Confinamento

Eu tamén vou contar coma pasei todo este tempo.

Antes dicir que as circunstancias de cada quen son moi diferentes e polo tanto as dificultades para manter as restricións de liberdade de movementos, tamén.

As miñas circunstancias groso modo son: Persoa de máis de 65 que vive soa nun piso sen terraza e fumadora. Sen demasiada vida social e “alérxica” as multitudes.

Ben, pois nesas circunstancias dende o primeiro día da alarma pensei que tiña que facer un plan, unha rutina, que me permitise cumprir as normas sanitarias sen que me provocase unha crise de ansiedade.

A primeira decisión que tomei foi saír da casa unha vez ao día para ventilarme eu e para ventilar á mesma vez a miña casa. Ventilar ben a casa estando eu dentro, se vai frío, non me pareceu boa idea e estar respirando permanentemente nun ambiente pouco osixenado, peor. Ademáis tampouco me gusta comer pan reseso ou productos conxelados.

Tamén pensei que debería evitar os lugares pechados con moita xente dentro, polo que decidín mercar na praza e no pequeno comercio no canto das grandes superficies ás que só iria para comprar productos perecedeiros e pesados en moi contadas ocasións.

Así o fixen case tódolos días.

E podo dicir que en todo este tempo cumprín tódalas medidas sanitarias. E non só eu, a xente que estaba na rúa; facendo a compra, cos cans… tamén. E dunha forma esaxerada, diría eu. Mudabamos de beirarrúa cando nos atopabamos en fronte doutro. Dentro das tendas só había unha persoa comprando mesmo que o local tivese aforo suficiente para que poidese estar máis dunha. Eu procuraba utilizar as rúas menos transitadas; nas que hai edificios públicos, colexios, institutos, pequenos parques… E por suposto lavaba as mans antes de saír, ao chegar, puña mascarilla cando ía ao supermercado…

Estou convencida de que non hai ninguén que o fixese mellor, sanitariamente falando.

Ah! pero saía case tódolos días. Non sei se está escrito nalgures que iso non pode ser pero sei que á maioría non lle parecerá ben, utilizando o argumento de que “se todxs fixeran o mesmo…”

Eu penso que se todo o mundo fixera o mesmo ca min (actuar tendo en conta a miña saúde sen prexudicar a dos demais) non serían necesarias tantas prohibicións.

Xa sei -non son tan parva- que a nosa sociedade non está suficientemente educada para iso.

Pero ogallá un día estea preparada para poder seguir unhas recomendacións de emerxencia -polo que sexa- sen necesidade de ter á policía detrás.

 

Maltrato

Acabo de ler un artigo en Infolibre ” El Maltrato a la tercera edad…” e, aínda que non me conta nada que eu non soubese, fíxome recordar o fácil que é caer no maltrato.

Fun docente e en máis dunha ocasión atopeime dicindo ao alumnado algo ou directamente machista; “que dous “nenos” vaian buscar unha mesa…” -algo que rapidamente amañaba engadindo algo coma “ben, dous calquera…”-, ou algunha resposta “irónica” algo improcedente. Por non falar do desexo impulsivo de darlle unha bofetada a alguén.

Todo isto nun entorno laboral, un periodo tempo determinado. Non quero nin imaxinar unha situación de coidados a tempo completo!!!

Todo isto pasoume sendo unha persoa ideoloxicamente feminista e pacifista, pero a cultura capitalista está aí e non é sinxelo librarse dela completamente.

Afortunadamente para min non tiven que coidar a maiores por un longo periodo de tempo, pero sempre tiven claro que a probabilidade de maltrato cando se coida a alguén na contorna familiar é moi alta. Por moito que se lle queira a esa peraoa, e ata me atrevo a dicir que precisamente por “querer o mellor para ela”. Cando nos ocupamos de alguén poñemos demasiada énfase na súa saúde física; non comas isto, non fagas estoutro… o que nos leva a discusións estúpidas que poden levar á persoa “dependente” a sentirse un estorbo, infantilizadas ou directamente maltratadas.

Bou facer unha paréntese, cando dicimos o mellor para ela tamén estamos pensando no mellor para mín porque se a enferma empeora vou ter máis traballo.

Sei que se tivese que coidar a alguén, en algún momento calquera dos dous nos sentiriamos maltratadores unhas veces e maltratados outras.

Por iso decidín que, cando chegue o caso, non quero que me coide unha persoa da familia; quero facer o que me de a gana sen ter en conta se é bo ou malo para a miña saúde -que ironía falar de saúde nesas circunstancias! Por suposto sempre que a única afectada sexa eu.

E así o teño especificado no meu testamento vital

Rubalcaba

Traballei con Rubalcaba no Ministerio de Educación, na época de Maravall primeiro, Solana despois -Rubalcaba era Secretario de Estado- e finalmente el mesmo foi ministro. Non vou dicir que o coñecía moito pero nos primeiros gobernos socialistas as relacións entre as persoas que taballaban xuntas era moito máis cercana.

Un bo lote de profesorado entramos no ministerio para por en marcha un programa experimental do que máis tarde sairía a LOXSE. Chamábannos asesores.

Ao tratarse dun programa experimental, o funcionamento era diferente ao organigrama “oficial”, había moitas reunións nas que participaba o Director Xeral correspondente e o Secretario de Estado e mesmo ás veces o Ministro. Tamén era relativamente frecuente que nos chamaran aos seus despachos para pedirnos opinión sobre algún tema específico.

Neste contexto, aínda que as relacións eran laborais non tiñan a rixidez dun encontro moi formal. Todas e todos tiñamos moitas ilusións, moita esperanza e tamén moita confianza na construcción dun Sistema educativo que mellorase a vida da xente e polo tanto da sociedade. Eramos xóvenes “progres” e non valorabamos moito a formalidade.

Con esta experiencia teño que dicir que a Política non foi moi xusta con el. Non podo deixar de dicir que tamén o foi con Maravall -máis inxusta, se cabe- porque Maravall foi cuestionado polos seus compañeiros e tamén polo profesorado -que non paraba de manifestarse en contra das súas decisións -non tiñan nin idea do que viría despois. Pero que eu recorde foi o único que propuxo seriamente a denuncia do Concordato coa santa Sé -feito que lle costou o ministerio, entre outros.

Nunca puden entender porque se ensañaron, nun momento dado, con Rubalcaba. Porque coñecín poucas persoas tan entregadas aos asuntos públicos coma el. Pode que o non ter descendencia directa -por convicción- o fixese entregarse unicamente á súa parella e ao público.

Por que temos que esperar a que alguén morra para recoñecerlle a súa valía?

A familia, outra vez

A Familia é unha institución social, e polo tanto política. É a primeira coa que nos atopamos ao chegar.

Os humanos somos os animais máis torpes da Natureza no que respecta ao tempo que precisamos para a independencia física. Fai falta unha familia e tamén unha tribu para sacar adiante a crianza.

Ao ser máis “evolucionados” tamén precisamos outras institucións coas que nos iremos atopando: escola, concellos, sindicatos, partidos políticos, xudicatura, gobernos… Todas as institucións teñen coma principal obxectivo controlar a convivencia e gobernar a sociedade -e non só a sociedade senon tamén a liberdade individual, que estará supeditada ao ben común.

A familia serve para “controlar” ás persoas que a configuran. Todas estamos dispostas a facer case calquera cousa polos nosos, e social e eticamente está xustificado.

De aí a importancia de fortalecer esta institución. Casado está disposto a crear un ministerio exclusivamente con esta finalidade.

Polo tanto hai que falar ben dela. E así fóronse creando verdades universais coma que unha nai ou un pai sempre van facer o mellos para a súa crianza.

Pero iso non sempre é así. A familia pode ser moi alienante -coma calquera outra institución- e tamén moi nociva.

Estase a falar moito da pederastia na igrexa, na escola… e si, nos lugares onde hai moita crianza hai pederastia e iso é algo terrible. Pero a min paréceme moito máis terrible a pederastia nas familias, da que case non se fala.

Paréceme máis terrible porque nestes casos a indefensión é total. Mentras fóra da familia cabe a posibilidade de que a criatura acuda a alguén da familia para librarse desa tortura ou mesmo sexan xs proxenitorxs os que se decaten. Se é alguén da propia familia, a quen acodes?

Hai pouco coñecín un caso no que unha nena sofría abusos sexuais por parte dun tío político co consentimento da súa tía -muller do maltratador, irmá da súa nai- e da súa propia nai. Non coñezo con exactitude a veracidade desta afirmación pero a vítima así o percebía que para o caso é o mesmo. É moito máis frecuente do que nos parece este tipo de abusos de persoas da familia indirecta: tíos, primos, parellas da nai -estou a referirme a abusos a nenas, que son os que coñezo mellor- ademais dos máis directos: pais, avós… Como ía atreverse esta criatura a falar diso coa súa nai?

Tamén lin hai tempo que unha muller levaba aos “vis a vis” coa súa actual parella a súa filla para que poidera estar con ela -a filla.

Pode que estos casos sexan algo extremos pero o certo é que hai moitos abusos sexuais dentro das propias familias.

Digo eu que se podería falar máis disto porque resolver unha situación indesexable pasa por recoñecela coma tal.

 

Modernidade

Non temos termo medio. Ou estamos nun extremo ou no contrario. E cos avances científicos e tecnolóxicos non iamos ser menos.

Non hai moito falaba, neste blog, do plástico e o papel. No canto de concienciarnos da reutilización e da reciclaxe do plástico decidimos cambialo polo papel, coma se a utilización abusiva do papel non nos levara a outro “delito” ecolóxico. Volvo sobre este tema porque hai pouco vin nas redes un vídeo que nos anima a mercar os dentífricos que non veñan empaquetados en caixas de cartón (que por certo non sei se aquí -o vídeo creo que era islandés- hai algunha empresa que faga iso).

A mín paréceme que cos adiantos tecnolóxicos comportámonos coma novos ricos, sen medida. Sacamos a bandeira da asepsia e veña… a superempaquetar todo coma se non houbese un mañán -e nunca mellor dito. Recordade o da laranxa pelada e envolta nun plástico.

Moitas aínda recordamos ir ao ultramarinos mercar productos  alimentarios a granel. Viñan en sacas e vendíanos en bolsas de papel, levar a nosa propia bolsa de tea ou cesta, devolver os envases de vidro… Tamén nos desmaquillabamos cun producto limpador e unha esponxiña, por suposto reutilizable. Tamén, as persoas operadas de hemorroides utilizabamos papel hixiénico húmido -por recomendación da cirurxiá- para as defecacións e o seco para a micción.

Agora utilizanse toallas de papel para desmaquillarnos e papel hixiénico húmido para todo. Ao final todo remata no váter. E cal é a solución? prohibir a fabricación deses productos?

Non estou en contra dos avances, o que me cuestiono é a cualidade dos avances. Está a pasar coa tecnoloxía; non paran de saír novos productos “máis avanzados” que o anterior, que para a maioría dxs usuarixs non ten utilidade engadida algunha.

En algún momento alguén empezará a analizar as materias primas dos aparellos informáticos; como se conseguen, cal é a súa composición… Pediremos que se prohiba a súa fabricación?

Non todo se pode solucionar con prohibicións. A cidadanía ten que ser responsable das súas acuacións, non deixarse enganar polo desmedido afán de enriquecemento dalgúns.

Os avances deben responder ao criterio de comodidade pero tamén ao de sustentabilidade.