Ecoloxía e pseudociencia

Xa sei que o pensamento científico non é o máis común na nosa sociedade.

Tamén sei que somos menos ecolóxicos canto máis avanzamos en economía e tecnoloxía.

Eu entendo que unha empresa que quere venderme un producto utilice argumentos pseudocientíficos para convencerme de que ese producto é bo e ademais é ecolóxico. Xa conto con iso. Dos que se consideran ecoloxistas, non.

Xa teño comentado que non me parece máis ecolóxico substituír o plástico por papel (é certo que o plástico non degrada; pero tamén o é que para fabricar papel hai que talar árbores, polo que a cuestión paréceme que está en que facemos co plástico).

Hoxe vou co papel hixiénico húmido.

Para empezar deberiamos diferenciar o papel hixiénico húmido das toalliñas limpadoras, desmaquilantes… Que quede claro que non son partidaria de botar ao váter nada que non sexa papel hixiénico, e non o fago.

Uso papel humido dende que me operei de hemorroides, por indicación do cirurxán. Ao principio usaba un de farmacia que tiña unha substancia desinfectante -ademais de ser máis suave. Aínda non estaba comercializado o “normal”. Logo pasei a usar o húmido normal.

Ultimamente empezou a entrarme algo de mala conciencia polos “transtornos” que ocasiona.

Así que decidín facer un experimento. Metín unha porción -unha toalliña- en auga. E isto foi o que pasou.

1.- Uns minutos máis tarde

0d8c5f91-aa59-4cbd-846c-b61cd9c84cb2.jpg

2.- Unhas horas máis tarde.

5d89d4af-ab89-4261-ab03-6b4921b7fa01.jpg4ae64575-a094-4c3d-883d-3c47389ad436.jpg

Así que xa me quedo máis tranquila. Degrada.

Quero mandarlle unha mensaxe a todos aqueles que nos avisan nas redes de todas as cousas que son malísimas: Antes de porvos tan estupendos e de poñer as empresas de malísimas informádevos ben e despois diferenciar as toalliñas limpadoras do papel hixiénico húmido. E se atopades un papel hixiénico que non degrade, decide cal é.

Neste caso parece máis fiable a empresa fabricante que as persoas que nos alertan.

07ad1da0-2747-4306-9292-5699aef40c66.jpg

Advertisements

Monedero

Moitas persoas que queren atacar a Monedero acúsano de machista e as que o queren defender din que iso non é machista porque el é así de afable, cercano… tocón. Polo incidente con Sáenz de Santamaría.

Non vou entrar en se o saúdo bicándose é machista ou se a cortesía deste tipo de saúdo inclúe o agarrarte dos ombreiros ou só acercar a cara, cando se trata dunha persoa coa que non te une unha relación persoal.

A min a actuación de Monedero paréceme moralmente de prepotencia, chulesca… e fisicamente coercitiva e intimidatoria.

Paréceme chulesca porque diríxese a unha persoa que se supón está cabreada porque lle aconteceu algo moi desagradable para ela e el acércase para dicirlle –cunha actitude aparentemente amigable- que se alegra de que o esté pasando mal.

Paréceme intimidatoria e coercitiva porque continúa agarrándoa –manténdoa a unha distancia moi curta del- despois de darlle os bicos, sabendo que hai un montón de cámaras gravándoos e polo tanto non lle dá a posibilidade de librarse del sen recorrer a algún movemento brusco que podería ser interpretado como violento ou cando menos politicamente incorrecto. Nunha situación así moitas nos sentiriamos intimidadas. E sinceramente, son máis partidadia de pedir permiso que de pedir perdón.

Por que centrar o asunto en se o acto é machista ou non? Un roubo con intimidación e agresión física –por exemplo- sería un delito grave ou leve por ser machista ou non?

Penso que alguén pode comportarse coma un gilipollas sen ser machista e tamén que alguén que nun momento se comporta de forma machista –todxs o fixemos en algún momento polo patriarcado no que nos educamos- sexa boa xente.

 

 

 

Se é público, é meu.

Hai tempo, a máxima era “se é público, non é de ninguén”.  E a xente destrozaba sen miramento ningún as cousas de todxs: mobiliario urbano; mesas e cadeiras dos Institutos, dos centros de saúde… Total paga o Concello… Coma se o Concello fabricase os cartos e polo tanto non custase ren.

Trataron de mentalizarnos de que iso non é así e apareceu o slogan “o público é de todxs”. Pero, coma case sempre, apareceron as “interpretacións” e unha delas é “se é público, é meu”. Isto non é aplicable só xs políticxs, moita xente interpreta iso.

Veño dun multiusos, de presenciar un exemplo do que digo.

Estes días está a facer frío, máis do normal para a época do ano. Onte pola tarde o centro estivo pechado e hoxe nos vestiarios facía fresco. Ao chegar vin que as portas das dúas saunas estaban abertas e pecheinas. Unhas persoas estaban a se queixar do frío que facía. Fun ao váter e ao saír as portas das saunas volvían estar abertas, e pechinas de novo. Non sei se cando me fun as volveron abrir, pode que si.

Supoño que a súa pretensión sería quentar os vestiarios coa calor das saunas. Por unha banda pareceume bastante estúpido -por inúti- e polo pouco rendible (relación consumo enerxético e cantidade de calor nos vestiarios), e por outra pouco considerado coas persoas que quixeran utilizar as saunas xa que a baixada de temperatura dentro era notable.

Que o razonamento parece: nos vestiarios teño frío e como as saunas tamén son miñas podo dispor delas como me pareza -como o consumo enérxético tampouco me importa, porque o que importa é que eu teño frío- pois abro as portas… e xa está.

Tamén teño visto outra versión do mesmo. Para secarse, no canto de facelo na zona das duchas -que é o que suxiren uns carteis e o sentido común- vano facer dentro das saunas; pero claro, como aí fai moita calor abren a porta.

Podería pór moitos exemplos deste tipo sen saír dese lugar: sacar o bafo do espello co secador de mans, utilizar varias duchas a mesma vez…

Utilizar o público com propio é Marca España, que diría Buenafuente.

Cataluña

Hai tempo que non comento cousas que vexo na vida cotiá, e non porque ultimamente non as vexa, pero é que case sempre son de escenas machistas protagonizadas por mulleres e iso non “está de moda” subliñalo. Ao parecer iso é pola educación que recibimos, coma se os varóns non recibiran tamén unha educación, a mesma educación patriarcal e machista. Todos e tamén todas temos que desprendernos do “lastre” educativo que recibimos.

Pois ao que ía. Estou nunha viaxe do IMSERSO, que dan para moito observar. Por exemplo a pouca querencia que lle temos as persoas xubiladas ás riolas.

Cando chegamos ao hotel formouse unha masa compacta na recepción na que metía medo adentrarse. Algunhas persoas decidimos quedarnos nas aforas da masa e puxémonos de charla. Achegouse un home, que tamén viaxa só. O “cuñado”. Enseguida quixo saber quen ía con quen ata que quedou claro que eu ía soa. Empezou a tomar a iniciativa, contounos que el fixera moitas viaxes moi longas; Singapur…, moi complicadas; no medio de tormentas… e, como non, saiu Cataluña.

Unha parella das que estaba na conversa ten un piso en Cataluña e comentaba que a xente estaba preocupada pero logo, cando concretaban, referíanse a camareiros galegos que estaban traballando alí e que decían que se poidesen volverían para Galiza. ???? Tamén saíu o tópico de que se parten as familias por iso, coma se nou houbese familias que non se falan por outros moitísimos motivos.

Non teño costume de opinar de política nestas situacións, o mundo IMSERSO non é maioritariamente de esquerdas precisamente, pero coma iamos estar esperando moito tempo, atrevinme a dicir que moitos cataláns son nacionalistas e queren que se lles recoñeza o dereito de autodeterminación pero non son independentistas, polo que se o tema se tivese tratado mellor non estariamos onde estamos.

O “cuñado” díxome: ti dáme a impresión de que debes ser das Mareas ou algo así. Díxenlle que si, que algo así. E foise.

Para que digamos que os cataláns están moi radicalizados.

 

Suspenso en técnicas de resumo

Non sei se os titulares das novas deben ser un resumo da noticia que vén a continuación. Polo que eu entendo no titular debería estar o miolo da nova, escuetamente, e no corpo da noticia os detalles que deben responder as famosas 5 Q -W-

Parece que titular -ao igual que outros moitos termos- converteuse nunha frase que debe ser moi chamativa, e a poder ser  “amarillista”, aínda que leve a formarse unha opinión desvirtuada da nova mesma.

Cando eu lin as novas sobre a elección de candidatxs á formar parte do Tribunal de Estrasburgo -e no caso concreto do candidato que propuña o PP- pasei polas seguintes fases:

Nese proceso de selección había unha proba de dominio de idiomas e un deles, o “candidato do PP” obtivo un 0 tanto en Francés coma en Inglés,

Na valoración correspondente ao apartado de idiomas, as persoas integrantes do tribunal asignado para a selección, outorgáronlle un 0 ao candidato mencionado -nese apartado- e,

Cada menbro do tribunal de selección tiña que votar por un dos candidatos e ningúen o votou. Que supoño que sería o que pasou porque mon me imaxino eu a persoas dese nivel facendo unha proba para optar a un cargo.

Que non digo eu que non sexa posible que a miña capacidade de comprensión de textos sexa limitada. Pero tendo en conta que non tódalas persoas teñen altas capacidades intelectuais, tamén os titulares podían ser algo menos confusos e sobre de todo máis fieis.

Está bastante claro que o interese informativo estaba máis no PP que no candidado, porque nese momento non se falou -agora xa si- da candidata que resultou elixida que tampouco parece -se é certo que ten certa tendencia homófoba- moi idónea para formar parte dun tribunal de Dereitos Humanos.

E persoalmente prefiro alguén que non saiba idiomas que alguén homófobo. Estamos a nos pór un pouco “pesadiños” con iso de ter que utilizar -e polo tanto coñecer- na linguaxe común palabras inglesas que se poden perfectamente dicir en calquera outra lingua co mesmo significado.

Corresponsabilidade

Non existe o risco 0 o mesmo que non existe a inmortalidade, pero nas sociedades máis desenvolvidas parece que non queremos aceptalo.

Queremos vivir máis e mellor ata o infinito e tamén queremos a tranquilidade da seguridade total.

Entendo que queiramos mellorar a nosa vida, pero non podemos responsabilizas a terceiros de absolutamente todo o que nos pasa.

Cada sociedade ten -pola propia Natureza- riscos potenciais. No momento que aparecen os feitos todxs temos que saber a mellor maneira de enfrontarnos a eles. Xapón é un pais propenso as sacudidas sísmicas e independentemente das madidas de prevención que se tomen toda a poboación -incluíndo a crianza- sabe o que ten que facer en caso de que isto ocorra. Nos países nos que hai neve boa parte do inverno viven con ela con normalidade, non sei se se monta unha crise política cando hai que pechar algún aeroporto pero dáme que non.

Pero aquí somos diferentes -infantís, diría eu. A calor no verán e o frío en inverno abren os informativos; os atascos nas entradas e saídas das grandes cidades en pontes ou vacacións son por “culpa” do goberno; e xa non digamos cortes por estradas cando neva.

Que non digo eu que non deba haber protocolos e plans para solventar un problema cando aparece pero a cidadanía tamén podía colaborar un pouco.

Meterse nun coche cun bebé e sen cadeas cando hai unha previsión de temporal… non sei eu se é unha idea moi sensata… aínda que non houbese neve. E xa non digamos os que foron a unha altura de 3 000 m en mangas de camisa.

Cando tomamos unha decisión deberiamos ter en conta algúns factores fóra dos nosos propios intereses. É máis doado cambiar os nosos plans que a meteoroloxía. Pero claro, é máís fácil botarlle as “culpas” a un terceiro que asumir a nosa responsabilidade pola decisión estúpida que tomamos. Eu teño a teoría de que canto máis responsable é un dos males que lle ocorren máis responsabiliza a un terceiro polas súas desgrazas.

Teño falado xa máis veces do infantilizada que está a nosa sociedade. Os políticos non nos axudan a que nos fagamos autónomxs e polo tanto a que cadaquen se responsabilice da parte que lle corresponde.

Sen querer darlle a razón ao Goberno, que tamén ten a súa responsabilidade, os conductores que viaxan sen cadeas cando avisaron dun temporal tamén son responsables do que lles poida pasar.

Trama si, trama non

Xa estamos! Empezan as opinións e as análises partidistas.

Onte entrevistaron en El Intermedio a un xornalista “experto en incendios de Galiza”. Polo que eu lle entendín non hai intereses particulares da especulación urbanística nin dos brigadistas e tampouco é ningunha trama. Segundo el hai coma uns 150 pirómanos recoñecidos que, levados pola fascinación polo lume, sofren un “efecto contaxio”.

Aceptando esta hipótesis -que eu non comparto- penso que se isto fose así non debería ser moi complicado telos controlados e aplicar con eles medidas preventivas, coma se fai en moitísimas outras situacións. Non facelo pareceríame bastante irresponsable.

E, botarlle a culpa a Feijoo paréceme igual de absurdo que botarlla a Touriño no 2006. Responsabilizar ao Presidente de turno paréceme unha utilización partidista -e simplista- dunha desgracia, coma xa se fixo -e aínda se fai- co terrorismo.

Con máis e mellores medios pódense atacar os problemas con maior efectividade, non creo que ninguén pense o contrario. Pero os medios non resolverían o problema, simplemente atenuarían as consecuencias. Trátase de que non se produzan incendios intencionados.

Logo a nai do año está en se os incendios son provocados por pirómanos que se contaxian ou se realmente hai unha trama organizada.

Que eu saiba nunca se levou a cabo unha pescuda “a fondo” que determine cal é a realidade. Porque tamén poidera ser que haxa unha trama que utilice aos pirómanos. Se realmente están identificados sería moi sencillo.

As discusións de se había poucos medios -con tal número de focos, tamaño e condicións meteorolóxicas nunca van ser dabondo-, se non estiveron ben xestionados… non vai resolver os próximos que se produzan.

A solución ten que estar na prevención. Pero non na de campañas de “ton tires cabichas”.

Para min a prevención está na política forestal acompañada do control dos incendiarios -pirómanos ou non-, e para isto hai que investigar “de verdade”.