Acabo de ver un artigo publicado onte no eldiario.es “Miles de mascarillas en el mar”. Nono lin polo miúdo para non porme de moi mala baba porque co titular xa me chega.
Penso que temos que saír deste círculo vicioso: Coma somos unha sociedade irresponsable hai que impor moitas normas para que nos comportemos de forma responsable; pero como somos irresponsables responsabilizamos axs que nos impoñen as normas do noso comportamento.
Vou desenvolver un pouco esto que digo. Como as autoridades non nos din exactamente o que temos que facer coas máscaras pois nós guindámolas en calquera sitio e a “culpa” non é nosa porque non nos informaron ben.
Xa vivimos isto mesmo co plástico en xeral. Considerouse que o problema estaba no exceso de utilización -que tamén- e polo tanto a solución é deixar de fabricalo e utilizalo; é dicir, quedan exonerados os usuarios finais que son os que o reciclan ou o tiran en calquera sitio (si ya sabes como me pongo, pa que me invitas?). A solución pasa porque xs irresponsables non teñan a posibilidade de cometer falcatruadas no canto de educar para que non se cometan aínda que se poida.
Tiven, pola miña profesión, trato moi directo con adolescentes e asegúrovos que vivo nun constante déjà vu. A relación entre a cidadanía e a clase gobernante éche a mesmiña que entre os adolescentes e os adultos.
E digo eu se non sería hora de ir rompendo este círculo vicioso e que nos foran dando responsabilidades para que as vaiamos asumindo -coma se fai coa crianza.
Eu xa vou estando algo farta de que me traten como unha infante -as mulleres temos ás costas moitos anos disto- coa excusa de que hai moitos irresponsables.
Claro que ao ver as queixas dos medios e dos políticos porque as normas non son suficientemente concretas por un lado e que non hai suficiente autonomía polo outro, a miña esperanza de vivir nunha sociedade madura e cunha democracia altamente consolidada non é moi alta.