha Universidade levou moi lonxe o costume que teñen as universidades de “relaxo” nos requisitos que se esixe xs estudantes.

Sei que en moitas universidades para calquera Master, se unha persoa ten dificultade para asistir ás clases –porque está traballando ou por outras circunstancias- búscanselle alternativas para poder aprobar as asignaturas –presentar traballos…

En case todos os centros educativos o ensino é presencial. Segundo esta condición as dúas terceiras partes dos meus compañeiros de promoción obtiveron a licenciatura de forma irregular porque cada unha das persoas que asistiamos as clases colliamos apuntes para outras tres ou catro que aprobaban as asignaturas facendo os exames, eso si.

Gustaríame saber se todos os que rachan as vestiduras polos “Master” asistiron a tódalas clases de todas as asignaturas das súas carreiras.

Son socia de eldiario.es, e loxicamente concordo bastante coa súa liña editorial pero penso que con toda esa información que teñen deberían ir polos responsables desas irregularidades –que seguro que se cometeron con outra moita xente que se dedica a actividades privadas- e non só a polas que se dedican á política, que no caso de Montón nin sequera ten case nada a ver o Master –igualdade- coa súa responsabilidade coma política –sanidade.

Pero facer que unha política demita é máis doado e xera máis repercusión mediática que facer que uns funcionarios –profesorado ou da administración da Universidade- paguen polo que fixeron se é que fixeron algo ilegal.

Como eu o vexo habería que “ir” a por unha persoa que se dedica á política polas irregularidades que cometa desempeñando o seu cargo e non por roubar unhas cremas nun supermercado.

Salario, pensión, complemento, asignación…

Vou empezar dicindo que adxetivar pensión con vitalicia é bastante redundante. A maioría das pensións son vitalicias -as contributivas, todas. E dicir que alguén cobra unha pensión estando traballando, é, case con seguridade, mentir; as remuneracións froito do traballo, cando se está cobrando unha pensión, están moi restrinxidas -que lle pregunten xs escritores. E remato con que as pensións contributivas cóbranse cando se chegou a unha idade determinada.

Cada vez que unha persoa deixa un cargo público (que ocupou por dedicarse á política) aparecen sempre as mesmas medias verdades interesadas.

Que solicitou a pensión vitalicia. Eu traduciría isto coma solicitou o paro. Calquera persoa que deixa un traballo, e reúne os requisitos, ten dereito a cobrar o paro. As persoas que traballan na Administración, tamén. Estas retribucións, nos casos das políticas, é do 80% do salario base durante dous anos. Pero, o mesmo que co resto das persoas, esta retribución só se cobra se a persoa non se incorpora a outro traballo.

Que está cobrando varios salarios da Administración. Tamén falso, Non se pode cobrar máis de un salario da Administración. Pode ter varios cargos pero só pode cobrar un salario.

Por que se seguen a producir estas desinformacións? Pois porque aos medios non lles da a gana de falar con propiedade. Mesturan salarios con complementos para que pareza que na política se cobra moito. Que eu tamén penso que algúns políticos cobran moito, pero non porque o salario sexa alto.

Eu quero dicir algunhas cousas ao respecto:

Os salarios dos cargos públicos non son altos, de feito o Pesidente do Goberno cobra menos que calquera executivo intermedio dunha empresa privada importante.

Xs políticos xubílanse cando cumpren a idade determinada para todo o mundo e terán a pensión que lle corresponda segundo o baremo que se aplique a calquera persoa traballadora.

Que cobra a pensión vitalicia que lle corresponde coma presidente. Tamén media verdade. Os expresidentes teñen unha cantidade asignada basicamente para manter unha oficina con dúas empregadas, unha de nivel 30 e outra de nivel 18, que para as que non estén familiarizadas con isto quere dicir unha persoa para asesoramento e unha auxiliar administrativo.

Salario, pensión, complemento, asignación… son palabras con distinto significado. Utilizalas coma sinónimos só pode levar á confusión interesada. E a confusión ao cabreo, que penso que é o obxectivo: radicalizarnos para que non creamos na política nin nos políticos.

Cando se quere desprestixiar a alguén debería facerse con argumentos reais e veraces, que habelos hailos

Política e intelixencia

Estase creando unha sensación de que xs políticxs son parvos. Non o son e por iso poden manipularnos.

Acabo de ler unha entrevista que Henrique Mariño e Christian Gózáles lle fixeron a Jordi Évole no xornal Público -publicada onte. Jordi Évole: “La izquierda ha cometido una gran equivocación al tratar a Rajoy de tonto”

Nun momento da entrevista di, “Insisto, creo que la izquierda se ha equivocado tratando de iluso, tonto e incapaz a Rajoy.”

Concordo con Évole e eu facería estensible a expresión á maioría dxs políticxs.

O xornalismo non pasa polos seu mellor momento e a forma de manter entretido ao persoal é o estilo Sálvame. Hai que facer horas de TV e páxinas de xornais ridiculizando xs políticxs non tanto polas súas actuacións coma por aspectos irrelevantes no desenvolvemento da súa actividade; que se non falan ben o Inglés, que se a súa dicción non é boa, que se a expresión que utilizou non foi exacta… por non falar do aspecto físico, da vestimenta…

Entendo que os humoristas aproveiten estas tonterías para facer uns chascarrillos. Pero levar iso aos programas informativos paréceme moi pouco profesional. Pero aparte de que sea un erro subliñar a forma no canto do fondo, peor me parece asociar un problema de dicción a unha “discapacidade intelectual”.

A linguaxe é unha forma de comunicación e a finalidade desta é que a mensaxe emitida sexa comprendida polo receptor. Algunhas veces hai erros na mensaxe -ortográficos, gramaticais…- pero un receptor medianamente intelixente pode comprender a idea principal, entendendo que non está moi ben expresada. Xa sei que nalgúns casos é máis difícil -de aí os malentendidos ou malexpresados- pero non son a maioría.

Vou pór un exemplo dun mitin de Susana Díaz. Despois de destacar os case 140 anos de historia do PSOE, dixo algo -non recordo literalmente- sobre a permanencia do partido durante tres séculos. E xa se liou; que se non sabe contar, que se se contradice, que se o partido existe dende o século XVIII… Non é complicado entender o que quería dicir. Ata en El Intermedio, -que é un programa de humor- despois de facer o chascarrillo recoñeceron o que quixo dicir.

O dito, crer que xs políticxs son idiotas non axuda.

Patriarcado

Son unha persoa moi independente e cada paso amólame máis que me manipulen, case máis que que me manden.

Normalmente fálase de patriarcado en relación coa dominación á que somos sometidas as mulleres na nosa vida privada. Pero eu quero ir máis lonxe.

O patriarcado é unha forma de dominación que vai máis aló das relacións home-muller. Abranque home-muller, muller-infante, jefe-subordinadx… no nivel individual, pero tamén empresa-consumidores, clase social-clase social de nivel inferior, partidos políticos-cidadanía… de forma colectiva. En virtude dunha norma “natural”, “moral” ou “divina” que así o determina.

Cal é o obxectivo? pois conseguir que alguén faga o mellor para xs dominadores.

Como se consegue? Pois hai moitos procedementos que se utilizan segundo as circunstancias.

A forza bruta nas dictaduras e polas persoas máis primitivas.

A manipulación para as democracias -ou similar- e as persoas máis cultivadas.

A chantaxe -case sempre emocional- en tódolos casos. E xa no campo dos sentimentos e das emocións… pois case de todo; inseguridade, medo…

O machismo é unha faceta do patriarcado que afecta ás mulleres. Pero os homes non están libres de ser vítimas tamén. O patriarcado abrangue tódolos campos e afecta a case todas as persoas. O poder político e o económico, os cartos -ás veces non se distinguen os dous conceptos- están concentrados nuns poucos.

Os líderes políticos compórtanse como as parellas machistas. Tes que admiralos, adoralos… Con iso está garantido que fagan o que fagan, coa dose correspondente de manipulación, vaiche parecer ben.

Que agora vos deixo que decidades vós? estupendo, “que buenos son que nos llevan de excursión”.

Que agora decido eu o que me sae de alí? Era necesario, non se podía agardar, había que tomar unha decisión xa.

Hai moito patriarcado nas actuacións dos líderes políticos, e como consecuencia demasiada violencia na linguaxe que utilizan -non tanto na das lideresas.

É que só eu vexo isto? Ben, para ser máis precisa Ángela Rodríguez e máis eu.

Posibilismo

Dende a transición instalouse na nosa sociedade o endeusamento da mocidade. Penso que os nosos políticos deben ser os máis novos de todo o mundo.

Cando saímos da dictadura tiña certo sentido que non nos fiaramos dos políticos maiores, eran franquistas e polo tanto moi sospeitosos de pouco demócratas. Neste momento xa non lle vexo sentido. Seguimos a pensar que as persoas maiores somos conservadoras e as novas son progresistas. Coma todas as xeneralizacións, non é certo. As persoas maiores podemos ser máis “antisistema” que as novas entre outras cousas porque non temos que labrarnos un futuro, nin “corrompernos” polos nosos fillos… Por outra banda, se miramos un pouco o pasado recente e o presente atopamos persoas moi maiores que foron e son referente das novas: Hessel (Indignádevos!), Beiras, Mujica, Sanpedro, Saramago…

Para min o inconveniente que ten a xente nova é que non é posibilista. Nunca vos perdoarei que sigamos con Rajoy coma presidente, Podemos e PSOE. Os dous foron irresponsables e non me importa quen empezou antes ou se un ten máis responsabilidade que o outro, o resultado é o que é. Pero a xente nova de cada unha das formacións está moi satisfeita porque coma a “culpa” foi da outra… Penso que isto non pasaría con persoas maduras.

Unha cousa e o discurso teórico e outra é gobernar. Para gobernar non vale a perfección ou nada porque mentras chega a perfección -se chega- o problema non se resolverá só.

Mujica, ao que tanto menciona a mocidade, foi revolucionario pero asumiu que se gobernas tes que facer todo o posible para mellorar a vida da xente aínda que non sexa exactamente o que ti pensas que é o mellor, nin sequera o que levabas no teu programa electoral. Pero hai que ser maior para non ver isto coma un fracaso.

Pódese facer moito con moi pouco mentras se espera o mellor.

Eu fun docente e cunha lei de educación franquista faciamos ensino en galego, sen textos e con metodoloxías activas e participativas. Como? pois movéndonos no alegal e camiñando fola linde do legal e o ilegal… Tamén con algunhas persoas expedientadas, teño que dicir, pero sen consecuencias demasiado tráxicas. Non esperamos a ley maravillosa, simplemente fixemos o que poidemos aproveitando todas as posibilidades dese momento.

Facer o posible en cada momento non é conservador. A utopía -absolutamente necesaria- non pode inmobilizar o cotián.