Masturbación

Que pouquiño mudaron tantas cousas!!!

Neste percorrido que fago pola miña sexualidade -e polo tanto pola concepción social desta en diferentes períodos- tiña que estar este aspecto. Pero algo que vin en Facebook fixo que me adiantase ao previsto.

Tratábase dun “meme” dunha suposta organización xuvenil cristiá que -independentemente da existencia real ou non da organización ou de se o contido era unha broma, con isto das redes sociais nunca se sabe- penalizaba moralmente (pecado) a masturbación feminina. A masculina tamén, de pasada. E había comentarios de todo tipo -atacando ou defendendo.

Vou ao meu.

Para min a masturbación foi, é, e será -tendo parella ou non, soa ou acompañada- unha faceta moi importante da miña sexualidade.

Ao principio, cando conseguir anticonceptivos era complicado, a masturbación mútua podía ser unha solución moi boa. Non sempre o era.

Como xa comentei, a educación sexual era inexistente e de sexo case non se falaba, corríase risco de enxuizamento. Durante un tempo, aínda que hoxe coste crelo, non tiña conciencia de que iso que facía, soa ou acompañada, era masturbarse. Nun momento souben que a veces os homes facíanse “pallas” pero iso era coma unha especie de necesidade física; chegaba un momento en que os testículos estaban xa cheos e había que baleiralos, así se explicaban as polucións nocturnas.

Pero as mulleres… Non recordo cando souben que a masturbación feminina existíse -aínda que fose pecado- pero pasados os 18, seguro. As mulleres empezamos a falar se sexo, entre nos, cando tiñamos mozo; que cousas facías, que cousas che gustaban, que cousas lle gustaban a el… Iamos aprendendo unas coa experiencia das outras, probando facer as cousas que che contaban e ver se che gustaban. Estas conversacións sempre estaban relacionadas co sexo en parella. Non recordo en toda a miña xuventude ter conversacións sobre a masturbación feminina.

E os homes, mesmo os máis liberais, non levaban moi ben saber que te masturbabas soa tendo unha relación de parella. Parece que afectaba a súa masculinidade por “non ser quen de satisfacerte”, coma se fose unha “tarefa” dos homes.

Nunca entendín, e sigo sen entender, por que algo que produce pracer e parece tan san, foi e sigue siendo tan deostado. Mesmo hoxe escoito nalgúns programas de TV como “insultan” aos homes chamándolle “pajillero” e ás mullers “masturbadora”. Se a masturbación en compañía non tivese connotacións pexorativas pode que diminuísen os embarazos de adolescentes.

Adolescencia

Despois do internado pasei unha tempada na que o namoramento en si mesmo foi máis importante que a relación cos homes.

Vou primeiro situarme na época.

Transcorre a finais dos 60, principios dos 70. No ambiente estudiantil había un pouquiño de apertura sexual -polo maio francés- pero “daquela maneira”. A apertura consistía en que os homes querían a liberdade sexual das mulleres para ter relacións sexuais, pero pouco máis. O fondo seguía igual.

No resto da sociedade a cousa estaba chunga. Os métodos anticonceptivos eran os naturais, marcha atrás e Ogino. Conseguir preservativos era cousa de heroes porque mesmo os homes -xulgados máis laxamente- que os ían mercar eran considerados coma depravados, e que che receitasen a pílula… case imposible.

Con este panorama ter relacións sexuais con penetración era moi temerario. Había unha vantaxe, que a SIDA non chegara aínda a Europa polo que o embarazo era o maior enimigo. A maioría das mulleres só tiñan estas relacións cos seus mozos. E ser mozos era un vínculo moi forte, tanto ou máis que hoxe estar casadxs. A perda de liberdade das mulleres nesta relación era case total.

Eu pasei esta época entre relacións imposibles -con veraneantes ou que tiñan moza- e noivados de bicos e aloumiños nas mans (manitas)

Coas imposibles sufría, pero eran moi emocionantes -como as atraccións de feira- e tiñan a vantaxe de que, por non ter visos de continuidade, a excusa para non ter relacións sexuais con penetración era ben aceptada.

As de noivos eran algo emocionantes ao principio pero logo convertíanse nun pesadelo: perdía liberdade e a parte da sexualidade era un lío; o magreo só non era ben recebido polo mozo -que o consideraba preámbulo da penetración- e a penetración era moi arriscada e non a quería eu -que era moi sensata por aquelas.

Total, que tiña que estar pendente de que os aloumiños non foran moi lonxe porque podían interpretarse coma preámbulo doutra cousa -se te deixabas ir e logo non querías “chegar ao final” pasabas á categoría de quentabraguetas. Que tensión!!… Así non hai quen desfrute.

Ou sexa que o sentimento de namoramento era a mellor opción.

Grazas, Corín Tellado

As fotonovelas de Corín Tellado foron as promotoras do descubremento da miña sexualidade, aínda que eu nese momento non o sabía.

O guión era bastante repetitivo. Moza coñece mozo, namóranse, a relación ponse en perigo por causas alleas ao amor dxs protagonistas -económicas, culturais…-, supéranas e remata en voda. Pero Corín tellado acertou en dúas cousas; xs personaxes eran bastante normais, quero dicir que non eran nobres ou de clase alta, e os contidos erótico e sexual, aínda que non moi explícitos pola censura, eran dun tono moi elevado.

Eran os anos 66-68. Eu, aínda que pola idade sería hoxe unha adolescente, por aquelas poderíase dicir que era unha pre-adolescente. Lía as fotonovelas no meu cuarto, na cama -xa comentei que non se podían ler á vista dxs adultos.

Ao principio líaas coma se fose un comic ou unha revista de actualidade, pero fun notando que o meu corpo reaccionaba aos momentos “románticos” e entón pasei a lelas doutra maneira: buscaba a resposta corporal.

Non a buscaba de forma explícita, colocábame ou movíame de forma que me estimulaba “coma quén non quere a cousa”. Non coñecía o concepto, nin sequera a palabra, masturbación polo que non me parei -nese momento- a cualificar nin valorar o que facía. Pero máis tarde souben que o que facía era masturbarme e ao que sentía deille en chamar “orgasmitos de la señorita Pepis” copiando o nome dunha das revistas de humor satírico do momento -Papus ou Jueves, non recordo.

Grazas ao meu descoñecemento de todo o relacionado coa sexualidade non tiven conciencia de que estaba pecando nin tiven ningún sentimento de culpabilidade.

Esta fase rematou cando fun continuar os meus estudos a un colexio, interna. Pero foime moi útil máis adiante. Xa o contarei outro día.