Tsipras? Maduro?

Quero agradecer xs xornalistas os monográficos que me proporcionan para que vaia coñecendo os países do mundo.

No 2015 tocou Grecia. Este foi intensivo. Houbo alí dúas eleccións antes que as nosas. Non se escatimaron medios, até se foron facer “in situ” programas informativos, ademais de reportaxes, entrevistas…

Cal era o interese informativo? Pois saber que políticos de aquí estaban a favor de Tsipras e cales en contra. Había un interese real? Pois tamén, pero o tratamento informativo non tivo nada a ver co que se fixo con outros países que tamén pasaron por esa situación.

Os políticos tamén axudaban; uns ían correndo a Grecia para saír nas fotos de SYRIZA á beira de Tsipras e outros quedaban aquí chamándolles tolos, insensatos, inconscientes… -aos de SYRIZA e aos de aquí. Estabamos en campaña electoral e todo é bo para saír nos medios.

E así pasamos o ano, analizando o que pasaba en Grecia e comparando Grecia con España -eso si, dicindo que Grecia non ten nada a ver con España ao mesmo tempo que facían a comparación. E a SYRIZA con Podemos -que tampouco entendín moi ben por que, xa que ao meu entender ten máis similitudes con Esquerda Unida. Pero Podemos tamén quería a súa cota mediática e apuntouse.

Non soubemos máis de Grecia -polo que respecta aos medios.

E agora toca Venezuela. Volvemos estar en campaña electoral e toca estar a favor ou en contra de Maduro. E tamén hai que ir alí para… non sei moi ben que.

E digo eu… Non sería mellor facer a campaña electoral baseándonos nos nosos propios problemas?

Coma se non houbese problemas dabondo sen saír fóra!!!

Grecia non é España

Escoitamos esta frase ata a saciedade pero ao mesmo tempo si que nos están comparando todo o tempo -as mesmas persoas.

Estamos vendo coma todos os políticos están pretendendo sacar tallada electoral posicionándose dun lado ou do outro -gregos- coma se nós fosemos Grecia.

O caso de Pablo Iglesias Jr. é bastante espectacular, xa non sabe que facer para apuntarse tódolos tantos de todo o que pase ao seu arredor.

Acércase ou alónxase de ANOVA e AGE segundo lle vai vindo ben. Alónxase de IU en España pero integrouse no grupo da Esquerda Plural europeo, no que xa estaban -antes ca Podemos- IU e Syriza.

Tamén parece que pretende apropiarse de tódalas plataformas cidadás -agora está coas Mareas galegas.

Xa escribín hai tempo que Syriza ten máis similitudes con AGE ou con IU -coas que tiña relación cando nin existía Podemos- que con Podemos. Pero a Pablo Iglesias dálle igual, non tivo ningún escrúpulo en demostrar que “Tsipras é máis amigo meu ca teu” no peche da campaña electoral grega, saíndo ao escenario cando estaba acordado que non habería intervencións “extranxeiras” no último día -de feito só saiu facer a foto.

Non entendo que fan os Partidos políticos españois -todos- en pórse a facer campaña no referendum grego -polo si ou polo non- e pretender trasladar iso a España.

Eu alégrome de que gañase o NON en Grecia, máis por unha cuestión testemuñal que real. Hai que reivindicar a democracia e a política fronte os mercados. Pero non nos enganemos, en Grecia están case na situación “non ter nada que perder, agás as súas cadeas”, cousa que creo pon pasa en España polo de agora. Teño moitas dúbidas de que o resultado aquí fose o mesmo, nin sequera que se celebrase referendo. Pero non porque sexamos menos demócratas que os gregos senón porque non se convocan referendos para perdelos.

En lugar de pór tanta énfase en colocarse dun lado ou doutro, de buscar resultados electorais, TODOS deberían buscar unha solución ao problema. Que a hai, seguro.

Realidade virtual

Onte vin na sexta a entrevista que lle fixo Évole a Varoufakis. En varias ocasións Varoufakis explicou a Évole que a información que tiña respecto do que pasa nas reunións europeas: consellos de ministros, comisións… non é certa, que esa información é a que dan os xornalistas que ven a política e os partidos políticos coma un partido de fúbol. Segundo Varoufakis as reunións son serias, escoitanse uns aos outros, buscan solucións… -uns xornalistas dixeran previamente que cando fala o ministro grego, os outros len a prensa ou manexan as tabletas.

Insistiu, en mais dunha ocasión, en que o que vemos na prensa non ten nada a ver co que pasa na realidade. Mesmo nun momento pareceume que quíxolle botar na cara que a información que tiña era só a sacada dos xornais.

Aquí quero dicir dúas cousas relacionadas cos medios de comunicación; a primeira é que concordo con Varoufakis en que moitos xornalistas “interpretan” os feitos con ese enfoque futbolístico e despois dan a noticia e opinan, co que a realidade resultante pode distar moito da acontecida ou polo menos ter outros matices, e a segunda é que outros xornalistas, coma o caso que comento, en vez de preguntar directamente preguntan a través dos comentarios ou das noticias doutros xornalistas. Isto obriga a/ao entrevistadx a ter que desmentir a noticia, a atención xa se fixa neste aspecto e queda desdibuxada a súa propia opinión -fóra da confrontación.

A mellor proba da realidade virtual son as redes sociais.

Os programas de TV utilizan a posición do programa nos temas do momento (trending topic) para presumir de audiencia, e iso é certo en parte, se estou opinando é porque o estou vendo. Ao mesmo tempo, nos tuit, estase a falar mal do programa, ou dos tertulianos, ou do presentador… pero iso non importa, só que o están vendo. E a xente que tuitea criticando está a darlle audiencia ao programa, crea polémica na rede e a xente sintoniza o programa. Total unha realidade nas redes denostando algo e unha realidade real coa porcentaxe de audiencia mais alta da súa franxa horaria.

Hai pouco houbo unha campaña en tuiter para baixar a audiencia dunha cadea que o que fixo foi colocala líder.

Grecia

Abriu a veda para que se poida falar de Grecia coma se viviramos alí de toda a vida.

Eu sei moi pouquiño de Grecia, coma case todo o mundo, pero voume aplicar un dito “se falan sendo ignorantes no tema, eu, que son tan ignorante coma eles, ou máis” e tamén podo falar.

Ben… vou falar menos da composición do Goberno porque iso “non ten perdón de deus”. Xa non digo paritario, pero isto…

Pero deixando este tema aparte -que non é menor- quero ver se atopo unha explicación para o da alianza co partido Gregos independentes.

Posiblemente Tsipras precise máis apoios en Grecia que en Europa. Non é que en Europa llo vaian poñer fácil pero parece que a Troika, ou polo menos o Banco Central, xa está na dictablanda; está Hollande, que xa pasou por iso; están os outros países rescatados; estamos os que non puidemos ser rescatados porque somos demasiado grandes… Tamén conta con que son poucos -os gregos- e polo tanto o problema tamén é menor que se foramos nós ou Italia…

O que penso é que por esa banda as cousas vanse arranxar dalgunha maneira. Non coas condicións iniciais de Syriza -que xa se foron rebaixando- pero a algún acordo chegarán.

Seguramente o problema máis gordo o teña na casa.

Non sei como está de forte o movemento feminista en Grecia, pero moi contentas non creo que estén -pero xa dixen que diso non ía falar.

Tamén están a dereita en xeral e o exército en particular. Pode que para iso conte con Gregos Independentes, para que controle eses sectores. Parece ser que o Ministerio de Defensa foi o único que até o de agora non só non tivo recortes no presuposto senón que o aumentou, e curiosamente ese ministerio é para Gregos Independentes. Se agora hai que recortar nese ministerio pode que aos militares lles moleste menos que o faga un nacionalista de dereitas.

Vou ser ben pensada e e crer que esta alianza é para “acalmar e controlar” aos sectores radicalizados da dereita.