Por que pode que vote ao PSOE

Normalmente voto así:

Nas eleccións ao Parlamento de galicia BNG,

Nas Municipais BNG e ultimamente Compostela Aberta polo das Mareas e coalicións variadas,

Nas Xerais a cousa xa foi máis variada; primeiro foi PC, logo Eu, logo UP. Esto en xeral. Polo medio votei nalgunha ocasión BNG -cando a situación a nivel estatal estaba “tranquila”- e tamén ao PSOE -no caso contrario, situación “complicada”.

Agora mesmo penso que estamos nunha situación tirando a complicada.

Para min o PSOE sempre foi un partido amigo. Con discrepancias considerables nalgún caso pero nunca ao punto de consideralo non demócrata nin siquera de dereitas liberal, sempre o encaixei na socialdemocracia.

Polo tanto votar ao PSOE non supón alteración anímica; que non preciso “Tapar o nariz”!, vaia

Son defensora dos Partidos e dos Sindicatos como formas de organización Políica e Laboral. Cabréanme moito os personalismos; non me gusta oír “o partido de…” “eu vou facer…” “Sanchismo” etc., etc. Si creo no liderazgo.

Pedro Sanchez paréceme un bo líder para un partido “regular”, unha persoa demócrata, de partido e cunha proxeción internacional que non tivo ningún outro Presidente.

E o máis importante, soubo capear o temporal de construír un goberno de coalición, gobernar con minoría parlamentaria e coas discrepancias internas do Goberno… Por se isto fose pouco o período no que lle tocou gobernar tampouco foi fácil.

Tamén podo elixir votar á coalición de esquerdas que se forme, pola parte de EU non tería ningunha dúbida, para mín tanto Alberto Garzón coma Yolanda Díaz tiveron, coma membrxs do Goberno, unha actuación muy correcta -por non dicir impecable xa que non me gustan os superlativos- pero non podería dicir o mesmo de Ione Belarra, tamén coma membra do Goberno. Penso que dende esa posición non se debe descalificar publicamente ao Presidente, estar todo o tempo resaltando as discrepancias antes de chegar a un acordo, atribuírse tódolos trunfos e desentenderse dos fracasos… Resumindo; que non distinga o Goberno dos Partidos. As decisións do Goberno son colectivas e non sempre cada compoñente está totalmente de acordo con todas elas, consensuar é iso. Contribuír a queimar o teu propio goberno, NON. Pola outra banda, a socialista, foron moito máis comedidxs. especialmente o presidente do Goberno que “pobrecico mío” debeu facer moito ioga e moita maditación para aparecer sempre tan sereno.

Pois por todo isto pode que vote ao PSOE nas próximas eleccións

Brecha dixital

Penso que nesto da fenda dixital das persoas maiores hai moito paternalismo e interese económico, coma en case tódolos aspectos que concirnen á xente maior.

Son unha persoa maior moi independente.

Empecei a utilizar ordenadores cando aínda non tiñan rato, si, coas teclas de función. De Internet xa non digamos. Logo viñeron os ratos e tiven que adaptarme. É moito máis fácil, dician os informáticos. Pero non nos enganemos; o máis sinxelo é o que xa se sabe. Aprendín. Tamén apareceron as redes internas que só servían para mandar documentos entre departamentos da mesma empresa ou entidade… Tamén aprendín. Coa Internet global o mesmo.

Foise desenvolvendo o uso en liña; aparecen páxinas web, aplicacións… para facer compras e xestións administrativas… Tamén aprendín a utilizalas.

Ata aquí todo normal.

Pero logo chegaron as melloras. Para que o procedemento fose máis sinxelo, máis seguro… Informáticos e empresas non paran de facer innovacións de forma que o que antes facías dunha maneira agora é de outra. Para que ata unha crianza de tres anos saiba facelo.

Aquí vou facer unha paréntese; as criaturas de tres anos non son máis listas do que era eu a esa idade porque saiban utilizar unha tableta ou un teléfono -eu non o facía basicamente porque aínda non existían-, é que están pensadas e deseñadas para que o fagan.

Ben, continúo. Pois con tantas “melloras” chega un momento no que xa aprendín a facer a mesma cousa de tantas maneiras -recordemos que son maior- que nas tarefas que non son cotiás xa non me da a gana de aprender máis, porque é moi probable que a próxima vez que teña que facelo xa sexa diferente. E xa prefiro que alguén a faga por min. Pero non porque non poida facela eu senón porque non teño ganas de pelearme coa aplicación; que se toquei na icona do lado, que se se colga, que se nese momento non vai porque está sobrecargada…

Son unha analfabeta dixital? Penso que non.

Que hai moitas cousas que prefiro facer en persoa? Si, especialmente mercar.

E digo eu… A atención personalizada non debera ser un servizo só para persoas maiores coa excusa de que non sabemos utilizar a tecnoloxía.

Eu sei utilizar as cabinas de “pago fácil” -vaia ironía- das autoestradas ou as caixas de autopago dos supermercados pero non o fago por varias razóns diferentes ao descoñecemento.

Botellóns

Dende o seu nacemento sempre foron moi controvertidos.

Tivo e ten partidarios e detractores por diferentes motivos pero poucas veces polo que a min me parece o máis importante: O consumo excesivo de alcohol.

O botellón ten, coma case todo, cousas boas e malas. E as malas están case sempre ocasionadas pola falta de educación cívica e/ou para a saúde.

De entrada que un grupo se reúna ao aire libre para escoitar música, e ata para “tomar algo”, non tería por que ocasionar un conflicto social ou de saúde, dependendo de coma se faga.

O problema xorde, coma case sempre, polo modo de facer as cousas, pola falta de educación.

Falta de educación para a saúde. O consumo de alcohol non é saúdable para quen o consume independentemente de que xs que o consumen ocasionen despois males a terceiras persoas, que tamén.

Falta de educación cívica. Molestar á veciñanza con ruído, provocar destrozos nos bens comúns ou deixar lixo en espazos comúns non está ben, estando bébedo ou sobrio.

Tentar resolver un problema con prohibicións no canto de con educación adoita levar a que as posicións se polaricen.

Os botellóns reflicten á perfección as consecuencias de levar aos extremos o binomio permisividade-intransixencia, que tan ben se nos dá.

Se hai que demonizar os botellóns que sexa polo consumo de alcohol, non porque perdan de vendelo os empresarios hosteleiros.

Unha romaría tamén é unha festa na que a xente come e bebe ao aire libre, coa excusa -ou non- de presentar respectos e devoción a algún santo. Adoitan ser en espazos illados e normalmente o impacto do lixo ou dos destrozos na zona son mínimos. Está claro cal é a diferenza entre romaría e botellón? A educación. A maioria das persoas que acoden a unha romaría respectan o lugar no que están.

Aproveitando a pandemia estamos asistindo a un fenómeno moi común en épocas de crise “A río revolto, ganancia de pescadores“. Os “emprendedores” ofrecen todo tipo de remedios -eficaces ou non. Os antivacinas aproveitan para mostrarnos os efectos perversos das vacinas. Os políticos para mostrarnos a incapacidade dos seus opoñentes ou mesmo para colocarlle aos opoñentes a súa propia incapacidade… E a cidadanía en xeral para chinchar ao do lado porque lle parece que non está todo o jodido que require a situación.

E digo eu… Non sería bo que actuásemos da forma máis normalizada posible cumprindo as normas sanitarias e sabendo que a seguridade absoluta non existe?

Insisto; menos extremismos nas prohibicións e máis educación. Non sexa que acabe impoñéndose a “libertad”

Milo

Ola meu pequerrecho,

Es da xeración COVID, iso é así. Pero éche un nome máis coma a X, a milenial… Xa verás que somos así, gústanos porlle nomes a todo.

Non creas todo o que che conten desta pandemia. Non é o peor que lle pasa ao mundo. Sen ir máis lonxe penso que a túa nai xa tivo pasado tempadas peores.

Pode que ti e a túa prima Nuria cheguedes aquí grazas a que tivemos que pasar bastante tempo na casa. Enténdeme, non só por iso. Aos teus pais xa lle andaba na cabeza o asunto pero, e isto é cousa miña, pode que as circunstancias xogaran a favor.

Tés un nome diferente -raro dirán moitxs. Eu tamén. E o do teu pai tampouco é dos máis comúns. A min gústame ter un nome raro. Cando empecei ir a escola mosqueoume un pouco que non houbese ninguén máis que se chamase así pero vinlle as vantaxes rapidiño, non facía falta engadir o apelido; era eu, Nair, e xa! sen ningunha dúbida.

Chegas a un mundo no que a cousa non está en xeral para botar foguetes pero ti podes ter unha vida razoabelmente boa; o teu pai é un tipo estupendo, a túa nai moi doce, o teu avó Toño ten moi boa conexión coa crianza, a túa avoa Luz vaiche facer comidas boísimas… Tes unha manchea de tíos e tías, primxs… Naces nunha sociedade desenvolvida con bos servicios públicos, aínda que nos oirás queixarnos dela todo o tempo porque sómosche un pouco dadxs ao pesimismo. Creme, vas estar ben.

Tamén chegas no mes das Matemáticas

Que se ben é certo que non teñen boa sona entre o alumnado, son a base de case todas as disciplinas científicas e tamén das artísticas; Música, pintura… Por non falar da influenza na formación do pensamento lóxico, que tanta falta nos fai.

Puideches rematar o círculo nacendo o día π (3.14), e fixeches o amago, pero ao remate preferiches nacer o mesmo día que o teu tío Jorge. Moi boa elección tamén.

Que quen son eu? Pois eu son tía do teu pai, tía avoa túa. Sonche a da calceta, ultimamente doume por aí. Fago cousas de lá para todo o mundo con diferentes resultados pero con boa intención. Tamén a que agasalla cadros cada vez que teño ocasión. Coma decidín vivir sóa ando un pouco a miña bóla pero pódese contar comigo para moitas cousas.

Benvido ao mundo e á familia!

Ata o chichi do relato

Hai tempo que non escribo pero non por falta de ganas senón porque é tal o cabreo e o cansanzo que se me agolpan as ideas. Xa non son capaz de aclararme con tanto relato.

Non me aclaro porque coma case sempre, no que ao relato se refire, todos teñen algo de razón. Abro paréntese para dicir que a de Rivera non a acabo de ver, pero algunha terá tamén.

Podemos axudou a sacar ao PP do Goberno, ben. Pero non entendo o dos presupostos nin que dende o primeiro momento queira un goberno de coalición pero coa (case)única finalidade de fiscalizar ao PSOE. Non me parece que partir da desconfianza sexa boa base. O PSOE tampouco soubo convencer a Podemos, penso que tería que buscar a maneira de convencelos e de que recuperaran -se algunha vez a tiveron- a confianza. Porque que a desconfianza de uns xenere a desconfianza dos outros é entrar nunha vía morta.

E todo polo relato. Pregúntome se tantos expertos coma hai nos partidos non caeron na conta de que militantes e votantes non son a mesma cousa. Non son militante do PSOE nin de Podemos  e algunha vez -alomenos unha- votei a cada un. E teño que dicir que a min non me importa nadiña o relato neste caso. Pode ser porque ao non ser home non lle dou tanta importancia a o de baixarse os pantalóns, non ter collóns, telos máis cadrados e máis grandes ca ti…

Podemos debería sabelo, de feito Errejón tíñao moi claro, Canto máis actúan para satisfacer a militancia máis votantes van perdendo -polo menos ata o de agora.

Votantes somos moitos máis e somos xs que facemos que os partidos ganen unhas eleccións ou non. Moitas persoas pensamos coma Iñaki Gabilondo no videoblog de hoxe “Irresponsables e incapaces” 

 

En serio, non podo con tanta tetosterona!!!