Medios e redes

Coa comunicación dos líderes políticos -sigo a utilizar o masculino adrede- pasa como con tantas outras cousas na vida, non hai termo medio.

É certo que Rajoy non é moi dado a utilizar os medios de comunicación -máis aló dos que o acompañan aos actos oficiais, e pouco- e xa non falemos das redes sociais. É lóxico; non é xoven, nin guapo nin ten moita facilidade de palabra e iso ten moito impacto nos medios. Para min iso non é o máis importante para un político, para os medios si porque canto menos apreza menos titulares xenera. Pero non importa, xa se fan os titulares sobre as ausencias. O problema -segundo eu o vexo- non é que non apareza el -para iso hai gabinetes de prensa- senón o que fan el e o seu goberno.

Pola contra outros líderes están permanentemente nos medios e nas redes -espero que nalgún momento deixen de estar en campaña electoral permanente e se dediquen máis ao traballo cotián. Pero ao que ía, gábanse de ser TT -que haxa moita xente dicindo cousas deles, vaia (non sei como se escribe, nin sequera foneticamente)- en tuiter; de estar na TV, facendo calquera cousa… Mesmo pode ser motivo de polémica se estiveches ou non con Ana Pastor -deusa do xornalismo, non entendo moi ben por que.

E as redes non son exactamente a realidade. Nas redes metémonos, moitas veces, cando estamos aburridxs. E sen moito pensar poñémonos a difundir a parvada de turno só porque xa o fixo moita xente. Xs personaxes de Sálvame son TT case tódolos días -a min isto daríame que pensar.

E así, entre un que non chega e os outros que se pasan, pasamos o tempo.

Por outra banda “a clientela” das redes é un sector de poboación determinado que non creo que represente a maioría da poboación.

E digo eu, atractivos líderes, moito tino con vivir nas redes. E recorrendo ao refraneiro -propio de poucas luces, segundo algúns.

Nin tanto arre! que fuxe, nin tanto xo! que se deite.

Machismo nos medios

Quero aclarar que o que vou dicir é unha xeneralización. Xeneralizar sempre é “inxusto”, fágoo para simplificar. Enténdase que me refiro a unha parte importante, non ao todo.

O machismo está en todas partes e os medios sácano a relucir segundo lles veña ben.

Que está tamén nos medios de comunicación non é para min novidade. Pero por enriba do machismo están a audiencia ou a comercialización e a persoa á que se quere desprestixiar.

O dos medios funciona máis ou menos así:

Que un político pronuncia unha frase machista… tormenta informativa do asunto e ata pode que se pida a dimisión.

Que un xornalista fai unha pregunta machista… iso é polo interese informativo.

Neste momento son os propios medios que se critican uns a outros polo tratamento informativo que se está facendo a unha representante política. Pero eses mismos medios non tiveron reparo en utilizar a relación sentimental doutro político para dar morbo a unha nova que por si mesma -sen a utilización da parella sentimental- tería entidade suficiente.

Os medios co machismo fan coma os políticos coa corrupción: O que fago eu está ben e o que fas ti está mal.

Temos que saír desta dinámica.