Grecia non é España

Escoitamos esta frase ata a saciedade pero ao mesmo tempo si que nos están comparando todo o tempo -as mesmas persoas.

Estamos vendo coma todos os políticos están pretendendo sacar tallada electoral posicionándose dun lado ou do outro -gregos- coma se nós fosemos Grecia.

O caso de Pablo Iglesias Jr. é bastante espectacular, xa non sabe que facer para apuntarse tódolos tantos de todo o que pase ao seu arredor.

Acércase ou alónxase de ANOVA e AGE segundo lle vai vindo ben. Alónxase de IU en España pero integrouse no grupo da Esquerda Plural europeo, no que xa estaban -antes ca Podemos- IU e Syriza.

Tamén parece que pretende apropiarse de tódalas plataformas cidadás -agora está coas Mareas galegas.

Xa escribín hai tempo que Syriza ten máis similitudes con AGE ou con IU -coas que tiña relación cando nin existía Podemos- que con Podemos. Pero a Pablo Iglesias dálle igual, non tivo ningún escrúpulo en demostrar que “Tsipras é máis amigo meu ca teu” no peche da campaña electoral grega, saíndo ao escenario cando estaba acordado que non habería intervencións “extranxeiras” no último día -de feito só saiu facer a foto.

Non entendo que fan os Partidos políticos españois -todos- en pórse a facer campaña no referendum grego -polo si ou polo non- e pretender trasladar iso a España.

Eu alégrome de que gañase o NON en Grecia, máis por unha cuestión testemuñal que real. Hai que reivindicar a democracia e a política fronte os mercados. Pero non nos enganemos, en Grecia están case na situación “non ter nada que perder, agás as súas cadeas”, cousa que creo pon pasa en España polo de agora. Teño moitas dúbidas de que o resultado aquí fose o mesmo, nin sequera que se celebrase referendo. Pero non porque sexamos menos demócratas que os gregos senón porque non se convocan referendos para perdelos.

En lugar de pór tanta énfase en colocarse dun lado ou doutro, de buscar resultados electorais, TODOS deberían buscar unha solución ao problema. Que a hai, seguro.

Grecia

Abriu a veda para que se poida falar de Grecia coma se viviramos alí de toda a vida.

Eu sei moi pouquiño de Grecia, coma case todo o mundo, pero voume aplicar un dito “se falan sendo ignorantes no tema, eu, que son tan ignorante coma eles, ou máis” e tamén podo falar.

Ben… vou falar menos da composición do Goberno porque iso “non ten perdón de deus”. Xa non digo paritario, pero isto…

Pero deixando este tema aparte -que non é menor- quero ver se atopo unha explicación para o da alianza co partido Gregos independentes.

Posiblemente Tsipras precise máis apoios en Grecia que en Europa. Non é que en Europa llo vaian poñer fácil pero parece que a Troika, ou polo menos o Banco Central, xa está na dictablanda; está Hollande, que xa pasou por iso; están os outros países rescatados; estamos os que non puidemos ser rescatados porque somos demasiado grandes… Tamén conta con que son poucos -os gregos- e polo tanto o problema tamén é menor que se foramos nós ou Italia…

O que penso é que por esa banda as cousas vanse arranxar dalgunha maneira. Non coas condicións iniciais de Syriza -que xa se foron rebaixando- pero a algún acordo chegarán.

Seguramente o problema máis gordo o teña na casa.

Non sei como está de forte o movemento feminista en Grecia, pero moi contentas non creo que estén -pero xa dixen que diso non ía falar.

Tamén están a dereita en xeral e o exército en particular. Pode que para iso conte con Gregos Independentes, para que controle eses sectores. Parece ser que o Ministerio de Defensa foi o único que até o de agora non só non tivo recortes no presuposto senón que o aumentou, e curiosamente ese ministerio é para Gregos Independentes. Se agora hai que recortar nese ministerio pode que aos militares lles moleste menos que o faga un nacionalista de dereitas.

Vou ser ben pensada e e crer que esta alianza é para “acalmar e controlar” aos sectores radicalizados da dereita.

Syriza

Syriza naceu coma unha coalición electoral e estaba formada por moitos partidos, todos de esquerda: comunistas, maoistas, socialistas, trotskistas, euroescépticos, ecoloxistas…

Aínda que formalmente se presentaron xuntos, como SYRIZA, no 2004, xa viñan tendo actuacións conxuntas dende antes.

Se eu tivese que buscar o equivalente español de Syriza, ocórrenseme varios: IU, BNG ou AGE.

Izquierda Unida (IU) naceu polos 80, a finais, aglutinando partidos comunistas, socialistas, republicanos, humanistas…-todos de esquerdas- con motivo das movilizacións pola saída de España da OTAN.

No caso do Bloque Nacionalista Galego (BNG) os seus inicios remóntanse aos anos 60. Foron cambiando os nomes da coalición e incrementándose os grupos que a compoñen até chegar ao actual BNG. A ideoloxía común é o nacionalismo de esquerda e os grupos que o compoñen son comunistas, socialistas…

A coalición máis recente das que mencionei, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Nace no 2012 para as Eleccións ao Parlamento de Galiza. Está formada por partidos ou coalicións de esquerda (EU), nacionalistas (ANOVA), ecoloxistas (EQUO)…

Por isto non entendo moi ben as comparacións que se están a facer nos medios de comunicación de partidos españois con Syriza.

Podemos non é unha coalición -no seu seo había unha coalición política (Izquierda Anticapitalista) pero aos seus afiliadxs non se lle permitíu presentarse para ocupar cargos da cúpula, e a organización (IA) rematou tendo que deixar de ser un partido para poder participar en Podemos-, non se definen de esquerdas… polo tanto non entendo moi ben a similitude. O único que eu lle vexo eu en común é que son forzas emerxentes nos seus respectivos países, pero tamén en Francia hai forzas emerxentes, que non quero nin nomear, e non creo que veña ao caso buscar a relación.

E xa, á marxe do dito, o que me alucina é que se defina a Syriza coma o Podemos grego. Aínda que só sexa por cronoloxía tería que ser ao revés.