Maia

Ola, ruliña!

Xa estás aquí. Os teus pais están moi contentos e a túa nai bastante aliviada, supoño, porque as últimas semanas foron algo incómodas.

É que resulta que decidiches esperar sentada. Que eu tamén o entendo, en principio ten bastante lóxica. Porque esperar cabeza abaixo -que parece ser o normal- dende fóra non se ve moi confortable.

Eu son unha tía-avoa, a que tece xerseis, chaquetas, mantas… que son coma os pementos de Padrón; uns saen ben, e outros non. Contigo, ao ser a cuarta, pode que atinara un pouco mellor, algo fun aprendendo. Para compensar adoitan ser bastante orixinais e con certa dificultade de elaboración.

Tés un irmán, Milo, que é moi alegre, sociable e atrevido. Sempre está disposto a ofrecer un sorriso a calquera mostra de atención que lle fagas. Seguro que aprendes moito con el.

Aquí vas estar ben; A familia, a cidade, o país… Toda a contorna é bastante favorable. Non perfectos, non hai nada perfecto, pero razoablemente amables para que poidas medrar comodamente e converterte na muller que ti decidas ser.

Naceches o mesmo día que Quevedo (o escritor) ou Blanco Amor e tamén que Amy Winehouse, artistaza cos seus demos, ou Kate Millett, feminista estadounidense, que defendía -a mediados do século pasado- que o patriarcado non deriva da esencia humana senón da cultura.​ Boa xente.

Chegas no medio da borrasca Danielle -anteriormente foi un furacán- que non son frecuentes nesta época, pero tranquila, non é nada, un pouco de chuvia -que facía falta- algo de vento e nada máis. Xa che avanzo que os humanos sómosche bastante esaxerados e decontado facemos unha traxedia de calquera cousiña.

Benvida ao mundo!!!

Brecha dixital

Penso que nesto da fenda dixital das persoas maiores hai moito paternalismo e interese económico, coma en case tódolos aspectos que concirnen á xente maior.

Son unha persoa maior moi independente.

Empecei a utilizar ordenadores cando aínda non tiñan rato, si, coas teclas de función. De Internet xa non digamos. Logo viñeron os ratos e tiven que adaptarme. É moito máis fácil, dician os informáticos. Pero non nos enganemos; o máis sinxelo é o que xa se sabe. Aprendín. Tamén apareceron as redes internas que só servían para mandar documentos entre departamentos da mesma empresa ou entidade… Tamén aprendín. Coa Internet global o mesmo.

Foise desenvolvendo o uso en liña; aparecen páxinas web, aplicacións… para facer compras e xestións administrativas… Tamén aprendín a utilizalas.

Ata aquí todo normal.

Pero logo chegaron as melloras. Para que o procedemento fose máis sinxelo, máis seguro… Informáticos e empresas non paran de facer innovacións de forma que o que antes facías dunha maneira agora é de outra. Para que ata unha crianza de tres anos saiba facelo.

Aquí vou facer unha paréntese; as criaturas de tres anos non son máis listas do que era eu a esa idade porque saiban utilizar unha tableta ou un teléfono -eu non o facía basicamente porque aínda non existían-, é que están pensadas e deseñadas para que o fagan.

Ben, continúo. Pois con tantas “melloras” chega un momento no que xa aprendín a facer a mesma cousa de tantas maneiras -recordemos que son maior- que nas tarefas que non son cotiás xa non me da a gana de aprender máis, porque é moi probable que a próxima vez que teña que facelo xa sexa diferente. E xa prefiro que alguén a faga por min. Pero non porque non poida facela eu senón porque non teño ganas de pelearme coa aplicación; que se toquei na icona do lado, que se se colga, que se nese momento non vai porque está sobrecargada…

Son unha analfabeta dixital? Penso que non.

Que hai moitas cousas que prefiro facer en persoa? Si, especialmente mercar.

E digo eu… A atención personalizada non debera ser un servizo só para persoas maiores coa excusa de que non sabemos utilizar a tecnoloxía.

Eu sei utilizar as cabinas de “pago fácil” -vaia ironía- das autoestradas ou as caixas de autopago dos supermercados pero non o fago por varias razóns diferentes ao descoñecemento.

Exiliadxs

Segundo o dicionario da Real Academis Galega

exiliar

PARA TODAS AS ACEPCIÓNS SINÓNIMOS desterrar(se), expatriar(se)

verbo transitivo1 Expulsar [unha persoa] da súa patria por motivos políticos, con prohibición de volver a ela. O ditador exiliou os principais líderes políticos. 

SINÓNIMO relegar CONFRÓNTESE deportar

verbo pronominal 2 [Persoa] abandonar a súa patria por motivos políticos. Exiliouse cando o seu bando perdeu a guerra.

emigrar

PARA TODAS AS ACEPCIÓNS SINÓNIMO migrar

verbo intransitivo 1 Deixar o propio país ou o lugar de orixe, para establecerse noutro, en particular por razóns de traballo. Moitos galegos tiveron que emigrar en busca de traballo. 

ANTÓNIMO inmigrar

2 Zooloxía [Especies animais] cambiar de lugar, polo xeral en épocas fixas. Hai moitas aves que ao rematar o verán emigran a países cálidos.

A primeira observación que me gustaría facer é que se existen estas dúas palabras non entendo por que se utiliza o termo “exiliadx económicx” porque xa hai a palabra emigrante. Polo tanto eu non chamaría exiliada a unha persoa que foxe do seu país -moitas veces cos seus cartos- despois dunha revolución ou dun cambio de réxime que lle vai resultar lesivo economicamente.

Eu quero falar das persoas que se exilian voluntariamente por razóns ideolóxicas despois dunha guerra -que perderon-, dun golpe de estado… ou mesmo porque o Goberno do seu país lle limita a súa liberdade. Das exiliadas no sentido estrito.

E aquí tamén faría dous grupos. O das persoas cuxa vida corre perigo pola súa significación no rexime anterior, e o das que foxen buscando unha sociedade na que se sintan máis libres.

Aínda que respecto a decisión individual que pode tomar unha persoa de exiliarse para vivir noutro país con máis liberdades individuais, respecto moito máis a de aquelas que deciden quedar no seu para tatar de reverter a situación e buscar mellorar a situación para toda a sociedade.

Tendemos a idolatrar ás persoas que foxen dun país porque non se senten libres e van a outro para contar a situación do seu -e mesmo poden chegar a vivir diso. Hoxe para coñecer a situación dunha sociedade non fai falta que alguén teña que vir, fisicamente, a contárnolo. Por moi represor que sexa un Goberno a información flúe irremediablemente.

Grazas ás persoas que quedaron en España despois da Guerra moitas poidemos coñecer os valores democráticos, a pesar da represión e polo tanto dalgún custo persoal, e transmitilos a outras moitas. Sempre hai algún curruncho, algunha forma de capear o temporal…

E cando digo custo persoal refírome, entre outras cousas, a que estas persoas eran “vixiadas” polo Poder ao tempo que acusadas de mornos -tibios- polos “teóricos”.

Prefiro ás persoas heroínas do cotián no canto das que fan discursos, que tamén valoro.

O suicidio

Para min o suicidio e un dereito. Dereito a decidir sobre a miña vida, o meu corpo. O mesmo que o aborto ou a eutanasia.

O suicidio estivo -e penso que aínda está- penalizado pola Igrexa católica, e non sei se por outras. A unha persoa que se suicidaba non lle estaba permitido soterrarse “en sagrado”.

Parece que aos Nazis tamén lles molestaba que os judeos se suicidasen do canto de esperar a que os torturaran e mataran, e poñíanlles atrancos para facelo coma cortar o subministro de gas.

A min paréceme que nos dous casos a idea é que ti non podes decidir se vives ou non porque hai un “amo” que decide por ti. Decidir ti sería o mesmo que negar a autoridade do teu superior

Non me gusta a campaña que se está facendo sobre a prevención do suicidio porque parece que o mal é o suicidio. Para min o “mal” está en que unha persoa se sinta atrapada na súa propia vida de tal maneira que deixe de ter o máis mínimo interese, remate suicidándose ou non.

Pola contra tamén penso que o suicidio pode ser, nalgúns casos, a mellor opción de vida.

Por iso me gustaría que a campaña reivindicativa fose por outros camiños; reivindicar o Estado do benestar, a saúde física e mental… Non por demonidar o suicidio.

O obxectivo, para min, é que a xente viva razoablenente tranquila -xa non digo feliz-, non que non se suicide.

Eu nunca tiven pensamentos suicidas pero considero o suicidio coma unha opción de vida que, no caso de elixila, non debería culpabilizar a ninguén.

A calidade de vida dunha persoa non debe ser un medio para conquistar un obxetivo -evitar o suicidio. É un obxectivo en si mesma. Se se consegue, pode que haxa menos persoas que decidan abandonar a vida prematuramente.

Nuria

Ola miña ruliña,

Outra da xeneración COVID! Non hai moito daba tamén a benvida ao teu primo Milo neste mesmo blog.

Estaba previsto que naceras en xuño pero parece que eres máis de improvisar. Penso que teus pais vancho agradecer, esperar estresa moito.

Este mesmo día, 25 de maio, ademais do teu nacemento, pasaron algunhas cousas importantes no mundo.

Naceu, hay moito tempo, Louise Hammarström, a primeira muller sueca que recibiu educación formal en Química,

Mike Oldfield lanza o seu disco Tubular Bells. Isto é unha cita interesada, gústame moito a min,

E os gobernos de varios países europeos declaran “Inimigo do mundo” a Napoleón Bonaparte. Por poñerte algún exemplo.

Naces pasado xa o inverno, boa idea.

Hai algo que che quero dicir; ten moito tino cos mitos, especialmente co do “Amor romántico”. Nalgún tempo xa te darás de conta que é unha teima que teño.

A Mestra Hipatia parece que dixo -destas datas é difícil ter información fidedigna- xa polo século IV da nosa época, que

As fábulas deben ensinarse coma fábulas, os mitos coma mitos e os miragres coma fantasías poéticas. Ensinar supersticións coma se fosen verdades é terrible. A mente das crianzas acéptaas e cre, e só cunha grande dor, e tal vez traxedia, poderáse libras delas cos anos. De feito, a xente pelexa por unha superstición tanto coma por unha verdade, ou incluso máis.

Hipatia de Alexandría

Afortunadamente tanto o teu pai coma a túa nai son persoas de Ciencia e non van permitir que a aceptación do irracional e ilóxico forme parte do teu pensamento.

Por outra banda a túa nai será un bo referente feminino para ti. É unha persoa que busca o que quere con naturalidade, sen vitimismos.

Polo que respecta á gastronomía -avoas “cocinillas” á parte- poderíase dicir que es coma un combinado “mar e terra”. Tes raíces de dúas Comunidades con produtos de primeira calidade: patacas, peixe e marisco por unha banda e pemento, carne e embutidos pola outra.

Pois aquí estás, de momento algo maltreita. Pero a túa vida pinta ben, tes unha familia que te esperaba coma auga de maio, nunca mellor dito, vas vivir nunha sociedade que sendo moi mellorable non está mal…

Pois iso, todo razonablemente ben.

Benvida!!!