Se é público, é meu.

Hai tempo, a máxima era “se é público, non é de ninguén”.  E a xente destrozaba sen miramento ningún as cousas de todxs: mobiliario urbano; mesas e cadeiras dos Institutos, dos centros de saúde… Total paga o Concello… Coma se o Concello fabricase os cartos e polo tanto non custase ren.

Trataron de mentalizarnos de que iso non é así e apareceu o slogan “o público é de todxs”. Pero, coma case sempre, apareceron as “interpretacións” e unha delas é “se é público, é meu”. Isto non é aplicable só xs políticxs, moita xente interpreta iso.

Veño dun multiusos, de presenciar un exemplo do que digo.

Estes días está a facer frío, máis do normal para a época do ano. Onte pola tarde o centro estivo pechado e hoxe nos vestiarios facía fresco. Ao chegar vin que as portas das dúas saunas estaban abertas e pecheinas. Unhas persoas estaban a se queixar do frío que facía. Fun ao váter e ao saír as portas das saunas volvían estar abertas, e pechinas de novo. Non sei se cando me fun as volveron abrir, pode que si.

Supoño que a súa pretensión sería quentar os vestiarios coa calor das saunas. Por unha banda pareceume bastante estúpido -por inúti- e polo pouco rendible (relación consumo enerxético e cantidade de calor nos vestiarios), e por outra pouco considerado coas persoas que quixeran utilizar as saunas xa que a baixada de temperatura dentro era notable.

Que o razonamento parece: nos vestiarios teño frío e como as saunas tamén son miñas podo dispor delas como me pareza -como o consumo enérxético tampouco me importa, porque o que importa é que eu teño frío- pois abro as portas… e xa está.

Tamén teño visto outra versión do mesmo. Para secarse, no canto de facelo na zona das duchas -que é o que suxiren uns carteis e o sentido común- vano facer dentro das saunas; pero claro, como aí fai moita calor abren a porta.

Podería pór moitos exemplos deste tipo sen saír dese lugar: sacar o bafo do espello co secador de mans, utilizar varias duchas a mesma vez…

Utilizar o público com propio é Marca España, que diría Buenafuente.

Si, estamos tolxs

Non sabemos o que queremos. Sinto levarlle a contraria a Ketama, Wyoming e tanta outra xente que fixo afirmacións parecidas. Pero non exactamente a contraria, só quero subliñar o feito de que non sempre sabemos o que queremos.

No aspecto individual, antes da idade adulta é moi frecuente atoparse con situacións nas que, un adolescente por exemplo, quere unha cousa e tamén a contraria. Nestes casos considérase “normal”. Xa na idade adulta vivín unha situación que recordo polo que me sorprendeu, no seu momento.

Estabamos nun acto para elixir destino -facíase de forma presencial, había unha listaxe de persoas e outra de prazas e cada persoa ía elixindo unha praza segundo a orde establecida na lista. Eu era das primeiras en elixir, poñamos a sétima -non recordo exactamente. Cando xa tiñan elixido cinco persoas suspendeuse e anulouse o acto por non recordo que erro de procedemento. Convocáronnos para o día seguinte. As listaxes eran as mesmas. Eu xa tiña feita a miña propia listaxe de prazas preferentes e xa riscara as que pediran xs cinco primeirxs.

Decidín que esa lista xa me valía para o día seguinte porque pensei que se alguén ten tódalas prazas para elixir e elixe unha, o normal será que ao día seguinte elixa a mesma. Pois non… só dúas mantiveron a elección.

Na vida pública pasa algo parecido, pero peor. Porque neste caso as decisións son dunha parte, a maioría. Esta maioría síntese lexitimada para impór o seu criterio sen ter moi en conta á minoría. E a minoría non acaba de aceptar de todo esa decisión e ao día seguinte xa está pedindo unha nova votación.

Coma o alumnado dun instituto, vaia.

Salarios públicos

Estou até máis arriba do moño de oír que xs traballadorxs dunha entidade pública teñen que cobrar menos ca xs dunha privada.

Xa falei do público e do privado noutra ocasión pero vouno facer outra vez para referirme aos soldos.

Onte vin un anaco da entrevista que lle fixo Risto Mejide a Celia Villalobos. Nun momento el preguntoulle canto cobraba –moi típico cando se trata dun salario público, a ninguén que traballe na privada se lle pregunta iso e se se fai non contesta- ela díxollo e a continuación apostilou que el cobraba máis ca ela, a resposta era previsible: pero eu non cobro de tódolos cidadáns.

Parécenos normal que un presentador dun programa de TV gañe máis ca unha deputada?

E digo eu… de onde sacan as empresas privadas os cartos para pagar os salarios? Pois de todos os que mercamos os seus produtos; pagamos os soldos dxs traballadorxs e máis os beneficios da empresa.

Os salarios forman parte dos custos de produción e repercuten no prezo do produto. Pero non se nos ocorre aos consumidores –ou non de forma xeneralizada- pedir que baixen os salarios para abaratar o prezo, normalmente pídese que rebaixen os beneficios.

Pero digo máis.

O traballo dun traballador público vale menos ca o dun privado e por iso debe cobrar menos?

Ou é que se está a defender que a igual traballo distinto salario?

Por favor, que pare xa tanta irracionalidade!!!

O público e o privado

Todxs confundimos estes dous termos con demasiada frecuencia e a tódolos niveis.

Na vida das persoas -mesmo se son anónimas- se alguén che fai unha foto ou te grava nun lugar público, pódeo publicar onde queira porque iso non forma parte da túa privacidade. ¿? Si, esta é unha idea que está estendida socialmente potenciada polo “xornalismo barato” -cando queren facer negocio coa vida da xente.

No blog de Juan Tortosa atopeime con Cuando la corrupción nos parecía tan normal Estou de acordo pero quero engadir algunha cousa máis que tamén nos parece tan normal.

Hai, basicamente, dous sistemas económicos que son o paradigma do público e o privado: O Comunismo e o Capitalismo.

O Comunismo -lagarto, lagarto!!!- non, por Tutatis. Parece que ofrece máis igualdade pero que non respecta a liberdade individual, coma se os pobres nunha sociedade capitalista tivesen moita!!!

O capitalismo puro resultou ser demasiado cruel e inventáronse un lote de híbridos -liberalismo, socialdemocracia…- ata que chegamos a isto que a todxs nos parece tan normal: cando unha empresa vai ben é privada e pode por os salarios que queira -non necesariamente igualitarios-; incentivar a produción, a dedicación, a creatividade… e con isto chegamos ao proceso de corrupción -si, no privado tamén- que a todxs nos parece normal e que xa explica moi ben Juan Tortosa.

Pero isto non remata aquí, coa corrupción -mala xestión- chegan as dificultades económicas  da empresa e entón é cando todo o que nos parecía tan normal pasa a ser un crime contra a humanidade e teñen que intervir tódalas institucións do Estado, polo ben dxs traballadorxs -axs que até o de agora tamén todo lles parecía tan normal.

E voilà!!!, o que era privado pasa a ser público con diferentes formatos: subvencións, expedientes de regulación, nacionalización temporal…

Que o privado se volva público cando pintan bastos tamén nos parece tan normal.