Acabo de ler o artigo ¿Qué hacer con el arte de hombres monstruosos?
Eu xa me tiña feito esta pregunta hai moito tempo, especialmente con Cela e Althusser, e máis tarde con Aranguren -a raís de coñecer algunhas persoas da súa familia directa.
A historia está chea de casos parecidos que abranguen tódalas disciplinas: Ciencia, Arte, Filosofía, Deporte… e que afecta a homes e mulleres -maiormente a homes, pero poida que porque a obra das mulleres non era coñecida ou había poucas mulleres que practicaban algunha disciplina fóra do ámbito familiar.
¿Cal é o meu posicionamento? Pois coma non son mitómana poida que o teña algo máis fácil. Non creo na perfección e polo tanto non admiro a ninguén na súa totalidade. Recoñezo a miña boa predisposición cara a obra de artistas que me parecen “boa xente” pero tampouco deixa de gustarme a de quen souben “a posteriori” que coma persoa non me gusta. Por exemplo: Non me gustaba Cela e non lin demasiada obra súa -agás a que tiven que ler coma tarefa escolar, e que tampouco me entusiasmou independentemente da cualidade literaria- e seguín vendo películas de Woody Alen despois do asunto da filla da súa parella.
As persoas xeniais teñen normalmente intelixencias privilexiadas e unha visión da moralidade social diferente ao común. ¿É iso o que os converte en monstruos? Pois eu a esa pregunta non lle atopo unha resposta “científica”, penso que cada quen as considerará monstruos ou non dependendo da súa propia moralidade e non dunha “moralidade verdadeira”.
Deberiamos ter un pouco de tino coa “moralidade única”. Estamos utilizando os xuízos morais por encima das nosas posibilidades sen darnos de conta que iso foi o que se fixo até o de agora pero cunha moralidade diferente.
As obras de arte que conteñen espidos eran censuradas e xs autorxs depravados, xs científicxs evolucionistas…
Estamos a facer o mesmo?
O incesto entre adultos está “mal” por unha cuestión biolóxica ou moral?
Por que entón a Igrexa concede “licencia” para matrimonios considerados socialmente coma incestuosos?
As persoas xeniais son, normalmente, bastante “rariñas” logo penso que admirar ou non a súa obra e unha decisión de cadaquen. No considero xustificado “criminalizas” as obras de arte, as investigacións científicas… en función da personalidade dxs seus autorxs. Eu distingo entre admirar a obra e admirar a persoa.