Non entendo moi ben a necesidade duns determinados órganos sexuais para sentirse dunha maneira ou outra ou para ter unhas determinadas preferencias sexuais.
Hai pouco comentaba cunha amiga oa casos dalgunhas persoas, de sexo masculino que, ao sentirse mulleres, mudaron a súa fisonomía e o seu nome por outros femininos para ser mulleres lesbianas e continuar coa mesma parella que tiñan.
Tamén hai mulleres que por ter que facer masectomías din non sentirse mulleres “completas” e sométense a cirurxía de reconstrución mamaria para sentirse ben.
E digo eu… Non sería máis sinxelo seguir un proceso máis lóxico?
Explícome. A Natureza dáme un corpo cunhas determinadas características sexuais e xenéticas; órganos sexuais “masculinos”, pene, testículos… ou femininos, ovarios, vaxina, peitos…; e xenéticas, cor da pel, pelo, ollos, altura…
Como a Natureza non é tan sabia coma se di, pode ser que algúns órganos saian defectuosos; cegueira, xordeira… ou malformacíons doutro tipo.
Grazas á Ciencia e á tecnoloxía moitos destos erros pódense corrixir.
Cando os erros da Natureza impiden a unha persoa levar fisicamente unha vida normalizada entendo que se faga o cientificamente posible para corrixir eses erros e mellorar a súa vida.
Pero tamén entendo que non é o mesmo un implante coclear para que alguén poda oír que unha intervención para ser máis altx -e por iso penso que no primeiro caso a Seguridade Social debe ocuparse e no segundo non. Moitas veces todxs pensamos que non estaría mal ter rasgos xenéticos diferentes pero decidimos vivir con eles, mesmo se existe a posibilidade de mudar o aspecto exterior. De feito un dos obxectivos da Educación é sentirse ben contigo mesmx.
E, sen demasiado coñecemento do asunto, fágome unha pregunta.
É posible que se necesiten uns órganos sexuais determinados para que alguén se sinta home ou muller ou tamén forma parte da cultura patriarcal?
E aínda me fago outras: Teño que sentirme menos muller se non teño útero ou tetas? E se non podo ter fillxs naturais?
Crédeme, non é que me parezan cousas superficias, teño reflexionado bastante sobre isto e a conclusión á que chego é que seguramente cadaquén podería sentirse como quixera no corpo que lle tocou se non fose polos prexuízos e estereotipos machistas.