Dende a transición instalouse na nosa sociedade o endeusamento da mocidade. Penso que os nosos políticos deben ser os máis novos de todo o mundo.
Cando saímos da dictadura tiña certo sentido que non nos fiaramos dos políticos maiores, eran franquistas e polo tanto moi sospeitosos de pouco demócratas. Neste momento xa non lle vexo sentido. Seguimos a pensar que as persoas maiores somos conservadoras e as novas son progresistas. Coma todas as xeneralizacións, non é certo. As persoas maiores podemos ser máis “antisistema” que as novas entre outras cousas porque non temos que labrarnos un futuro, nin “corrompernos” polos nosos fillos… Por outra banda, se miramos un pouco o pasado recente e o presente atopamos persoas moi maiores que foron e son referente das novas: Hessel (Indignádevos!), Beiras, Mujica, Sanpedro, Saramago…
Para min o inconveniente que ten a xente nova é que non é posibilista. Nunca vos perdoarei que sigamos con Rajoy coma presidente, Podemos e PSOE. Os dous foron irresponsables e non me importa quen empezou antes ou se un ten máis responsabilidade que o outro, o resultado é o que é. Pero a xente nova de cada unha das formacións está moi satisfeita porque coma a “culpa” foi da outra… Penso que isto non pasaría con persoas maduras.
Unha cousa e o discurso teórico e outra é gobernar. Para gobernar non vale a perfección ou nada porque mentras chega a perfección -se chega- o problema non se resolverá só.
Mujica, ao que tanto menciona a mocidade, foi revolucionario pero asumiu que se gobernas tes que facer todo o posible para mellorar a vida da xente aínda que non sexa exactamente o que ti pensas que é o mellor, nin sequera o que levabas no teu programa electoral. Pero hai que ser maior para non ver isto coma un fracaso.
Pódese facer moito con moi pouco mentras se espera o mellor.
Eu fun docente e cunha lei de educación franquista faciamos ensino en galego, sen textos e con metodoloxías activas e participativas. Como? pois movéndonos no alegal e camiñando fola linde do legal e o ilegal… Tamén con algunhas persoas expedientadas, teño que dicir, pero sen consecuencias demasiado tráxicas. Non esperamos a ley maravillosa, simplemente fixemos o que poidemos aproveitando todas as posibilidades dese momento.
Facer o posible en cada momento non é conservador. A utopía -absolutamente necesaria- non pode inmobilizar o cotián.