Concentración Falemos

 

22291556_10203784336524216_3623413904607380056_o 11.10.36

Acabo de ler -un pouco en diagonal, recoñézoo- o artigo Sobre el manifiesto “blanco” de Isidoro Moreno no que fai a súa análise da convocatoria Falem/ Hablemos de onte.

Fai algunhas afirmacións coma estas:

(…) “Hay, sí, una sucesión de ideas amables, casi siempre abstractas” (…) “Los autores del Manifiesto –que no sabemos quiénes son pero existen- me parecen algo así como flautistas de Hammelin que llevan a mucha gente adonde ellos quieren, sin decirles adónde y sin que ello sea fácil averiguarlo, porque subyugan con su música ocultando la letra, es decir los objetivos y el cómo conseguirlos.”

Que non digo eu que nos sexan atinadas. As ideas son abstractas, certo, pero non entendo qué ten iso de malo, moitas veces as ideas son utopías e o camiño para ir cara elas hai que ilo facendo segundo se vai camiñando, a Paz é o camiño. Son amables, tamén, case sempre o son cando te convocan a unha manifestación -non te van convocar os empresarios para pedir unha reducción salarial.

Que non sabemos quen convoca? Tamén certo -parece que se creou unha plataforma especificamente para iso, pero efectivamente non sabemos moito das persoas que a compoñen. Eu tampouco sei quen é Isidoro Moreno, lin o seu artigo e segundo o que diga podo concordar co que di, ou non, ou en parte…, recomendar o seu artigo, comentalo… Porque estou a referirme ao seu artigo, non á súa persoa.

Ultimamente non vou a moitas concentracións porque ao ser bastante maior xa me cansei de que nos manifestemos moito -case sempre polas mesmas cousas; igualdade, defensa da lingua, solidariedade…- e actuemos moi pouco na vida real, non vexo a evolución.

Pero si que decidín asistir a esta precisamente pola novedade; ningunha forza política ou social se atribuíu a convocatoria, sen bandeiras, pedía que se busque unha solución a un conflicto falando e acordando…

Recoñezo que non lin o manifesto polo miúdo pero, coma di Isidoro Moreno, coa música estou de acordo. E a letra xa a iremos recompoñendo.

E, ata que me canse ou falen -o que ocorra antes, que xa me temo o que será-, vou seguir a dar a tabarra con isto de que falemos.

1º de maio

Normalmente non acudo -dende hai un tempo- ás convocatorias de manifestacións na rúa. Non o fago por dúas razóns.

A primeira é ideolóxica. Na dictadura era a única maneira de reivindicar, non había outro lugar para facelo e na transición había que consolidar a Democracia xa que as institucións públicas estaban moi “contaminadas”. Agora hai lugares nos que se poden presentar as reivindicacións con máis capacidade de resolver que a rúa. Con todo non me parece mal. Simplemente non me parece eficaz.

E a segunda, non con menos peso, é que agora resúltame máis complicado decidir a cales vou ir. Hai un tempo os sindicatos e os partidos de esquerda facían un esforzo por poñerse de acordo nalguns puntos básicos; 1º de maio, defensa da lingua, reivindicación da igualdade de dereitos, calidade do ensino, Día de Galiza… e había unha manifestación, non había que elixir.

Agora é difícil, para unha persoa sen militancia activa -o meu caso-, decidir a cal vas. Hoxe asistín a tres manifestacións.  En ningunha delas estaban, de forma visible -pancartas, bandeiras…- nin o PP, nin o PSOE, nin Podemos, nin ANOVA… por mencionar algúns partidos dos maioritarios aquí. Non me sorprendeu o do PP, nunca estivo. Si o dos outros.

Supoño que terei que afacerme, tampouco importa demasiado se hai tres manifestación no canto dunha. Pero o que non importa na rúa si que importa no Parlamento, porque aí decídense cousas.

E a iso si que me vai costar afacerme.

 

Moito ruído…

Sempre me chamaron a atención as análises que fan os partidos políticos e xs xornalistas das manifestacións, concentracións… da cidadanía. A primeira é se son moitas ou poucas as persoas que acoden. Se son moitas parece que o goberno debe facer caso.

A min non me parece que as manifestacións na rúa, en si mesmas, teñan que definir as medidas que tome un goberno. De ser un factor determinante, o aborto tería que ser un delito. Manifestacións masivas fixeron “pro vida” e compañía.

Nas manifestacións, a cidadanía pide que se recoñeza un dereito, que se elimine unha norma, protesta por unha acción determinada… Todo iso debería considerarse -que non necesariamente executarse- independentemente de cantas persoas o pidan.

Pero o ruído ao que me vou referir hoxe é doutro tipo, para min máis pernicioso. É o ruído que fan uns poucos e que os medios de comunicación amplifican dunha maneira que acaba distorsionando a realidade. Como exemplo vou coller o alcalde de Vigo.

Facendo caso aos medios de comunicación, este home non debería acadar máis de dous ou tres concelleirxs. Aclaro. Dende hai moito tempo o alcalde de Vigo só sae nos medios sendo increpado polos veciños e pola oposición nos plenos do Concello; cuestionado, tamén polos veciños, con todo tipo de manifestacións contrarias ás súas decisións; facendo declaracións “fóra do testo”… Eu, baseándome nesta información pensei que o seu destino sería a oposición ou a súa casa.

E resulta que ampliou a maioría que tiña ata chegar a absoluta. Toma!!!

Isto fai que me formule algunhas preguntas: Que prensa leo eu? Que medios vexo? A información que me daban era obxectiva?… Porque non parece que eses votos foran de partido.

Pode que eu estivese algo predisposta a crer parte de todo iso, recoñezo que non me cae especialmente ben ese señor, pero de aí a formarme unha opinión completamente equivocada da situación… Está claro que a cidadanía de Vigo tiña máis e mellor información ca min.

Parece evidente que, sen que fose mentira, o que contaron os medios non reflictía a realidade. Había xente descontenta pero moita máis que non -que non se vía-, e algunhas cousas tivo que facer que estiveses ben -que tampouco se vían. Este estilo de informar só da parte “folclórica” recórdame moitos programas dunha cadea de TV.

Non hai mentira máis gorda que unha verdade parcial.

Manifestacións “na liña”

Antonte coñecín a existencia de convocatorias de marchas na liña, concretamente en Facebook.

A verdade non teño moi claro en que consisten nin cal é a súa finalidade. Tampouco está claro se haberá unha convocatoria concreta para a materialización do evento ou se son só de ficción, unha fazaña para comprobar a capacidade de convocatoria -esto último parece o máis probable. Pero, como ocorre normalmente nisto das redes, nalgunha destas convocatorias hai xa moitísimxs seguidores.

As páxinas que se abriron son desta natureza.

Marcha para que mami sepa que es lo que quiere el negro, Marcha para que Wally no se pierda, Marcha para que Poncio haga pilates, Marcha para coincidir con Chenoa porque cuando tu vas ella ya viene de allí…

Que está a pasar? A min xa hai tempo que me vén parecendo que estamos a nos manifestar por enriba das nosas posibilidades. Con isto ábrenseme novos camiños de confusión.

Non nos interesan as reais?

Estamos xa cansos das manifestacións reais e decidimos apuntarnos a manifestacións ficticias con causas estrafalarias?

Non estamos cansos desas, pero queremos máis?

Fixémonos adictxs e xa non podemos parar?

Desencantada

Hoxe estiven dudando entre ir a unha manifestación pola defensa do Galego ou ir facer exercicio. Ao remate a decisión foi ir facer exercicio -con un pouco de mala conciencia, eso si, pero non fun á manifestación.

E non fun porque estou desencantada. Cansa de que o que dicimos nas manifestacións non o levamos á práctica

O meu desencanto non é cos políticos senón coa sociedade. Hai políticos que me desencantaron, si,  pero concordo con Luís García Montero cando dicía -no artigo ¡Corrupción al poder!, de hai xa algún tempo, en Público.es

“Hay diferencias muy notables entre los sinvergüenzas, los que se han podido equivocar en algo y los honestos.”

Hai dous temas cos que a sociedade me defraudou moito: A utilización da lingua e o machismo. Da relación entre as manifestacións que reclamaban a igualdade entre as persoas e a pouca repercusión na sociedade xa falei noutro momento.

Co uso do Galego está a pasar o mesmo.

Quero suliñar que cando se implantou o Castelán coma hexemónico non foi só coa Ley e a utilización na educación formal. A sociedade colaborou moito para conseguilo. Eu medrei nun pobo no que a lingua de comunicación das persoas adultas era o Galego, pero en presenza de rapacxs mudaba ao Castelán, crían que para facer estudos superiores ía ser mellor que nos desenvolveramos ben en Castelán. Para min isto foi o realmente relevante.

Isto non Pasou co Galego. Ao principio si, polos 70 houbo un movemento importante para a normalización do uso do Galego. Pero a medida que se foi regulamentando foise deixando esta responsabilidade en mans da educación formal. E de aquí a que sexa considerada coma unha segunda lingua non hai nada.

Non temos que pedirlle permiso aos políticos para falar Galego, nin pedirlles que fagan algo para que o fagamos.

Só temos que falalo, así de fácil -e de difícil, polo que parece.