Promesas electorais

Por moito que nos libraramos do bipartidismo a realidade é moi tozuda e para gobernar hai que ter unha maioría parlamentaria. Porque é no Parlamento onde se elixe ao presidente -si, presidente, no noso caso non hai opción a que poida ser presidenta.

XS xornalistas empéñanse en que os políticos se manifesten na campaña electoral con quen poden facer alianzas e con quen non. Tamén os políticos se manifestan nese senso.

Tal e como están as cousas na actualidade e como eu o vexo, non é posible saber como se vai formar un goberno antes das votacións. O normal é facer alianzas entre partidos afíns, pero pode que non sexa posible. Xa vimos esta situación e pode que a volvamos ver.

Agora mesmo estou vendo coma Podemos tenta traer ao seu partido a votantes do PSOE co argumento de que pode ser que o PSOS pacte con Cs. E si, pode ser pero eu tamén me pregunto que pode pasar se PSOE e Podemos non teñen maioría e PSOE e Cs si. Vou aclarar que non son votante do PSOE polo que non teño especial querencia por ese partido. O que si sei e que se tivera eu que elixir un goberno do PSOE apoiado por Cs ou un do PP ou de Cs apoiado por Vox, ou mesmo só de PP e Cs creo que preferiría PSOE con Cs.

Loxicamente non sería a miña primeira elección, nin sequera a segunda. Pero tendo en conta que só Podemos ou só PSOE non é posible, a mellor das opcións posibles sería -para min- Podemos – PSOE ou viceversa. Logo nin o PSOE debería facer campaña contra Podemos nin Podemos contra o PSOE. Eu teño moi claro cales son os enimigos e cales son posibles aliados. E Tamén con cal dos enimigos me xuntaría se non queda máis remedio

As consignas de campaña deberían ser: animar á xente a votar -ás de esquerdas faille falta- e explicar o que pensas facer se gobernas. Xa virán os acordos postelectorais unha vez que se coñezan os resultados.

Sería máis sinxelo para o electorado e os partidos non terían que desdecirse.

Pero nesta dinámica de cabreo permanente quedan desdibuxados os obxectivos fundamentais -para min, agora mesmo, non seguir perdendo dereitos básicos.

Carta aos Reis Magos

Xa que parece que entramos nunha nova era, nunha nova maneira de facer política, a min gustaríame que non só mudase a forma de facer política. Por exemplo a forma de facer TV.

Gustaríame que, aclarado quen goberna e quen fai oposición, os políticos se dedicasen a iso. Porque andar de cadea en cadea, de programa en programa, para rematar dicindo o mesmo en todos os lugares -anécdotas incluídas- supoño que lles quitará moito tempo para dedicarse ao seu. Eu non me imaxino a min -nin a ninguén- facendo o meu traballo e ao mesmo tempo estar omnipresente en tódolos platós. Unha cousa é unha campaña electoral, que tamén podían ser máis discretas porque penso que a relación nova información que aportan – custo económico non é rendible, e outra que estemos tooodo o tempo en campaña.

Tamén me gustaría que os grupos de comunicación se dedicasen ao seu. E dentro do seu está facer series, cine, musicais, reportaxes… ademais da información e a opinión. Porque non nos enganemos, facer un programa de cinco horas nun plató cunha xente aí sentada -a eses non os fan estar en pé- falando de tanto me ten que, sae moi barato. E digo barato no sentido literal, escoitei a Jordi Évole dicir que el só pode facer un número determinado de programas ao ano porque saen máis caros que as tertulias e ocupan menos tempo de programación. Véndeno coma formatos novos con moita pluralidade e liberdade de expresión, de “interese cultural” ¿?… Pode ser, pero eu véxoos repetitivos e cunha liberdade de expresión daquela maneira -na esencia dos formatos está a violencia verbal- que non contribúe en nada á cultura da paz.

Por isto, é por outras razóns, pídolle aos Reis Magos -e a toda a sociedade, para ser máis realista- que nos dediquemos a traballar, cadaquen no seu, para mellorar a vida de todxs.

Publicar listas

Esta obsesión que nos entrou de querer saber todo de todos non a remato de entender. Nun caso concreto, en quente, pode parecer moi lóxico e sensato, pero coñecéndonos… non sei eu.

Entre a publicación de listas e os pasquíns non hai nin liña vermella.

Non é un tema novo, xa se ten falado de listas de pedófilos, de violadores, de defraudadores… agora mesmo xa se albisca a posibilidade de coñecer as persoas que teñen transtornos da personalidade e ata as que teñen enfermidades mentais ou físicas -para as compañías de seguros sería moi útil.

A tentación de publicar listas con fins espurios é forte. Xa se teñen dado moitos casos de atentados contra a intimidade agora mesmo -sendo unha actividade ilegal- con fins políticos, comerciais, morais… E sinceramente, non teño nada claro que contribúa ao bo desenvolvemento da xustiza -a non ser nos casos de prófugos, pero iso xa é legal.

Temos tendencia ao linchamento e a crueldade dunha masa cabreada pode levar a máis dunha traxedia. Non confiamos na xustiza. E non é que eu confie moito, pero asúmoo coma un mal menor. En calquera dos casos que mencionei o que quero é confiar en que serán xulgados e condeados, se son culpables, máis que coñecer a súa cara ou o seu nome.

Por outra banda non acabo de entender por qué a corrupción no público é peor que no privado. Alguén que se enriquece a costa da súa empresa e a leva á ruína, ao peche, un ERE, despidos… non nos afecta a todxs? ou no mellor dos casos repercutirá nos prezos, que afectan aos consumidores. Non tivemos que pagar entre todxs a ruína dos bancos polo enriquecemento e mala xestión dos banqueiros?

Sinceramente, creo que o único que interesa das listas de defraudadores é ver de que partido son para utilizalo na campaña electoral.

A min o que me interesa é o asunto económico, que se restitúa o roubado e se pague a multa -nin sequera que vaian ao cárcere (máis aló da prevención na investigación), que tamén me costaría cartos- Como se chamen ou de que partido sexan dáme igual.