Órganos sexuais

Non entendo moi ben a necesidade duns determinados órganos sexuais para sentirse dunha maneira ou outra ou para ter unhas determinadas preferencias sexuais.

Hai pouco comentaba cunha amiga oa casos dalgunhas persoas, de sexo masculino que, ao sentirse mulleres, mudaron a súa fisonomía  e o seu nome por outros femininos para ser mulleres lesbianas e continuar coa mesma parella que tiñan.

Tamén hai mulleres que por ter que facer masectomías din non sentirse mulleres “completas” e sométense a cirurxía de reconstrución mamaria para sentirse ben.

E digo eu… Non sería máis sinxelo seguir un proceso máis lóxico?

Explícome. A Natureza dáme un corpo cunhas determinadas características sexuais e xenéticas; órganos sexuais “masculinos”, pene, testículos… ou femininos, ovarios, vaxina, peitos…; e xenéticas, cor da pel, pelo, ollos, altura…

Como a Natureza non é tan sabia coma se di, pode ser que algúns órganos saian defectuosos; cegueira, xordeira… ou malformacíons doutro tipo.

Grazas á Ciencia e á tecnoloxía moitos destos erros pódense corrixir.

Cando os erros da Natureza impiden a unha persoa levar fisicamente unha vida normalizada entendo que se faga o cientificamente posible para corrixir eses erros e mellorar a súa vida.

Pero tamén entendo que non é o mesmo un implante coclear para que alguén poda oír que unha intervención para ser máis altx -e por iso penso que no primeiro caso a Seguridade Social debe ocuparse e no segundo non. Moitas veces todxs pensamos que non estaría mal ter rasgos xenéticos diferentes pero decidimos vivir con eles, mesmo se existe a posibilidade de mudar o aspecto exterior. De feito un dos obxectivos da Educación é sentirse ben contigo mesmx.

E, sen demasiado coñecemento do asunto, fágome unha pregunta.

É posible que se necesiten uns órganos sexuais determinados para que alguén se sinta home ou muller ou tamén forma parte da cultura patriarcal?

E aínda me fago outras: Teño que sentirme menos muller se non teño útero ou tetas? E se non podo ter fillxs naturais?

Crédeme, non é que me parezan cousas superficias, teño reflexionado bastante sobre isto e a conclusión á que chego é que seguramente cadaquén podería sentirse como quixera no corpo que lle tocou se non fose polos prexuízos e estereotipos machistas.

 

As cartas de Simone

Hai unha frase, que aparece de cando en vez nas redes, atribuída a Simone de Beauvoir -vouna dar por certa, con isto das redes nunca se pode dar nada por veraz- “O feminismo é unha forma de vivir individualmente e de loitar colectivamente” que penso non practican moitas feministas e moitos feministos.

Estxs feministxs fan moitas manifestacións de todo tipo en contra do patriarcado e do machismo pero de portas adentro seguen a manter os papeis asignados pola sociedade patriarcal, educando a súa crianza -inconscientemente, supoño- neste modelo.

As persoas que levantan polémica pola publicación dunhas cartas de amor “bastante cursis” de Simone de Beauvoir penso que o fan sen considerar a época na que viviu. Eu son posterior a ela, bastante, pero supoño que a sociedade na que vivín eu cando era nova podía ser moi parecida á que viviu ela coa mesma idade.

Non sei se ela facía o mesmo ca min, pero vouvos contar o que facía eu.

Considero que vivín dunha forma moi libre pasando desapercebida; no terreo persoal, non era a maior nin a máis pequena dos irmáns, nin era varón, polo que non acaparaba o centro de atención familiar; e no profesional era docente, sector no que o machismo era menos virulento. Na época de estudante adulta vivía nun piso compartido, “sen pais”. Todo isto facía que poidese vivir con moita leberdade de actuación. Tampouco casei nin tiven descendencia, mascotas ou plantas e polo tanto tampouco o grao de atadura que iso representa.

Cando chegou o momento das relacións de parella mesturaba amor e sexo de forma semi-inconsciente basicamente por dúas razóns; por unha banda eu sentíame mellor conmigo mesma tendo relacións sexuais con alguén do que “estaba namorada”, menos pendón, e socialmente estaba menos criminalizado; e por outra, a persoa coa que me deitaba tamén se sentia mellor, facíalle sentirse máis valorado e non te trataba coma unha “fresca”.

Que non digo eu que me deitara con persoas que me caían mal… algunhas veces eran amigos, pero de aí a que os considerara “parella formal”…

Este tipo de actuacións -o mesmo que esaxerar o placer- é pouco feminista? Pois supoño que unha feminista de hoxe diría que si.

Para min foron pequenos matices que me permitiron vivir con un grao de liberdade moito maior que a maioría das mulleres da miña idade.

Como dixen, pode que a Simone lle pasara algo parecido.

Simone de Beauvoir

Co gallo do trixésimo aniversario do seu pasamento apareceron nos xornais novas sobre ela. Chamoume a atención un artigo en ctxt contexto y acción. Trátase dunha entrevista que lle fixo o xornalista Jean Louis Servan Schreiber para unha TV no ano 1975 -ao parecer foi a primeira que concedeu porque non era moi dada a saír pola tele- traducida por Gabriel Méndez-Nicolás.

Sempre tiven unha certa admiración por esta muller pero non polo que escribiu. De feito non lin nunca un libro seu -algunhas citas ou referencias en textos de outrxs, si. O que me impresiona é a forma que tivo de vivir, especialmente a faceta sentimental.

Tamén me gustaba a de Woody Allen -polos anos 70- pero ten moito menos mérito por tratarse dun home e algúns anos máis tarde.

Desta entrevista hai algunhas respostas que quero comentar.

En sus memorias dice que escribiendo Le deuxième sexe se dio cuenta de que descubría con cuarenta años una situación que le parecía evidente una vez que uno se percataba de ella. ¿Cómo puede ser que una mujer como usted, intelectual, con grandes estudios no haya vislumbrado antes la situación que describe?

Porque he vivido mi propia condición, la de intelectual que tenía la suerte de ejercer una profesión donde no había competición con los hombres ya que la enseñanza está abierta a ambos. Había tenido compañeros en la Sorbona o en otros lugares que en el plano intelectual dominaban perfectamente la idea de igualdad. No había sentido eso. Como tampoco nunca quise casarme ni tener hijos, no he tenido una vida doméstica que es lo más opresor para la condición femenina. Había escapado a la servidumbre que implica la condición femenina. Más tarde, cuando empecé a reflexionar, a mirar a mí alrededor, vi la verdad sobre la condición femenina. La he descubierto en gran parte al escribir Le deuxième sexe.

Non me sorprende como chegou a vivir desa forma tan libre antes de intelectualizalo porque así foi coma cheguei eu ao feminismo, ao ateismo… e a todos os ismos que teño; sen darme conta, simplemente vivindo como quería, dun xeito instintivo. Tamén fun docente e é certo que nese mundo a xente é moito máis igualitaria -por intuición ou por racionalidade.

As relacións sentimentais ao uso non están feitas para as mulleres -hoxe tampouco. Polo que case a única posibilidade de escapar á servidume feminina é fuxir da vida doméstica.

E así, ela e máis eu, vivimos como puidemos -coas súas luces e as súas sombras- a nosa vida sentimental.

O tamaño

O tamaño importa, si, pero non necesariamente ten que ser unha relación directa tamaño-beneficio.

A sabedoría popular ten ditos e refráns para tódolos gustos; Burro grande, ande ou non ande. Máis vale que sobre que que falte… Pero tamén; o pouco agrada e o moito cansa, cabeza grande, pouco seso e moito aire…

No caso dos órganos sexuais pode que a cousa empezase, hai moito tempo, porque as mulleres de cadeiras anchas e peitos grandes fosen consideradas mellores reproductoras, polo tanto máis valiosas á hora poblar a terra e, de rebote máis atractivas. O mesmo argumento valería para os testículos e o pene.

O caso é que máis tarde puxéronse de moda as mulleres XS, tipo Twiggi pero os homes seguían a ser mellores os XXL. Logo viñeron as mulleres ubre e agora as Kardashian -tetas e cú grandes. O modelo para os homes segue igual, no que se refire ao tamaño dos órganos sexuais.

Os homes están convencidos que á hora do sexo máis é mellor -a virilidade está aí. Pero o curioso é que a maioría das mulleres tamén o pensa.

Eu teño a miña propia teoría; todo depende do tamaño do lugar onde se vaia meter, e de se se desfruta causando pracer ou dor.

Son máis ben tamaño pequeno -tetas e vaxina. Tiven relacións sexuais con varios homes, cos seus tamaños diferentes de membros, loxicamente. E non lle acabei de atopar a vantaxe ao tamaño grande. Máis ben me parece incómodo, especialmente nas primeiras veces, ata que as cousas se van adaptando. Pero se hai un parón… volta a empezar. E claro, aínda llo terás que loubar… están tan contentos co “seu” que da cousiña dicirlles que mellor sería algo menos.

Outro inconveniente que lle vexo é que, como está comunmente aceptado que máis é mellor, parece que poñendo tamaño xa está moito camiño andado, pero non é así; a maior tamaño máis preparación fai falta.

Total… Que non entendo por que permanece esta identificación tamaño-bondade no modelo ideal masculino. Eu penso que ten algo a ver cunha certa dose de sadismo e dominación nos homes que fai que desfruten máis causando dor na relación sexual. E, aínda que “anima” velos desfrutar…

E diría eu… Mulleres… O punto G está dentro e pode que coste un pouco atopalo, pero o clítoris está fóra, moi a man, que ben se ve… non deixedes que elixan por ti o que che gusta máis.

Eu prefiro que se poñan a buscar o punto G despois do meu primeiro orgasmo.

Se é limpo, non é bo

Nunha película de Woody Alen, de hai moito tempo, o protagonista dicía unha frase moi parecida a esta. Estaban falando de sexo e el dícía que o acto sexual pode ser limpo pero entonces non será bo -algo así.

Concordo con el. Os mellores orgasmos da miña vida foron en días de regra. Co meu descoñecemento da sexualidade “normal” nin se me ocorreu que coa regra non se tiñan relacións sexuais -falo, obviamente, dos días de pouco fluxo, primeiro ou últimos- e nin comentaba esa circunstancia, se xurdía, facíao. A parella, xa no fregado, tampouco dicía nada -hai que recordar que nese momento, cando eu empecei a ter relacións sexuais, éstas non se prodigaban moito e supoño que el pensaba que tampouco era cousa de pórse mexeriqueiro- e así seguín. En algún momento falando cunha amiga, quedou moi sorprendida de que o fixeramos neses días e foi cando me enterei de que normalmente non se facía.

Pouco a pouco fun descubrindo que a min, nos días previos á regra e ao principio dela, era cando máis me apetecía e os orgasmos eran máis intensos. Cheguei a conclusión de que esa mala sona que ten é inxustificada. A miña teoría é que neses días hai unha hipersensibilidade que potencia as sensacións; o que che molesta, cabrea e o que che gusta, gusta máis.

Non sei se hoxe en día sigue ese costume pero o que si sei é que o limpo segue a estar de moda. Nun deses estudos que se fan sobre a sexualidade na xente nova, uns mozos comentaban que se unha moza fai sexo oral é unha porca -guarra, dicían eles-, aínda recoñecendo que lles gustaba que llo fixeran.

A limpeza está moi sobrevalorada, coñecín persoas que non podían deitarse con alguén que non se duchara previamente, tiña que ulir a xabón. Eu teño moi boa relación cos olores naturais. Para min o sexo está relacionado con olores naturais, non con perfumes -que parecen ser moi motivadores noutras persoas.

Cando lin O Perfume pareceume moi interesante a formulación de que unha persoa poida ser rexeitada non por ulir mal, senón por non ulir.