Todas somos un pouco machistas.
Aceptado o feito de que o patriarcado foi -e segue a ser- o modelo cultural predominante no mundo enteiro, aceptemos tamén que homes e mulleres somos froito da educación que recibimos, machista.
Cando se fala de machismo case sempre falamos do masculino. Non serei eu quen cuestione que os homes son machistas. Pero hai tanto machismo inconsciente nas mulleres…
Acabo de ver un tuit no que se subliña o “trauma” dunha muller nova cando un neno lle chama “señora”. Non é só por este caso illado, moitas veces escoitei algo parecido.
Cando eu tiña esa idade -entre 25 e 45- moitas veces preguntábanche -cando un descoñecido se tiña que dirixir a ti, principalmente no sector servicios- señora ou señorita?
Nese momento señora estaba asociado ao estado civil de casada, ademais do de maior. E señorita ao de solteira, aínda que moitas casadas novas preferían o tratamento de señorita. De aí a pregunta.
Eu sempre respondía señora aínda que era nova e solteira. Se a persoa que ía comigo -tamén nova e solteira- era señor, porque ía eu ser señorita?
Por que as mulleres -en xeral- prefiren que lles chamen señorita? Supoño que porque está asociado á xuventude e aquí aparece outra variante machista; nas mulleres a xuventude é un valor mentras que nos homes non ten tanta importancia. Ter canas, non ter pelo, ter algo de sobrepeso… non ten a mesma relevancia se es home ou se es muller.
Fálase moito de micromachismos, hai vídeos con exemplos nos que son os homes os que protagonizan a acción machista. A min gústaíame que tamén aparecesen os micromachismos das mulleres, non por poñelas en evidencia senon por visibilizar accións machistas inconscientes protagonizadas por mulleres.
Os comportamentos machistas forman parte de moitiiisimos feitos cotiáns inconscientes. Traelos á consciencia é un paso para modificalos. Nós, mulleres, tamén temos que mudar moito. Non debemos deixar algo tan importante só nas mans dos homes.