Os dereitos non se conseguiron dunha tacada. Nin se perderon doutra. Fóronse conseguindo pouco a pouco, con moito esforzo e tamén nolos roubaron aos poucos -entre outras razóns porque se os perderamos todos á mesma vez seguramente non o consentísemos.
Á miña xeneración tocoulle conseguilos. Perdémolos e agora toca recuperalos. Amolaríame moito que se truncase o proceso pola ansiedade de querer facer todo á mesma vez.
Estou a ver como asociacións de todo tipo están a queixarse da insuficiencia das medidas que se están a tomar. Non vou comentar as que teñen que ver coa economía porque aínda que as políticas económicas poden crear marcos que favorezan a igualdade, está claro que conseguir que os empresarios asuman que cunha menor desigualdade tamén poden conseguir moitos beneficios vai máis aló da lexislación.
Voume referir a outras medidas máis ideolóxicas coma a relixión ou as migracións.
No tema relixioso temos moi presentes dous temas: o Concordato e o Val dos caídos.
No do Val dos caídos parece que sacar de aí a Franco e a José Antonio está en marcha. Ben! Pero parece que non é suficiente -e non o é- e hai que tirar a cruz e desacralizalo. Como eu o vexo iso hai que facelo, pero despois de denunciar o Concordato.
A Igrexa non ten especial interese en ter aí a eses personaxes, pero o de desacralizar o lugar xa é outro conto, non vai estar tan receptiva. E se hai que empezar unha batalla eu preferiría a do Concordado, que condiciona a laicidade do estado, que a desacralización do Val dos caídos. Xa sei que se me pode rebatir moi facilmente este argumento: pódense facer as dúas cousas. E si, eu tamén o penso. Pero non á mesma vez. Ter aberas dúas frontes non me parece estratexicamente boa idea “quien mucho abarca, poco aprieta”.
Eu pediríalle a estas asociacións que pospuxeran a desacralización e reivindicaran como algo prioritario a denuncia do Concordato. Sen el, o resto sería máis doado.
Algo parecido pasa coas migracións. O problema non se vai resolver de raíz ata que non se resolvan os problemas nos países de orixe, polo que de momento habería que conformarse con medidas “menos malas”. Pórse a esixir as “perfectas” pódenos levar ao extremo oposto -no que están moitas persoas e países.