Nestas datas estase a celebrar na miña cidade un festival de cinema europeo, Cineuropa.
Penso que xa falei del nalgunha ocasión. Para min é moi importante, nel vexo cine para todo o ano. É unha escolma das películas que se fixeron en Europa nese ano, moitas delas nin sequera se van pasar en España e outras fan aquí a estrea.
Algúns directores, actores, actrices, productores… veñen presentar as súas películas.
A min gústame o cine pero non teño memoria suficiente para ser “cinéfila”. Vexo a película, gústame ou non, paréceme que lle sobra metraxe ou non, penso que a historia pecha “redonda” ou deixa flecos -que non final aberto-, etc.
Cando veñen os directores -deixoo en masculino porque nunca me cadrou de ver unha muller directora, que non quere dicir que non viñera- quédome para aprender algo e para entender mellor algúns aspectos da película.
E si que se aprende, pero coma case sempre apréndense cousas algo contradictorias.
A primeira, de carácter xeral; o importante é que unha película che provoque sensacións, que entres, que te metas dentro, que te sintas parte da historia… Pero cando chega o coloquio a xente -e o cineasta tamén- falan de que si unha escea recorda outra doutra película, que se o estilo está entre este e estoutro director, que se a forma de rodar -movementos da cámara- era para subliñar isto ou o outro… A verdade é que eu só me fixo nesas cousas cando me estou aburrindo e a historia non me atrapa. Se estou inmersa na historia ao remate non sei nin se a película tiña música ou non.
Porque esa é outra, a música. Algúns cineastas din que a música ten que acompañar á historia para potenciala, sen competir en protagonismo. Pero onte mesmo un dicía que a música non ten ningún sentido porque os protagonistas non a escoitan, logo nós estamos a escoitar algo que non está na acción… Pero na película súa que acabamos de ver si que a puxo porque nese caso en concreto si que parecía necesaria ¿?
En fin… non sei se aprendo algo ou non pero estou encantada de poder ver tanto cinema de calidade e agradézolle ao Concello -con corporacións de diferente ideoloxía- e a Losa que o festival se manteña no tempo e continúe moito máis