Vou empezar dicindo que adxetivar pensión con vitalicia é bastante redundante. A maioría das pensións son vitalicias -as contributivas, todas. E dicir que alguén cobra unha pensión estando traballando, é, case con seguridade, mentir; as remuneracións froito do traballo, cando se está cobrando unha pensión, están moi restrinxidas -que lle pregunten xs escritores. E remato con que as pensións contributivas cóbranse cando se chegou a unha idade determinada.
Cada vez que unha persoa deixa un cargo público (que ocupou por dedicarse á política) aparecen sempre as mesmas medias verdades interesadas.
Que solicitou a pensión vitalicia. Eu traduciría isto coma solicitou o paro. Calquera persoa que deixa un traballo, e reúne os requisitos, ten dereito a cobrar o paro. As persoas que traballan na Administración, tamén. Estas retribucións, nos casos das políticas, é do 80% do salario base durante dous anos. Pero, o mesmo que co resto das persoas, esta retribución só se cobra se a persoa non se incorpora a outro traballo.
Que está cobrando varios salarios da Administración. Tamén falso, Non se pode cobrar máis de un salario da Administración. Pode ter varios cargos pero só pode cobrar un salario.
Por que se seguen a producir estas desinformacións? Pois porque aos medios non lles da a gana de falar con propiedade. Mesturan salarios con complementos para que pareza que na política se cobra moito. Que eu tamén penso que algúns políticos cobran moito, pero non porque o salario sexa alto.
Eu quero dicir algunhas cousas ao respecto:
Os salarios dos cargos públicos non son altos, de feito o Pesidente do Goberno cobra menos que calquera executivo intermedio dunha empresa privada importante.
Xs políticos xubílanse cando cumpren a idade determinada para todo o mundo e terán a pensión que lle corresponda segundo o baremo que se aplique a calquera persoa traballadora.
Que cobra a pensión vitalicia que lle corresponde coma presidente. Tamén media verdade. Os expresidentes teñen unha cantidade asignada basicamente para manter unha oficina con dúas empregadas, unha de nivel 30 e outra de nivel 18, que para as que non estén familiarizadas con isto quere dicir unha persoa para asesoramento e unha auxiliar administrativo.
Salario, pensión, complemento, asignación… son palabras con distinto significado. Utilizalas coma sinónimos só pode levar á confusión interesada. E a confusión ao cabreo, que penso que é o obxectivo: radicalizarnos para que non creamos na política nin nos políticos.
Cando se quere desprestixiar a alguén debería facerse con argumentos reais e veraces, que habelos hailos