Contaminación

A primeira pregunta que me vou facer  é; por que o que pasa en Madrid ten tanta repercusión en todo o país?

Levamos varios días noa que non se fala doutra cousa -nos medios de comunicacións, que parece que viven nunha realidade paralela. Que non digo eu que non sexa un tema importante coma para que se fale del, o que me cabrea un pouco é a forma.

Para empezar os medios mandan ao centro unidades móbiles para mostrarnos a realidade de primeira man. Para facelo teñen que mandar vehículos de todo tipo -que cumplan coas normas do momento, pero que contaminan.

A continuación instálanse nos puntos de control -molestando ás persoas que están aí traballando.

E de seguido póñense a facer preguntas ás persoas que teñen que dar a volta por non cumplir os requisitos de entrada ao centro. E claro, o normal é que non estean moi contentas. Aquí é cando empeza o espectáculo. Pregúntanlle se lle parece ben a medida e empezan as respostas intelixentes e científicas que nos caracterizan; unha queixábase da desinformación porque ela cría que por non cumprir a normativa lle ían pór unha multa, non que a farían dar a volta (?), outra parecíalle mal que se tomase esa medida porque os coches non contaminan moito, contaminan máis as calefacións (?). Logo están as que lle parece incrible que non as deixen pasar para ir a unha cita médica que tiñan programada (?),… E finalmente están as que non sabían nada. Non sabían nada? En que país viviron estes últimos días? Se non se fala doutra cousa… Eu, que nin vivo alí, sei o das matrículas; o do número de pasaxeiros; o das motos, bicis, coches eléctricos, transporte público…; e ata boa parte das normas para carga e descarga.

Resumindo, que parece que o da contaminación é o de menos. O importante é criticar ás persoas que tomaron a medida, e as críticas son -coma se ve- variadas: que se non foi a medida axeitada, que se foi alarmista, que ne non se informou con suficiente antelación e claridade…

Tamén hai persoas ás que lle parece ben a medida, pero coma non se queixan non teñen case protagonismo.

Que sabemos de Romeva?

Pois nada ou case nada.

Isto reforza a miña teoría de que se non pasa en Madrid, non pasa. Os medios só se fan eco do que ocorre na “capital” e todo o demais “provincias” non existe.

Nin sequera cando apareceu encabezando a lista de Junts pel Sí se falaba del na prensa de ámbito estatal. Entendo que non tivera o mesmo interese informativo que Mas porque xa se sabía que non era o candidato a presidir a Generalitat, pero xa que encabezaba a lista… ben puideron falar algo del, porque méritos ten.

Se fose un político madrileño seguro que aparecería moito máis nos medios -curiosamente naceu en Madrid.

Unha das poucas veces que o vin, nunha cadea de TV estatal, era para subliñar o bo facer dun xornalista estranxeiro que o “poñía nun apuro” e só se pasaba ese corte. Non puidemos saber o que dixo Romeva ao longo da entrevista porque ese non era o obxectivo. Só se trataba de mostrar como o xornalista o “acorralaba”.

O único comentario sobre el, por parte da persoa que daba paso ao vídeo, foi “que por cierto habla muy bien el Inglés”. Que non sei moi ben a que veu o comentario; non sei se a sorpresa era que Romeva falase Inglés -pese a ter sido consultor de Nacións Unidas e responsable de programas educativos da UNESCO, entre outras cousas-, que un político saiba inglés… O que si parece claro é que falar Inglés “es lo más”.

E iso foi todo o que soubemos dese home nese momento: que falaba ben o Ingles e que un xornalista o puxo nun apuro.

Claro que non sei de que me estraño. Os medios deciden o que é de interese informativo e o que non, e o normal é que decidan que é de interese informativo o que venda máis.

Pilaristas

Onte vin a reportaxe de Jordi Évole sobre o colexio do Pilar e o seu alumnado.

A min paréceme que o colexio ten pouco a ver nisto da fabricación de elite. Máis ben creo que foi a elite a que fixo ao colexio.

Madrid é embigo e os madrileñxs síntense un pouco así. Pero non só na dictadura. O goberno do estado está en Madrid, os gobernantes e as súas familias tamén. Moitas empresas -medios de comunicación incluídos- están en Madrid e os empresarios e as súas familias tamén. A repercusión de calquera acontecemento que se celebre en Madrid é maior que se se celebrase en calquera outro lugar. Mesmo a actividade cultural parece maior que a de Barcelona, por exemplo -que eu penso é, tanto en cantidade coma en calidade, superior.

Madrid é a capital do estado, e antes do estado do reino, logo moitos descendentes de nobles tamén teñen as súas propiedades aí. Que no centro desta cidade se xunten os restos da nobleza coa burguesía é o natural -tamén pasou nas outras cidades. En tódalas cidades houbo colexios privados de elite. No País Vasco tamén hai unha universidade, Deusto, da que tamén se dixo que era unha fábrica de dirixentes de calquera cor política.

Non teño dúbidas de que o colexio do Pilar, a universidade de Deusto e outros moitos centros de ensino de elite ofrecesen unha boa formación. Pero tampouco ten moito mérito. Traballar con alumnado dunha familia culta ou que valoraba a cultura -caso dalgúns burgueses- e con posibles para poñerlles profesorado particular, na casa, cando o alumnado era algo torpe… pois o normal é que rematen os estudos. Rematados os estudos, moi valorados naqueles momentos, colocarse tampouco era complicado; as propias familias tiñan as empresas, os bufetes, os cargos políticos… ou os cartos para os que saían artistas -que tamén houbo- ou emprendedores.

Estou segura de que en Barcelona tamén houbo colexios de elite dos que saíron moitos “personaxes ilustres”, que non foron vivir a Madrid e por iso non os coñecemos.

E en tódalas cidades, pero por lóxica e estatística nas pequenas menos cantidade. E moitos ían a Madrid ou Barcelona para prosperar máis.

Total… que penso que a “elite” vén -normalmente- das familias e do contorno social, non do colexio.

Pode que en algún momento a formación do Sistema educativo sexa máis determinante á hora de “formar dirixentes”.

Aguirre

A Sra. Aguirre pásalle como a Podemos. Canto máis a critican máis votantes ten.

Estamos a oír que o modo de facer política actualmente mudou. Agora mesmo os votos pasan pola popularidade dos candidatos, por iso moitos dedícanse a facer calquera “numerito” para subir a YouTube un vídeo e que se converta en viral; isto fainos coñecidos, e canto máis coñecido, máis probabilidade de que o voten.

Unha paréntese para comentar que onte Ana Belén dicía que botaba de menos na política o discurso redondo e ben ganduxado que poden ter Gabilondo ou García Montero. Concordo con ela. O de que sexan virais non me entusiasma.

A Aguirre non lle fai falta subir vídeos a YouTube, os medios de comunicación xa se ocupan diso coa vantaxe para ela que ao mesmo tempo que se fai máis coñecida -se cabe- coloca a mensaxe.

Se se pretende diminuír os votos do PP intentando desacreditar a Aguirre… lévano claro. Por que? pois, como eu o vexo polo seguinte.

En primeiro lugar porque en Madrid, e en todo o mundo, hai moitos liberais. Non sei de onde saiu que Madrid é de esquerdas, pode que da “movida”, pero en Madrid, e no resto de España o número de persoas que votan a esquerda e o que vota a dereita está bastante equilibrado. Por moito que pretendan convencernos os novos partidos que se acabou o de esquerda-dereita, a realidade parece que non lles da a razón.

Por outra banda penso que as “acusacións” que se lle fan a Aguirre son irrelevantes para a maioría; aparcar en zona prohibida e pirarse; dicir que o profesorado, bombeiros, médicos… son uns privilexiados porque cobran moito para o que traballan; que o funcionariado non sabe xestionar; que persoas pedindo na rúa dan mala imaxe… Quen non escoitou iso mesmo ao seu aredor? Eu escoiteino moitas veces a bastantes persoas que son votantes de partidos de esquerdas.

Tamén está a capacidade que ten xerando polémica -porque xs xornalistas entran ao trapo- con declaracións coma no descarto nada, que xa fixo noutras ocasións e tamén lle dou resultado.

E para rematar, aínda que podería continuar, está o efecto se como tu eres. Xa non sei quen semella a quen; a telerrealidade semella á realidade ou é ao revés? Se como tu eres converteuse nun valor en si mesmo, non importa como sexas. Podes ser unha persoa machista, homófoba, bocachanclas… non importa, a xente vaite querer porque eres coma ti eres, non unha falsa.

Logo se xuntamos as persoas liberais; as non tan liberais, pero de dereitas; as que entran na guerra de pobres contra o funcionariado…; e as que lle gusta a xente “auténtica”… Pois xa temos unha morea de votantes.