Medrei intelectualmente nunha época na que as palabras -faladas ou escritas- eran case o único medio de comunicación e de adquisición de coñecementos. O da interpretación da linguaxe corporal era unha intuición; non había, ou non estaban xeralizadas, as técnicas de expresión e interpretación corporais. Até o punto de que quedei moi sorprendida e ata me pareceu unha frivolidade cando o PSOE puxo en mans dun militante que traballaba de publicista -antes dicíase así- ao frente dunha campaña electoral. Despois ya o PP trouxo unha empresa de “marketing” estadounidense.

Digo isto porque entre o meu despiste natural e as miñas deficiencias na lectura de imaxes non acostumo a fixarme moito nelas.

Pero hoxe Barbijaputa preguntounos, ás mulleres, que nos parecía esta imaxe.

Captura de pantalla 2017-05-14 a las 16.50.42.png

Abrín a foto e, ao estar condicionada pola pregunta, o primeiro que me chamou a atención foi o “paquete”. Pensei que a intención de Barbijaputa non sería que comparasemos o de Pablo co de Pedro -recordando aquela foto onde saía colgado cun arnés.

Moita xente opinou -mulleres e homes- que se a postura, que se o arrinconamento das mulleres. Non lin todo. A min, despois da primeira impresión condicionada, o que me parece é que non están ben colocados. Se o acto é para a presentación da candidatura de Errejón á Comunidade de Madrid -que me sorprende porque non non lin nada desa consulta- o lóxico sería que el estivese no medio.

Por que non está no medio? Pois eu penso que pode ser por dúas razóns, que non teñen por que ser excluíntes; polo estereotipo machista “A muller no medio” ou para non dar demasiado protagonismo a Errejón.

Penso que a primeira pode ser a excusa da segunda. Iso é o que vexo eu nesa foto: utilizar un formalismo machista para minimizar o protagonismo de Errejón.

Pero pode que me engañe e sexa só un estereotipo machista.

Advertisements

Búmerang

Estamos poñéndonos tan “estupendos” (radicais, diría) que vai chegar un momento no que unha cousa e a contraria van estar ben segundo falemos dos nosos ou dos outros.

As mulleres do PP -que dito sexa de paso, houbo e hai moitas máis en postos relevantes na política que nos partidos de esquerdas- foron moi mal tratadas polos “progresistas”. Botella, Aguirre, Villalobos… son algúns exemplos. Penso que en moitas ocasións había moito machismo nos xuízos que se lle fixeron. E, aínda que o machismo non estivese no miolo da análise, si que o hai na intensidade. Se o que enreda coa tableta durante unha sesión parlamentaria é un home, hai tanto escarnio público?

Agora a dereita estase a ensañar con Irene Montero. Non o vou xustificar. Pero tampouco desculpo que aínda hoxe se lle mencione a Villalobos o do Candy crush, que ao remate non era Candy crush.

Sen compartir todo o que se está a dicir de Irene Montero recoñezo que o asunto ten o seu aquel. Porque se é a idónea para a portavocía, por que non foi ela dende o principio en vez de ser só adxunta? Por machismo? Houbo machismo antes ou haino agora? É machista asociar o posicionamento social ou político das mulleres ás súas parellas, certo. E no caso de Boltella? Era machismo? Ou como non era das nosas todo vale?

Quero facer unha paréntese para recordar que Carmen Romero desapareceu da vida pública, que tiña de antes, cando o seu home foi Presidente do Goberno. Tamén aí houbo machismo, aínda que en sentido contrario.

Estase poñendo de moda acusar de machistas a persoas públicas; Sabina, Pablo Motos, Évole… ademais de os políticos.

A sociedade na que vivimos é machista. O machismo é unha ideoloxía na que todos e todas fomos educados. Pouco a pouco moitas persoas fomos desprendéndonos de moitos valores nos que nos educaron -cos custos correspondentes de ser consideradxs “rarxs”, ou algo peor- pero teño moitas dúbidas de que haxa alguén que estea completamente libre de algunha actuación ou expresión machista. Supoño que ata a mesma Barbijaputa terá algo por aí escondido pola que se a poida acusar de machista, pero como non ten vida pública -ela mesma se protexe cun seudónimo e non aparece nunca fisicamente, nin sequera nas entrevistas- non se lle poden sacar.

E digo eu… Imos dedicarnos a buscar comportamentos machistas en todo o mundo? Seguro que, buscando ben, todxs imos ter algún. Non sería mellor por de exemplo os que non o son?

Pedroche – Barbijaputa

Empezo dicindo que non coñezo ben a ningunha das dúas.

A Cristina Pedroche véxoa no programa Zapeando, no que interpreta un guión que non escribe ela. Por ser un personaxe popular tamén se coñecen algunhas circunstancias da súa vida persoal: fai deporte; casou na súa casa; dixo que non lle parecía que estivese gorda cando a “acusaron” de selo e que non era anoréxica cando tamén se dixo iso, que votaba a IU, que viste o que lle da a gana sen “presións”… Persoalmente paréceme algo “sensibleira” pero, tendo en conta a súa idade tampouco me parece esaxerada…

A Barbijaputa coñézoa algo polo que escribe, baixo un pseudónimo, por certo -nun xornal dixital e nas redes sociais. Moitas veces concordo co seu discurso pero non sei nada de cal é o seu comportamento na vida cotiá. Hai pouco lin un artigo na revista Pikara Magazine El feminista machista, no que Lluiso Farnsworth ven dicir, máis ou menos, que hai moitos homes que se declaran feministas e que teñen un discurso feminista pero que o seu comportamento cotiá é machista, actuando coma acosadores nunha pista de baile, por exemplo. Desafortunadamente tamén hai mulleres dese estilo; teñen un discurso feminista, van as manifestacións reivindicar a erradicación do machismo… e nas súas casas, coa súa parella e coa súa crianza teñen comportamentos que reforzan o patriarcado.

Por iso non acabo de entender moi ben a Carta abierta a Cristina Pedroche, de Barbijaputa no Diario.es. Carta que a min paréceme un pouco paternalista, teño que dicir. Que si que o entendo se o obxectivo é utilizar a popularidade de Pedroche para crear polémica e aumentar as entradas e comentarios dos seus artigos e coma consecuencia a súa popularidade.

O comentario de Pedroche “que nos olvidemos del machismo y del feminismo…” -que motivou a carta- parece que é a resposta a unha pregunta que contesta a nivel individual, ela nunca dixo representar a ninguén e que posiblemente se refería a que ela xa o ten superado. Existe a posibilidade de que ela actúe coma non machista aínda que logo non teña o discurso teórico moi elaborado.

As veces as feministas teóricas malinterpretan ás feministas prácticas. A min puxéronme podre -nunha rede social- por dicir que hai que educar tamén ás mulleres para que non teñan nin acepten comportamentos machistas. Ao parecer “iso sería un castigo adicional”.