Ata o chichi do relato

Hai tempo que non escribo pero non por falta de ganas senón porque é tal o cabreo e o cansanzo que se me agolpan as ideas. Xa non son capaz de aclararme con tanto relato.

Non me aclaro porque coma case sempre, no que ao relato se refire, todos teñen algo de razón. Abro paréntese para dicir que a de Rivera non a acabo de ver, pero algunha terá tamén.

Podemos axudou a sacar ao PP do Goberno, ben. Pero non entendo o dos presupostos nin que dende o primeiro momento queira un goberno de coalición pero coa (case)única finalidade de fiscalizar ao PSOE. Non me parece que partir da desconfianza sexa boa base. O PSOE tampouco soubo convencer a Podemos, penso que tería que buscar a maneira de convencelos e de que recuperaran -se algunha vez a tiveron- a confianza. Porque que a desconfianza de uns xenere a desconfianza dos outros é entrar nunha vía morta.

E todo polo relato. Pregúntome se tantos expertos coma hai nos partidos non caeron na conta de que militantes e votantes non son a mesma cousa. Non son militante do PSOE nin de Podemos  e algunha vez -alomenos unha- votei a cada un. E teño que dicir que a min non me importa nadiña o relato neste caso. Pode ser porque ao non ser home non lle dou tanta importancia a o de baixarse os pantalóns, non ter collóns, telos máis cadrados e máis grandes ca ti…

Podemos debería sabelo, de feito Errejón tíñao moi claro, Canto máis actúan para satisfacer a militancia máis votantes van perdendo -polo menos ata o de agora.

Votantes somos moitos máis e somos xs que facemos que os partidos ganen unhas eleccións ou non. Moitas persoas pensamos coma Iñaki Gabilondo no videoblog de hoxe “Irresponsables e incapaces” 

 

En serio, non podo con tanta tetosterona!!!

 

Confianza

Acabo de ler o artigo de Antón Losada -grande sempre- “De pijada en pijada“. O contido do artigo xa o podedes ler no enlace. Vai da desconfianza na vida política. Eu, que me gusta andar polo terreo da cotidianidade fixeime na idea da confianza en xeral.

O que ocorre na política é o mesmo que na sociedade. Os políticos son persoas que viven nunha sociedade e o seu comportamento non é diferente de o de calquera outra persoa que viva na mesma sociedade. Ás veces comparamos aos políticos españois cos suecos ou cos daneses, pero é que as sociedades dos países do norte ou do centro de Europa tampouco son como a nosa.

Non sempre foi así, ou polo menos non tanto. Meu pai foi un pequeno empresario e os compromisos que tiña cos provedores e cos clientes eran verbais, non asinaban contratos. As persoas tiñan creto -ou non- e en función diso actuabas. Hoxe calquera chisme publicado dunha persoa intachable convértea en indesexable porque xa non confiamos en ninguén, da igual a súa traxectoria até o de agora.

Aquí e agora ser unha persoa confiada é sinónimo de “pardilla”. Desconfiamos de todo e supoñemos que todxs desconfían de nos. A min as persoas desconfiadas dánme pouca confianza. Por exemplo Iglesias -ao que lle valoro moitas cousas que fixo e indirectamente votei ao seu partido- non se fía das palabras de Sánchez, nin sequera dun documento escrito que puidesen asinar, por iso ten que ser vicepresidente e ter a metade dos ministerios para poder vixiar as actuacións dun posible goberno socialista. ??? Estas actitudes fomentan a desconfianza e diso xa andamos sobradxs.

Escoitei moitas veces a frase o “respecto hai que gañalo” referida en moitos casos á conducta das mulleres. E, polo que eu percibo, é unha idea moi aceptada socialmente.

E digo eu… non sería mellor que fose ao revés? Que de entrada tense e logo xa se pode ir perdendo, ou non.

Coa confianza debería ser o mesmo, en principio tense e logo xa se verá se se mantén ou non. Pode que así as cousas fosen máis fáciles.

Agradecemento

Hoxe recibín unha carta de Pedro Sánchez agradecéndome o meu traballo e o meu esforzo de toda a vida, e a miña contribución a que a nosa sociedade sexa mellor.

Xa… non pensedes que chochei de todo, sei que o meu nome e enderezo están sacados dun dos múltiples rexistros de datos que andan pululando por aí -nin se sabe cantos nin onde. Tamén a miña situación laboral de xubilada. A partir de iso, só é cuestión de facer un modelo de carta e mandala. Supoño que haberá outras para desempregadxs, autónomxs…

Aínda así agradézollo. Non votarei ao seu partido, pero agradézollo. Nunca antes recebira no meu domicilio unha carta de agradecemento por nada. Nin sequera por contribucións económicas que teño feito a plataformas -ás que si votei-, a sociedades sen ánimo de lucro, a candidatos en campaña que fan colectas -crowdfunding, chámanlle agora-… Tampouco as autoridades académicas correspondentes me deron as grazas, cando me xubilei, polo meu traballo.

Que digo eu… Que traballo costa?

Dar as grazas, xunto con pedir desculpas, son xestos que non facemos habitualmente. Na vida persoal tampouco. Cando fas algo por outras persoas, non sei moi ben por que código social, parece que é o que tiñas que facer de serie. E aínda máis, se non o fas é que eres mala persoa.

Por iso, aínda que sexa unha parvada:

Grazas Pedro Sánchez-PSOE