O escarranche

Gústanme Carmena e Oltra -un pouco menos Colau- por esa sabedoría que teñen para elixir os trapos aos que entran. Hai pouco pregúntaronlle a Oltra polo “enfado” de Podemos, polas opinións de Compromís sobre a moción de censura, e a resposta -versión reducida- foi ya se les pasará. Antonte pregúntaronlle a Carmena polo escarranche -despatarre ou manspreading, segundo o idioma, que tampouco entendo por que hai que utilizar palabras dunha lingua cando se está a falar noutra-. A resposta foi que hai persoas que ocupan máis espazo do que precisan, co seu corpo, con bolsos ou bolsas que poñen no asento do lado… e que iso non é cívico.

Penso que iso é cultura de Paz, o contrario do que fan a maioría de políticos e de xornalistas que buscan o conflito no canto da conciliación.

Considerar o escarranche coma unha actitude machista paréceme que son ganas de aumentar a crispación entre homes e mulleres por algo nimio.

Agora que Carmena falou do tema como un acto incívico xa me sinto con forza para dicir o que penso ao respecto. Podemos e Feminismo son dous movementos que levan moi mal que discrepes deles, aínda que sexa un pouquiño.

No transporte público, o mesmo que en calquera lugar público, hai moitos actos incívicos. Pero acotando á ocupación do espazo temos -como mínimo- o escarranche, ocupar o asento do lado con obxectos e poñer os pés no asento de en fronte. Que a este último acto véxolle eu dobre delito; ocupar o espazo e manchar o asento.

Sentarse coas pernas abertas non é exclusivo dos homes, é cultural, cultural machista. Cando era pequena as nais estaban moi pendentes de que te sentaras coas pernas xuntas -para que non se che viran as bragas, supoño-. Pero entendo que se estaban preocupadas por iso era porque, de forma natural, sentabámonos con elas abertas.

E aínda hoxe. Recordo unha escea: nun acto público estaba a familia real, todos sentados. Nun momento a raíña fíxolle acenos a unha das infantas para que pechase as pernas.

Logo, tal e coma eu o vexo, o das pernas abertas é unha cuestión de comodidade e pechalas para non ocupar o espazo da persoa que vai ao lado unha cuestión de civismo.

E nada máis, nin nada menos.

Confusión

Voume referir á confusión como “situación que provocan moitas persoas ou cousas xuntas ou mesturadas, de tal xeito que non se distinguen ou non se entenden” e non á que se usa máis “acción de pensar equivocadamente que unha persoa ou cousa é outra”.

Penso que estamos nun momento de moita confusión e, para min, esta confusión débese ao integrismo, e non ao islámico precisamente.

Lin o artigo de Luis García Montero “Manuela y la democracia fuerte en Infolibre e serviume para reforzar a miña teoría da confusión. Gustoume este parágrafo.

Pero quizá los jóvenes que asumen la tarea política deberían considerar también algunas de las experiencias de sus mayores. Tan peligrosos son para el diálogo generacional los viejos cascarrabias como los jóvenes sin memoria.

Escribín hai pouco o que me molesta ser maior por ter que vivir varias veces as mesmas situacións. Cando eu era nova desprezabamos aos maiores porque eran “fachas” e agora fano porque son “casta”, non se libra nin Carmena.

No plano do consumo hai persecución a algunhas empresas. Chámannos a boicotear os productos desas empresas porque pretenden maximizar beneficios. Tendo en conta que ese é o obxectivo do capitalismo o normal é que logo aparezan as contradiccións.

De pronto alguén que chama a boicotear Inditex por tributar en Irlanda a venta na rede resulta que ten un teléfono de Apple que tamén tributa en Irlanda. Ou o caso recente do que bebe Coca-cola…

Que unha, sendo unha consumidora moi responsable e austera, xa non sabería que facer se quixera ser unha boa cidadá responsable.

Canto xesto!!!

Ah!, e os referentes literarios para os descursos parlamentarios? Aquí si que a confusión é, para min, máxima. Non son “fan” de Guerra de tronos ou dos múltiples Xogos das galaxias, ou era ao revés?

Eu teño referentes máis antigos, “Moito ruído e poucas noces”

 

Ética e demagoxia

Hoxe vin na prensa unha nova sobre o salario e os gastos e doacións de Carmena e outrxs.

Coma case sempre concordo con ela. Se hai que prescindir do monto total que se cobra, mellor que sexa dos complementos, dietas por asistencia a plenos… antes que dos salarios.

Se se cobra todo e logo se dona parte do cobrado -posición na que está Podemos- cada persoa decide o destino ao que van eses cartos -partidos, ONGs…- en calquera caso  organizacións privadas. E os beneficios repercuten nun grupo determinado. Que non digo que non estean ben empregados, eu tamén fago doacións, ademáis de pagar todos os impostos que me corresponden. Pero se o que se fai é suprimir as dietas ou determinados complementos a beneficiada será toda a cidadanía, esas cantidades quedan no concello -neste caso- para toda a veciñanza.

Xa falei outras veces disto, porque póñome algo atacada cada vez que escoito dicir que hai que baixar os salarios. Que somos? O presidente da confederación de empresarios?

Os salarios son o último que se toca. Se hai que diminuír a cantidade que se percibe mellor empezar por gastos de representación, dietas por asistir aos plenos, comisións… O salario é o que determina as cotizacións á SS, as extraordinarias…

Por todo isto é polo que me parece máis ético o que fai Carmena: cobrar máis e pagar os gastos institucionais co seu soldo. Cobrar menos salario e pasar aparte outros gastos -para rematar quedándote co mesmo- paréceme demagóxico.

Tamén me parece máis ético que sexan os gobernos -municipais, autonómicos, estatais…- os que decidan o destino desas cantidades en vez de persoas individuais, por moito que sexan do partido “guai”.

O que non se cobra vai ao erario público, o que se dona non.

Por que me gusta Carmena?

Pois por moitísimas cousas, pero especialmente polas súas actuacións.

Todos os políticos manifestan que hai que porse de acordo, que as maiorías absolutas non son boas, que a sociedade é prural e polo tanto o Parlamento tamén debe selo, que o importante é resolver os problemas da cidadanía… Pero cando toca aplicalo aparecen as liñas vermellas.

Na práctica actúan -os políticos e Carmena- de forma diferente.

Os políticos utilizan a venta das vivendas sociais aos fondos buitre para atacar ao partido responsable da operación, pero quédanse aí. Carmena non, ela ataca menos pero emprende as accións legais necesarias para recuperar as vivendas. E non lle importa aparecer nas fotos con Cifuentes.

Tampouco lle importa dicir que para ela a liberdade de expresión ten un límite, que é o sufrimento que poida causar. E, admitindo que pode haber persoas que non pensen o mesmo, cre que unha persoa que pense que a liberdade de expresión é prioritaria non pode liderar a política cultural do Concello -que é para todxs. E actua en consecuencia.

Non di que hai que acabar cos desafiuzamentos -queda ben dicilo pero en realidade non é posible e ela sábeo porque foi xuíza- senón que hai que ter prevista unha alternativa habitacional cando unha situación así se produza.

Non está a dicir, cada vez que aparece un problema, que hai que facer unha lei ou cambiar outra. Utiliza as leis que xa existen para solucionar o problema.

Non decide suprimir a cabalgata de reis -que a min pareceríame ben, pero entendo que non a todo o mundo- senón facer unha “alternativa” nuns termos intermedios.

Vaia… que aplica a estratexia de que nun acordo tódalas partes teñen que saír moderadamente descontentas, porque se algunha sae moi contenta quere dicir que outras sairán moi descontentas e iso non é bo para que o acordo sexa duradeiro.

Que o que me gusta de Carmena é que se dedica a resolver o que está na súa man en vez de andar dicindo que se non hai medios, que se a lexislación non facilita, que se a oposición…

Eu invito a todxs a que fagamos o mesmo: cadaquen o que poida no seu campo.

 

Manuela Carmena

Puxen o seu nome porque está na palestra nestes momentos e hai pouco que vin unha entrevista que lle fixeron, pero o que vou comentar pódese extrapolar a outra xente, por exemplo Ángel Gabilondo, por seguir en Madrid. Por certo, non sei se é polo centralismo, polo lío que hai montado, ou polas dúas cousas á vez, pero parece que non houbese outro Concello nin outra Comunidade autónoma no país.

Tamén o puxen porque é unha muller de esquerdas e, por paradoxal que pareza, hai moi poucas mulleres na primeira liña política da esquerda. Alguén do PP dicía que a eles non lle fan falta cotas e algo de razón pode que teña, parece que o poder é -para isto das lideresas- máis clasista que machista. Non fixen un reconto exhaustivo pero dáme a impresión de que hai moitas mais mulleres en primeira e segunda liña no PP que no resto de partidos xuntos.

As persoas coma Manuela Carmena non son partidarias da confrontación violenta -verbal-, non cren que as persoas de dereitas son unhas desalmadas que queren que a infancia estea desnutrida, non cren que a solución aos desafiuzamentos sexa prohibilos senón buscar unha solución para que no momento que se produza, esas persoas teñan outra vivenda á que ir… Dicía na entrevista que non podemos estar educando xs nenxs e xs mozxs nesta violencia verbal na que estamos metidos…

E claro, con estas premisas caíanlle por todos os lados. Pola dereita as de sempre; que si non é clara condenando o terrorismo, que se vai permitir os botellóns… E pola esquerda que se non vai atacar xs candidatxs do PP que son uns corruptos, que se vai permitir que desaloxen a xente da súa casa…

Total… non sei eu como lles vai ir. Gústanme as ideas e o estilo de Carmena, pero este tipo de persoas non son moi populares, mediáticas nin mozas.

Ogallá váialle ben!!