Promesas electorais

Por moito que nos libraramos do bipartidismo a realidade é moi tozuda e para gobernar hai que ter unha maioría parlamentaria. Porque é no Parlamento onde se elixe ao presidente -si, presidente, no noso caso non hai opción a que poida ser presidenta.

XS xornalistas empéñanse en que os políticos se manifesten na campaña electoral con quen poden facer alianzas e con quen non. Tamén os políticos se manifestan nese senso.

Tal e como están as cousas na actualidade e como eu o vexo, non é posible saber como se vai formar un goberno antes das votacións. O normal é facer alianzas entre partidos afíns, pero pode que non sexa posible. Xa vimos esta situación e pode que a volvamos ver.

Agora mesmo estou vendo coma Podemos tenta traer ao seu partido a votantes do PSOE co argumento de que pode ser que o PSOS pacte con Cs. E si, pode ser pero eu tamén me pregunto que pode pasar se PSOE e Podemos non teñen maioría e PSOE e Cs si. Vou aclarar que non son votante do PSOE polo que non teño especial querencia por ese partido. O que si sei e que se tivera eu que elixir un goberno do PSOE apoiado por Cs ou un do PP ou de Cs apoiado por Vox, ou mesmo só de PP e Cs creo que preferiría PSOE con Cs.

Loxicamente non sería a miña primeira elección, nin sequera a segunda. Pero tendo en conta que só Podemos ou só PSOE non é posible, a mellor das opcións posibles sería -para min- Podemos – PSOE ou viceversa. Logo nin o PSOE debería facer campaña contra Podemos nin Podemos contra o PSOE. Eu teño moi claro cales son os enimigos e cales son posibles aliados. E Tamén con cal dos enimigos me xuntaría se non queda máis remedio

As consignas de campaña deberían ser: animar á xente a votar -ás de esquerdas faille falta- e explicar o que pensas facer se gobernas. Xa virán os acordos postelectorais unha vez que se coñezan os resultados.

Sería máis sinxelo para o electorado e os partidos non terían que desdecirse.

Pero nesta dinámica de cabreo permanente quedan desdibuxados os obxectivos fundamentais -para min, agora mesmo, non seguir perdendo dereitos básicos.

Ley electoral

Acabo de ler o artigo de Angy Galvín “Los expertos coinciden: la Ley electoral perfecta no existe.”  publicado no diario.es.

Pode que o titular non sexa moi adecuado, por obvio, pero no corpo hai outras tamén outras afirmacións tamén obvias pero das que se fala menos.

Como o vexo eu -sen moito coñecemento científico das fórmulas que se utilizan para sesgar- a cousa está así. Vou por partes.

O sistema actual, Lei d’Hondt:

O que máis se escoita, favorece o bipartidismo. Está claro que favorece aos partidos máis votados en cada circunscrición pero tamén está claro -por evidente- que en España rompeuse co bipartidismo utilizando este mismo sistema. Logo pode que o problema esté na circunscrición e non na proporcionalidade. Cando se fala da inxustiza deste sistema con IU, por exemplo, case sempre se argumenta co número total de votos acadados coma se a circunscrición fose única.

Tamén favorece aos partidos nacionalistas, que só se presentan nunha comunidade. E volvemos á demarcación xeográfica, a concentración de votos.

Fai que as demarcacións máis pequenas -normalmente rurais- teñan proporcionalmente máis representación. Ben, isto pode ser bo ou malo segundo se mire. A min non me parece moi mal, non sei se habería que corrixilo algo. Pero a idea de que os escanos de Andalucía, Cataluña e Madrid (a poboación destas tres comunidades é aproximadamente a metade do total) sexan maioría absoluta no Parlamento non me fai graza ningunha. Este aspecto é cuestionado pola esquerda porque este tipo de electorado acostuma votar á dereita, pero eu preguntaríalles por que. É máis doado facer campaña nas grandes cidades onde a poboación está máis concentrada e tamén máis rendible porque hai máis escanos en xogo.

A proporcionalidade total -iso que se define coma unha persoa, un voto, que digo eu que vaia definición… coma se agora cada persoa tivese un núnero diferente de votos- pode que sexa científicamente exacta pero non me parece xusta, como xa dixen poríanos en mans de tres comunidades. De feito a que propón Podemos tampouco é proporcional, proporcional, senón outra forma de proporcionalidade.

Total, que esta nova fórmula tamén ten vantaxes e inconvenientes, igual que todas. E polo que parece prexudica ao PP e beneficia a C’s, basicamente. Tamén favorece algo a Podemos deixa ao PSOE case coma estaba. Moito me temo que, vanidades aparte por conseguir máis escanos, o problema de ter que pórse de acordo os partidos para formar un goberno estable vai seguir igual.

E se se explorara a circunscrición autonómica para as xerais?

Respecto de que voten as persoas maiores de 16… non sabería que dicirvos. Nesa idade -que coñezo porque lles din clase- non é que teñan moita madurez política, nin sequera persoal, coma para confiarlles o meu futuro.

De verdade alguén se poñería nas súas mans para algo importante?

O escarranche

Gústanme Carmena e Oltra -un pouco menos Colau- por esa sabedoría que teñen para elixir os trapos aos que entran. Hai pouco pregúntaronlle a Oltra polo “enfado” de Podemos, polas opinións de Compromís sobre a moción de censura, e a resposta -versión reducida- foi ya se les pasará. Antonte pregúntaronlle a Carmena polo escarranche -despatarre ou manspreading, segundo o idioma, que tampouco entendo por que hai que utilizar palabras dunha lingua cando se está a falar noutra-. A resposta foi que hai persoas que ocupan máis espazo do que precisan, co seu corpo, con bolsos ou bolsas que poñen no asento do lado… e que iso non é cívico.

Penso que iso é cultura de Paz, o contrario do que fan a maioría de políticos e de xornalistas que buscan o conflito no canto da conciliación.

Considerar o escarranche coma unha actitude machista paréceme que son ganas de aumentar a crispación entre homes e mulleres por algo nimio.

Agora que Carmena falou do tema como un acto incívico xa me sinto con forza para dicir o que penso ao respecto. Podemos e Feminismo son dous movementos que levan moi mal que discrepes deles, aínda que sexa un pouquiño.

No transporte público, o mesmo que en calquera lugar público, hai moitos actos incívicos. Pero acotando á ocupación do espazo temos -como mínimo- o escarranche, ocupar o asento do lado con obxectos e poñer os pés no asento de en fronte. Que a este último acto véxolle eu dobre delito; ocupar o espazo e manchar o asento.

Sentarse coas pernas abertas non é exclusivo dos homes, é cultural, cultural machista. Cando era pequena as nais estaban moi pendentes de que te sentaras coas pernas xuntas -para que non se che viran as bragas, supoño-. Pero entendo que se estaban preocupadas por iso era porque, de forma natural, sentabámonos con elas abertas.

E aínda hoxe. Recordo unha escea: nun acto público estaba a familia real, todos sentados. Nun momento a raíña fíxolle acenos a unha das infantas para que pechase as pernas.

Logo, tal e coma eu o vexo, o das pernas abertas é unha cuestión de comodidade e pechalas para non ocupar o espazo da persoa que vai ao lado unha cuestión de civismo.

E nada máis, nin nada menos.

Estratexia da presión

Hoxe segue a resaca da moción de censura, que seguro durará moito porque, en boa parte, diso se trata.

Moléstame coincidir, aínda que sexa pouco, coa xente de dereitas. Non sempre a razón está dun lado só.

A miña discrepancia co Podemos de Pablo Iglesias está na forma porque ao remate pola forma non se pode chegar ao fondo.

Podemos naceu nas rúas. Puido quedarse nun movemento reivindicativo social pero preferiron levar a súa loita ao Parlamento. Ben feito, penso. Pero, ao meu ver, no canto de utilizar o Parlamento para resolver os problemas da cidadanía, utilizárono coma se fose a rúa, só para polos de manifesto.

Primeiro no europeo cun discurso escrito -o que indica premeditación- que sobrepasaba con moito o tempo marcado para provocar reiterados avisos e amonestacións… polémica. Para logo non voltar máis, porque ese non era o seu fin.

No español tamén chamaron a atención coa reivindicación da maternidade de proximidade e logo non vin propostas para que tódalas nais poidan facer o mesmo… por poñer un exemplo.

En canto a posta en práctica desa nova política de acordos -necesaria se non existe bipartidismo- tampouco os vexo moi finos. Se van ter que negociar co PSOE non acabo de ver a estratexia. Tampouco entendo que o PSOE negue a Podemos, moi probablemente teñan que entenderse. Non entendo a un nin a outro, pero agora falo da moción de censura.

Hoxe hai moitos titulares do tipo “Podemos presiona al PSOE”, E efectivamente… esa é a estratexia do Podemos de Iglesias -non sei se Errejón a compartiría. Presionar con feitos consumados no canto de definir conxuntamente as actuacións. E non é a primeira vez que o fai.

Presionar non me parece unha boa forma de negociación. Son muller e seino, podedes crerme. No caso das mulleres tamén se lle chama acoso.

Esta forma de facer política non me parece nada nova. Claro que pode que eu non o entenda porque non vexo as series de loita polo poder -Xogo de tronos e similares- de referencia desta xeneración.

Unha moción de censura podería ser necesaria, pero non desta maneira.

Se é necesaria e se utiliza unha estratexia que leva a que non saia adiante… Que c** estamos a facer?

Podemos e o fútbol

Cada vez entendo menos a Podemos.

Empezou gustándome o discurso de Pablo Iglesias, pareceume interesante que creara un partido para concorrer ás eleccións e ata lle din o meu voto a ese partido -en coalición con outras forzas.

Defraudoume o feito de que “as confluencias” non poidesen formar grupo parlamentario propio. Tamén me defraudou que non se poidese formar un goberno alternativo ao PP -tanto me ten canta responsabilidade sexa de cada quen- e mudei o meu voto.

Pero seguíame parecendo unha moi boa opción política.

Agora mesmo xa non sei que pensar. Estou tendo a impresión de que lle importa máis o ruído mediático que a actividade política real, a que resolve os problemas da xente.

Pedir que non emitan a misa na TV en vez de derogar o Concordato… e cousas similares non van resolver nada.

E agora a moción de censura. Que eu pregúntome se o que importa e sacar ao PP do goberno ou ter protagonismo. Hai algunha posibilidade real de que a moción se chege a presentar? E se se presenta… Que posibilidade hai de gañala? E xa que estamos especulando, cal sería o plan para despois de gañala?

Eso si, imos estar entretidos un lote de tempo con todas estas especulacións, as cadeas de TV encantadas… e a casa sen varrer.

Pois o mesmo que sempre se dixo do fútbol: ternos ocupados en parvadas para que non pensemos noutras cousas.