Rexeneración da cidadanía

Dende sempre veño mantendo que as reivindicacións e protestas na rúa teñen que ir da man coas actuacións necesarias para resolver o conflicto. E non me refiro ás actuacións das persoas que xestionan as sociedades, que tamén, senon a toda a cidadanía.

Os partidos teñen que rexenerarse pero a cidadanía tamén.

As persoas que se dedican a Política dende sempre, que nunca desenvolveron unha actividade profesional fóra dela, acostuman a ser criticadas por descoñecer e estar lonxe do mundo real. Pero se o pensamos un pouco, nunha sociedade moralmente laxa é moi complicado que alguén poida chegar “impoluto” a desempeñar un cargo público -Monedero, Huerta…, poño estes exemplos porque o que fixeron foi anterior a súa actividade pública, coma cidadáns “normais”. Só se dende que naces xa está determinado que vas ser política poderás chegar a selo sen mancha algunha.

Copiar nun exame, desgravar a segunda vivenda, pagar unha empregada do fogar sen contrato, pagar sen factura -sen IVE- un arranxo na vivenda, utilizar as amizades para pequenos privilexios coma adiantar unha cita co médico… Cantas persoas -na nosa sociedade- non fixeron algunha destas cousa, ou outras peores?

Por que unha persoa pública do centro ou do norte de Europa dimite con máis facilidade que unha do sur? Pois eu penso que é porque as sociedades ás que pertencen son máis rigorosas cos comportamentos insolidarios ou trampulleiros e polo tanto elas, como parte desa sociedade, consideran normal asumir a consecuencia dunha conducta inadecuada.

Coma dicía, se a sociedade é moralmente laxa é moi difícil que dela saian políticos exemplares. Penso que o estamos facendo ao revés, pretendemos que as persoas que se dedican á política teñen que ser as que co seu exemplo nos “convertan en cidadáns exemplares” no canto de considerar que se a cidadanía ten boa saúde moral as persoas que se ocupen de dirixila tamén a terán.

Por que tanta xente é tan indulxente coa corrupción? Pois seguramente porque consideran que non é algo moi grave, que algunha desas cousas son as que fai “todo o mundo”.

É necesario unha rexeneración da cidadanía. Mentras sexamos tan benevolentes coas “microcorrupcións”, “corruptelas”… ou coma lle queiramos chamar… mal o vexo.

 

 

Por enriba das nosas posibilidades

Estamos investigando por encima das nosas posibilidades. E adxetivando. E se me apurades ofendéndonos tamén.

Eu xa non podo con tanto exceso, son máis de matices. Fomos aplicando os adxetivos sen a mínima graduación e agora cando aparece alguén imputadx, a repercusión e a análise nos medios -e na sociedade- é dar por suposto imputado = corruptx, malversador… Da igual o delito polo que sexa imputadx e da igual que nos explicaran por activa e por pasiva que para estar imputado só fai falta que alguén te denuncie, polo que sexa.

E, como non hai matices tamén nos ofendemos por un quítame de aí esa palla. Eu, individualmente, non me ofendo pola maioría das chorradas que din algúns falabarato sobre as mulleres. Eso si, esixo sempre os dereitos que como cidadá me correspondan.

O da “investigación” sobre as persoas que se dedican á política non é novidade. Antes non había tuiter, pero había os famosos informes (dossieres) que estaban aí para amedrentar ou para sacar nun momento determinado.

Dende tódolos lados houbo actuacións desproporcionadas. Vou recordar unha de cada lado. En Santiago varios concelleiros e concelleiras -do PP- foron denunciados e inhabilitados por un acto administrativo do que máis tarde foron absoltos. Íñigo Errejón tamén foi denunciado por unha cuestión administrativa. Nos dous casos o tema foi tratado coma se xs implicadxs tivesen cometido un crime contra a humanidade.

O problema desta espiral de ética e moral na que entramos é que aquí non hai normas -no momento que se fai unha norma, o moral pasa a ser legal- e cadaquén analiza e xuzga segundo os seus propios criterios.

E, chegamos a esta tolemia na que os novos gobernos están dedicando moito tempo e enerxías ás polémidas mediáticas que se van montando en vez de dedicarse a gobernar. A oposición dedícase a investigar as actividades privadas dos gobernantes, os medios a dar repercusión, os gobernos a dar explicacións… e… Quen a resolver os problemas?

Publicar listas

Esta obsesión que nos entrou de querer saber todo de todos non a remato de entender. Nun caso concreto, en quente, pode parecer moi lóxico e sensato, pero coñecéndonos… non sei eu.

Entre a publicación de listas e os pasquíns non hai nin liña vermella.

Non é un tema novo, xa se ten falado de listas de pedófilos, de violadores, de defraudadores… agora mesmo xa se albisca a posibilidade de coñecer as persoas que teñen transtornos da personalidade e ata as que teñen enfermidades mentais ou físicas -para as compañías de seguros sería moi útil.

A tentación de publicar listas con fins espurios é forte. Xa se teñen dado moitos casos de atentados contra a intimidade agora mesmo -sendo unha actividade ilegal- con fins políticos, comerciais, morais… E sinceramente, non teño nada claro que contribúa ao bo desenvolvemento da xustiza -a non ser nos casos de prófugos, pero iso xa é legal.

Temos tendencia ao linchamento e a crueldade dunha masa cabreada pode levar a máis dunha traxedia. Non confiamos na xustiza. E non é que eu confie moito, pero asúmoo coma un mal menor. En calquera dos casos que mencionei o que quero é confiar en que serán xulgados e condeados, se son culpables, máis que coñecer a súa cara ou o seu nome.

Por outra banda non acabo de entender por qué a corrupción no público é peor que no privado. Alguén que se enriquece a costa da súa empresa e a leva á ruína, ao peche, un ERE, despidos… non nos afecta a todxs? ou no mellor dos casos repercutirá nos prezos, que afectan aos consumidores. Non tivemos que pagar entre todxs a ruína dos bancos polo enriquecemento e mala xestión dos banqueiros?

Sinceramente, creo que o único que interesa das listas de defraudadores é ver de que partido son para utilizalo na campaña electoral.

A min o que me interesa é o asunto económico, que se restitúa o roubado e se pague a multa -nin sequera que vaian ao cárcere (máis aló da prevención na investigación), que tamén me costaría cartos- Como se chamen ou de que partido sexan dáme igual.

Corrupción, narcotráfico, contrabando…

Como eu o vexo, o funcionamento é o mesmo.

En Galiza tivemos un pouco de todo. Primeiro foi o contrabando de tabaco -ben, supoño que primeiro foi o estraperlo pero iso quédame moi lonxe. O contrabandista utilizaba a persoas non directamente relacionadas coa organización para ir descargar o tabaco e pagáballe unha importante cantidade de cartos. Non había un prexudicado físico concreto e si bastantes persoas beneficiadas, polo que esta actividade non estaba especialmente mal vista -digamos que se toleraba. Moita xente incluso buscaba os sitios onde vendían ese tabaco porque era mellor que o legal. E xa se sabe; as persoas que traballaban para os contrabandistas tiñan familia, normalmente non tiñan traballo estable… Moita xente vivía diso…

O tabaco empezou ser pouco rendible e os contrabandistas fóronse reconvertendo ao narcotráfico. Aproveitaron as infraestruturas que xa tiñan e empezaron a traficar con outras drogas. Coidaban que a droga non se vendese no mesmo lugar no que eles vivían e facían moita “caridade” cos cartos que gañaban ilicitamente. A veciñanza era a aliada perfecta. Non se morde a man do que che dá de comer. Até que non morreron varias persoas cercanas, por sobresose, non se empezou ver o problema de saúde -os económicos e éticos creo que seguen sen verse.

Nos dous casos a sociedade civil foi -conscientemente ou non- a colaboradora necesaria para que estas actividades fosen posibles. O argumento é sempre o mesmo “polo pan dxs fillxs” todo está xustificado.

O sistema que utilizan os corruptos é exactamente o mesmo; unha empresa suborna un funcionario -por exemplo- para conseguir un contrato, o subornado ten familia…, a empresa ten traballadores que dependen de que a empresa teña actividade, os traballadores teñen familia… e tódalas familias agradecen a empresa e ao subornado que xs seus familiares teñan traballo…

De certo non entendemos por qué os corruptos son tan populares e votados?

Cambiar os políticos non é suficiente. Ou se rexeneran os principios na sociedade civil ou isto non se solucionará.

A familia

Para min a familia é a institución social máis alienante. Non creo que sexa casualidade a defensa e sobreproteción que fai dela a dereita.

Acabo de ler un artigo de Iker Armendia El silencio que oculta la corrupción no que pon exemplos de casos de corrupción “a pequena escala” que el chegou a coñecer a través doutra persoa pero que non o autorizou a contalo.

Chamoume especialmente a atención un que copio:

Otra persona de confianza que trabajaba en un empresa pública me contó cómo se topó con un contrato cuyo coste le parecía desmesurado y solicitó presupuestos a otras empresas para conseguir un precio más asequible para las arcas públicas. Cuando cambió de proveedor, uno de sus compañeros de trabajo apareció en su despacho y le soltó a la cara que tenía hijos que alimentar. Otro off the record.

Ben, o que quero suliñar deste caso é “tengo hijos que alimentar”. E é que os fillxs dan moito de si. Xa teño falado disto en outras ocasións. Primeiro hai que alimentalos, despois darlle unha boa formación, logo buscarlle un traballo…

E quén non está dispostx a facer o que sexa polxs fillxs?