Os Beléns de Martiño

A prensa local compostelá e a dereita -valla a redundancia- teñen como misión prioritaria desprestixiar a Martiño Noriega, si, a el persoalmente. Non ao goberno municipal, nin sequera ao alcalde. Saben que nas municipais a xente vota á persoa que encabeza a candidatura máis que ao partido que representa.

Nunha cidade coma Compostela o tema relixioso dá moito de si. A Catedral, o Apóstolo… son unha parte moi importante da súa economía. Por iso hai que aproveitar que o alcalde sexa partidario de diferenciar, sin enfrontar, as dúas institucións -Igrexa e Concello.

Pero este matiz, sen enfrontar, non lles vale a prensa e á dereita. Están empeñados en buscar un rechazo que na realidade non existe. Por máis que as autoridades eclesiásticas teñan manifestado que as relacións son boas… eles nin caso.

Vou pór coma exemplo a campaña Compostela en negro contra a violencia de xénero. O Concello puxo en marcha, no 2015, esta campaña e este ano conseguiu moita repercusión non só en Compostela senon noutos moitos concellos. A Catedral sumouse a esta iniciativa despregando na súa fachada un pano enorme co logo -supoño que o estar a fachada con andamios facilitouno- e o Concello e o Alcalde agradeceron ao Deán a súa colaboración. É isto enfrontamento?

O Nadal é un momento moi bo para buscar “anticatolicismo”. O ano pasado foi que non se puxo o Belén no Obradoiro e que a cabalgata de reis tiña poucas carrozas e había poucos caramelos -que eu me enterase. ¿?

O Belén foi substituído por un que se colocou nunha Igrexa emblemática -San Fiz de Solovio, a parroquia máis antiga e a de máis tradición navideña da cidade- que o resto do ano ten un horario de apertura moi restrinxido.

Polo que se refire á cabalgata parece ser que antes había máis carrozas e que algunhas tiñan como animación bailarinas -majorettes. Que digo eu que a quen ían dirixidas esas carrozas e que ten a ver esa animación cos reis magos. O da falta de caramelos… xa non sei que dicir. Por unha banda os caramelos xa son problemáticos de serie; que se os azúcares, que se a lactosa… E por outra teño visto algunha persoa marchar para a casa cunha bolsa do supermercado case chea.

Este ano as críticas para o Nadal están na falta de gasto na iluminación e na ornamentación do Obradoiro.  A min un bosque de contos e sons do Nadal, que te podes meter dentro, paréceme canto menos orixinal.

Para as da cabalgata de reis haberá que esperar uns días.

Paridade na política

Hai pouco lin un artigo en InfoLibre “Mujeres cabeza de lista…”. Segundo esta información a porcentaxe de mulleres cabeza de lista dos catro partidos con máis representación son:

PSOE – 52%

Podemos – 38%

PP – 37%

C’s – 29%

Paréceme chamativa a porcentaxe de Podemos, case a mesma que a do PP. O que me leva a pensar que o tema do machismo non entende de ideoloxías.

Pode que Podemos, PP e C’s cumpran a Lei de Igualdade de 2007 que establece que o número de homes ou mulleres candidatxs non debe ser menor que o 40% nin maior que o 60%, pero non se libran do “teito de cristal”. Cumpren coa cantidade pero non coa cualidade. Non ser cabeza de lista en moitos casos implica non saír, ademais do significado que ten ser o primeiro.

Non é a primeira vez que falo deste asunto porque sempre me chamou a atención o perfil das mulleres que chegaron á primeira liña da política.

Algunhas chegaron da man dun home -pai, marido- coma foron Indira Gandhi, Cristina Fernández de Kirchner, Hillary Clinton… Outras polo seu “perfil masculino” coma Margaret Thatcher, Angela Merkel… E outras moitas que chegan son persoas sen “cargas familiares” coma María Teresa Fernández de la Vega.

Son os partidos de esquerda máis paritarios? pois dáme que non.

Teño a impresión de que nos partidos de esquerdas hai moitas mulleres pero que a súa capacidade e o seu traballo están orientados a arroupar e ensalzar ao líder “varón macho alfa”.

Arriba-abaixo de esquerdas e de dereitas

Onte foi noite electoral e, coma sempre, un fato de xornalistas e políticxs analizan e analizan, dicindo sempre o mesmo -o mesmo en todas as intervencións e o mesmo tamén en cada noite electoral. Tampouco me sorprende porque dende as oito xa teñen que opinar das enquisas, das israelitas, dos resultados reais a partir do 1%… e así toda a noite. É imposible ter algo novo que dicir. Xa todxs coñecemos moi ben como vai isto das noites electorais e sabemos que as análises con menos do 80% escrutado son de recheo, para entreternos.

Nos partidos tampouco se arriscan e non sae ninguén comentar nada -ninguén que teña algunha posibilidade.

Pero curiosamente si que houbo un comentario que me sorprendeu, non polo contido -que xa o tiña eu pensado- senon por escoitalo nun medio de comunicación.

Llamazares dixo -non recordo literalmente pero espero que o sentido fora este, se non que me desculpe Llamazares- que se rompera a transversalidade.

Non vou pór máis palabras na súa boca porque el falou disto sen mencionar partidos, como é lóxico. Penso que a idea que quería transmitir era; C’s -non sei se poñelo en catalán ou en castelán- e Podemos presentáronse coma partidos que non eran de esquerdas nin de dereitas, que os seus simpatizantes e votantes abranguen un amplo campo do abano ideolóxico e político, que a súa definición era arriba-abaixo e que eles eran os de abaixo. Pero, nestas eleccións, a xente fixo a súa propia interpretación e diferenciou arriba-abaixo de esquerdas de arriba-abaixo de dereitas, deixando a transversalidade moi diminuída.

Pode que co tempo esta clasificación se consolide.

Xs de arriba e xs de abaixo

Parece que a terminoloxía esquerda – dereita está moi desvirtuada, que hoxe non ten sentido, que se presta a confusión, e apareceu esta outra -que pretende ser máis clara e real- xs de arriba e xs de abaixo.

Cando nos referimos aos de abaixo, de quén estamos a falar? dxs dirixentes ou dxs dirixidxs?

Porque se nos referímos aos dirixentes NON HAI DIRIXENTES DE ABAIXO. Ou polo menos non coma norma xeral. E isto ocorre por unha razón moi simple: xs de abaixo non teñen nin formación nin tempo para dedicarse a iso, están un pouco ocupadxs en buscar comida e casa para si mesmos e non lles queda tempo para formarse nin para buscar solucións aos problemas da sociedade. A fame non axuda moito a desenvolver o pensamento máis alá de cómo buscar comida.

As persoas revolucionarias -as que dirixiron os movementos revolucionarios ou as que deseñaron modelos alternativos de sociedade- non eran, en xeral, de abaixo.

Dous exemplos históricos: Marx e O Che

Marx era fillo dunha familia acomodada, culto, e estudou en prestixiosos colexios e universidades. Despois mudou de estatus social e pasou a “pobre”, pero a formación e a inquietude xa a tiña.

O Che era fillo de dous aristócratas -pouco convencionais, eso si, pero moi acomodadxs-, moi culto e cunha formación académica de nivel universitario.

Non eran de abaixo pero eran de esquerdas, e trataron -cada un á súa maneira- de transformar a sociedade noutra máis xusta e polo tanto igualitaria.

Por iso eu esta clasificación arriba – abaixo non a entendo moi ben e prefiro a clásica esquerda – dereita.