Por que pode que vote ao PSOE

Normalmente voto así:

Nas eleccións ao Parlamento de galicia BNG,

Nas Municipais BNG e ultimamente Compostela Aberta polo das Mareas e coalicións variadas,

Nas Xerais a cousa xa foi máis variada; primeiro foi PC, logo Eu, logo UP. Esto en xeral. Polo medio votei nalgunha ocasión BNG -cando a situación a nivel estatal estaba “tranquila”- e tamén ao PSOE -no caso contrario, situación “complicada”.

Agora mesmo penso que estamos nunha situación tirando a complicada.

Para min o PSOE sempre foi un partido amigo. Con discrepancias considerables nalgún caso pero nunca ao punto de consideralo non demócrata nin siquera de dereitas liberal, sempre o encaixei na socialdemocracia.

Polo tanto votar ao PSOE non supón alteración anímica; que non preciso “Tapar o nariz”!, vaia

Son defensora dos Partidos e dos Sindicatos como formas de organización Políica e Laboral. Cabréanme moito os personalismos; non me gusta oír “o partido de…” “eu vou facer…” “Sanchismo” etc., etc. Si creo no liderazgo.

Pedro Sanchez paréceme un bo líder para un partido “regular”, unha persoa demócrata, de partido e cunha proxeción internacional que non tivo ningún outro Presidente.

E o máis importante, soubo capear o temporal de construír un goberno de coalición, gobernar con minoría parlamentaria e coas discrepancias internas do Goberno… Por se isto fose pouco o período no que lle tocou gobernar tampouco foi fácil.

Tamén podo elixir votar á coalición de esquerdas que se forme, pola parte de EU non tería ningunha dúbida, para mín tanto Alberto Garzón coma Yolanda Díaz tiveron, coma membrxs do Goberno, unha actuación muy correcta -por non dicir impecable xa que non me gustan os superlativos- pero non podería dicir o mesmo de Ione Belarra, tamén coma membra do Goberno. Penso que dende esa posición non se debe descalificar publicamente ao Presidente, estar todo o tempo resaltando as discrepancias antes de chegar a un acordo, atribuírse tódolos trunfos e desentenderse dos fracasos… Resumindo; que non distinga o Goberno dos Partidos. As decisións do Goberno son colectivas e non sempre cada compoñente está totalmente de acordo con todas elas, consensuar é iso. Contribuír a queimar o teu propio goberno, NON. Pola outra banda, a socialista, foron moito máis comedidxs. especialmente o presidente do Goberno que “pobrecico mío” debeu facer moito ioga e moita maditación para aparecer sempre tan sereno.

Pois por todo isto pode que vote ao PSOE nas próximas eleccións

A crianza

Ao ter sido docente sempre tiven o convencemento de que a evolución a unha sociedade igualitaria -en tódolos sentidos- pasaba pola Educación. Agora penso que era fe.

Toda a análise que vén a continuación parte do sesgo de clase media, media-acomodada pero non rica.

Polos 50 e pico a crianza eramos unha etapa de paso a persoa adulta; pasabamos moito tempo na rúa, a aprendizaxe era horizontal, as persoas adultas non se ocupaban moito de nós -á parte da alimentación e coidados de saúde básicos- ata que polos 4 anos ensinábante a ler, para cando fósemos á escola. Logo, se eras dun pobo e con algo de posibles, xa se pasaba ao internado para facer o Bachalerato. Podíache caer unha labazada alghuna vez pero tampouco era algo frecuente, contra o que poida parecer cando se fala -sesgadamente- desa época. Porque a sociedade estaba estructurada de forma que a autoridade non estaba cuestionada, e neste caso a crianza asumía que os adultos tiñan razón. O tema da alimentación infantil estaba claro; a crianza comía o mesmo que xs adultxs, pero ninguén comía moitos doces, nin moita carne vermella, nin moito azucre… Simplemente porque eran caros, estabamos na posguerra. Os doces estaban reservados para as festividades e a carne comíase unha ou dúas veces á semana porque o peixe estaba máis barato. A froita e a verdura eran basicamente de autoconsumo.

Os nosxs fillxs pasaron a ser o centro. Eramos ricos, a probabilidade de atopar un traballo era alta. Apareceu a diminución da lactancia e as garderías para que as nais se poidesen incorporar ao traballo. Supoño que para compensar na casa pasaban cousas algo curiosas. Eu coñecín unha parella que instalou á crianza no dormitorio principal, con baño incorporado, e mesmo reformaron o baño para poñer as pezas de tamaño infantil. Coma nós nos criamos na posguerra queriamos mercarlle á nosa crianza todo o mellor; os xoguetes máis á moda, a mellor roupa…. Todo o que nós non tiveramos. Esto incluía a comida; solomillo, bolaría industrial, doces e xeados en calquera momento… Pode que o máis positivo fose o aumento do consumo de froita. Perderon un pouco de autonomía fóra do fogar pero aínda xogaban sós, na rúa.

E agora paso a xs netxs. Aparece a crianza do apego e a lactación infinda, contra o que eu non tería nada que obxectar se non fose polo pequeno detalle de que as tetas tenas a nai. Non sei eu se facendo unha análise coste-beneficio nai-crianza o cambio merecerá a pena. Á parte disto o apego -coma case todo- pode saírse de nai. Unha cousa é que a criatura se sinta querida e protexida e outra que se faga dependente. Pode que neste caso os proxenitores tamén opten por facer todo o que non fixemos con eles. E así pasamos a unha situación na que as criaturas non teñen a máis mínima posibilidade de coñecer outro mundo fóra da burbulla familiar; non poden estar soas en ningún momento, non poden comer nada que non pase o filtro parental… na escola e no círculo de familia extensa hai que facer o mesmo que nas súas casas… E do da alimentación? Iso merece outro capítulo. Que si os lácteos, que si a chía, que si o veganismo…

E digo eu… non nos estaremos radicalizando tamén no da crianza? E tamén digo… Na crianza trátase de que as criaturas coñezan outras persoas, outros costumes… e de que se fagan autónomas.

Brecha dixital

Penso que nesto da fenda dixital das persoas maiores hai moito paternalismo e interese económico, coma en case tódolos aspectos que concirnen á xente maior.

Son unha persoa maior moi independente.

Empecei a utilizar ordenadores cando aínda non tiñan rato, si, coas teclas de función. De Internet xa non digamos. Logo viñeron os ratos e tiven que adaptarme. É moito máis fácil, dician os informáticos. Pero non nos enganemos; o máis sinxelo é o que xa se sabe. Aprendín. Tamén apareceron as redes internas que só servían para mandar documentos entre departamentos da mesma empresa ou entidade… Tamén aprendín. Coa Internet global o mesmo.

Foise desenvolvendo o uso en liña; aparecen páxinas web, aplicacións… para facer compras e xestións administrativas… Tamén aprendín a utilizalas.

Ata aquí todo normal.

Pero logo chegaron as melloras. Para que o procedemento fose máis sinxelo, máis seguro… Informáticos e empresas non paran de facer innovacións de forma que o que antes facías dunha maneira agora é de outra. Para que ata unha crianza de tres anos saiba facelo.

Aquí vou facer unha paréntese; as criaturas de tres anos non son máis listas do que era eu a esa idade porque saiban utilizar unha tableta ou un teléfono -eu non o facía basicamente porque aínda non existían-, é que están pensadas e deseñadas para que o fagan.

Ben, continúo. Pois con tantas “melloras” chega un momento no que xa aprendín a facer a mesma cousa de tantas maneiras -recordemos que son maior- que nas tarefas que non son cotiás xa non me da a gana de aprender máis, porque é moi probable que a próxima vez que teña que facelo xa sexa diferente. E xa prefiro que alguén a faga por min. Pero non porque non poida facela eu senón porque non teño ganas de pelearme coa aplicación; que se toquei na icona do lado, que se se colga, que se nese momento non vai porque está sobrecargada…

Son unha analfabeta dixital? Penso que non.

Que hai moitas cousas que prefiro facer en persoa? Si, especialmente mercar.

E digo eu… A atención personalizada non debera ser un servizo só para persoas maiores coa excusa de que non sabemos utilizar a tecnoloxía.

Eu sei utilizar as cabinas de “pago fácil” -vaia ironía- das autoestradas ou as caixas de autopago dos supermercados pero non o fago por varias razóns diferentes ao descoñecemento.

O suicidio

Para min o suicidio e un dereito. Dereito a decidir sobre a miña vida, o meu corpo. O mesmo que o aborto ou a eutanasia.

O suicidio estivo -e penso que aínda está- penalizado pola Igrexa católica, e non sei se por outras. A unha persoa que se suicidaba non lle estaba permitido soterrarse “en sagrado”.

Parece que aos Nazis tamén lles molestaba que os judeos se suicidasen do canto de esperar a que os torturaran e mataran, e poñíanlles atrancos para facelo coma cortar o subministro de gas.

A min paréceme que nos dous casos a idea é que ti non podes decidir se vives ou non porque hai un “amo” que decide por ti. Decidir ti sería o mesmo que negar a autoridade do teu superior

Non me gusta a campaña que se está facendo sobre a prevención do suicidio porque parece que o mal é o suicidio. Para min o “mal” está en que unha persoa se sinta atrapada na súa propia vida de tal maneira que deixe de ter o máis mínimo interese, remate suicidándose ou non.

Pola contra tamén penso que o suicidio pode ser, nalgúns casos, a mellor opción de vida.

Por iso me gustaría que a campaña reivindicativa fose por outros camiños; reivindicar o Estado do benestar, a saúde física e mental… Non por demonidar o suicidio.

O obxectivo, para min, é que a xente viva razoablenente tranquila -xa non digo feliz-, non que non se suicide.

Eu nunca tiven pensamentos suicidas pero considero o suicidio coma unha opción de vida que, no caso de elixila, non debería culpabilizar a ninguén.

A calidade de vida dunha persoa non debe ser un medio para conquistar un obxetivo -evitar o suicidio. É un obxectivo en si mesma. Se se consegue, pode que haxa menos persoas que decidan abandonar a vida prematuramente.

Botellóns

Dende o seu nacemento sempre foron moi controvertidos.

Tivo e ten partidarios e detractores por diferentes motivos pero poucas veces polo que a min me parece o máis importante: O consumo excesivo de alcohol.

O botellón ten, coma case todo, cousas boas e malas. E as malas están case sempre ocasionadas pola falta de educación cívica e/ou para a saúde.

De entrada que un grupo se reúna ao aire libre para escoitar música, e ata para “tomar algo”, non tería por que ocasionar un conflicto social ou de saúde, dependendo de coma se faga.

O problema xorde, coma case sempre, polo modo de facer as cousas, pola falta de educación.

Falta de educación para a saúde. O consumo de alcohol non é saúdable para quen o consume independentemente de que xs que o consumen ocasionen despois males a terceiras persoas, que tamén.

Falta de educación cívica. Molestar á veciñanza con ruído, provocar destrozos nos bens comúns ou deixar lixo en espazos comúns non está ben, estando bébedo ou sobrio.

Tentar resolver un problema con prohibicións no canto de con educación adoita levar a que as posicións se polaricen.

Os botellóns reflicten á perfección as consecuencias de levar aos extremos o binomio permisividade-intransixencia, que tan ben se nos dá.

Se hai que demonizar os botellóns que sexa polo consumo de alcohol, non porque perdan de vendelo os empresarios hosteleiros.

Unha romaría tamén é unha festa na que a xente come e bebe ao aire libre, coa excusa -ou non- de presentar respectos e devoción a algún santo. Adoitan ser en espazos illados e normalmente o impacto do lixo ou dos destrozos na zona son mínimos. Está claro cal é a diferenza entre romaría e botellón? A educación. A maioria das persoas que acoden a unha romaría respectan o lugar no que están.

Aproveitando a pandemia estamos asistindo a un fenómeno moi común en épocas de crise “A río revolto, ganancia de pescadores“. Os “emprendedores” ofrecen todo tipo de remedios -eficaces ou non. Os antivacinas aproveitan para mostrarnos os efectos perversos das vacinas. Os políticos para mostrarnos a incapacidade dos seus opoñentes ou mesmo para colocarlle aos opoñentes a súa propia incapacidade… E a cidadanía en xeral para chinchar ao do lado porque lle parece que non está todo o jodido que require a situación.

E digo eu… Non sería bo que actuásemos da forma máis normalizada posible cumprindo as normas sanitarias e sabendo que a seguridade absoluta non existe?

Insisto; menos extremismos nas prohibicións e máis educación. Non sexa que acabe impoñéndose a “libertad”