Carolina Bescansa

Non sempre concordo con ela, especialmente na forma.

Pareceume sobreactuada e innecesaria a presenza do seu fillo nos escanos do Congreso na cerimonia de configuración do Parlamento. Podo estar algo de acordo co da crianza de proximidade -tampouco moito porque a proximidade acaba sendo á nai, non ao pai- pero no seu caso o neno podería estar na gardería, que hai, e ela pasar por alí para amamantalo, ou simplemente para estar un pouco con el. Facelo como un acto testemuñal? Pareceríame ben se non desviase a atención do acto principal, sen dúbida máis importante.

Sen embargo teño que concordar con ela en que aspirar a ser a líder da formación política á que pertence non é motivo para renunciar á acta de deputada. A min nin sequera me parece que mereza algunha sanción por parte de Podemos -que supoño non terá.

Pero como en outras moitas ocasións a miña forma de ver as cousas e a dos medios de comunicación non coinciden.

Mentras que co do fillo moitos medios apoiárona -mesmo sacaron imaxes dunha parlamentaria europea facendo a súa intervención coa súa crianza no mesmo atril- neste caso parece que todos están moi sorprendidos de que non dimita.

Aínda considerando que pretender substituír ao líder sexa unha deslealdade -non é o meu caso-, faina menos válida coma parlamentaria?

Se o escano é dx parlamentarix e non do partido é precisamente para que se poida manter a independencia. Este tema tamén é peliagudo: Deben os partidos controlar xs parlamentarixs? Listas abertas?… pero este é outro asunto.

Pois ao que ía: paréceme moi mal asunto que se considere que debería dimitir. Non está na esencia da democracia que calquera persoa pode chegar a presidir o seu país?

Pois iso,

Ser maior

Para min o peor de ser maior non son as engurras ou a artrose, o peor é estar permanentemente vivindo as mesmas situacións, as mesmas polémicas… que, ao meu entender abórdanse dende supostos erróneos.

Acabo de ver nas redes un vídeo de Teresa Rodríguez no que pon de manifesto o absurdo de cobrar dietas nos meses que non hai actividade parlamentaria, e tamén insiste en que en Podemos os parlamentarios doan parte do que ganan a organizacións sociais “de utilidade pública”

Cantas veces ao longo da vida dunha persoa maior oímos falar dos salarios públicos? A solución é doar parte a unha ONG?

Basta xa! deixade de marear. As ONGs son entidades privadas que se dedican aos asuntos máis diversos, algunhas a colectivos específicos. Pode que moitas persoas non estemos de acordo con que sexan as ONGs as que solucionen os problemas sociais. Algunhas pensamos que iso é cousa do Estado do Benestar e polo tanto debe ser financiado cos presupostos xerais. Para poder levalo a cabo hai que ter cartos, loxicamente, e iso conséguese aumentando os ingresos ou diminuíndo os gastos.

Se se considera que a cantidade de cartos que vai ás retribucións dos políticos é moi elevada, o que hai que facer é reducila. Como?

  1. Diminuír o número de parlamentarios. E xa non falo de suprimir o senado, que tamén é un asunto que está pendente, falo de reducir o número de congresistas a 300 que é o mínimo que dictamina a constitución. Xa sei que non é moito pero só de salarios base serían dous millóns de euros ao ano, sen contar dietas, complementos…
  2. Complementos por razón do cargo: por ser membro da mesa, portavoz adxunto dunha comisión… Non hai moitos cargos remunerados? Non se cobra demasiado polo cargo? Hai algúns complementos de contía superior ao salario.
  3. Dietas. O absurdo non é cobralas cando non hai actividade parlamentaria, o absurdo é cobrar unha cantidade determinada sen ter que xustificala. Se houbese que xustificala xa non se daría esa situación.

Isto vale tamén para os parlamentos autonómicos.

Para levar a cabo estas medidas non sería necesario reformar a Constitución, que é o argumento que se utiliza para non mudar nada. Nin tocar os salarios base -que afectaría a outros traballadores que non son parlamentarios- e que por outra banda non me parecen excesivos.

Por que non se levan a cabo medidas deste tipo? Dependen dxs parlamentarios e só lles afectaría a elxs.

Aah!!! xa, a moitxs pareceralle que as cousas están ben como están e os outros non se porían de acordo porque moitos consideraríanas insuficientes. E coma somos de todo ou nada… pois seguimos igual.

Y esto, queridos niños, que diría Wyoming, é o que levamos vivindo dende os 80 as que temos xa uns anos.

Hai máis asuntos cuxas polémicas e argumentarios se repiten dende “toda a vida” coma na igualdade de xénero ou no uso Lingua galega. Xa falaremos.

Argumentacións reviradas

Amólame moito que se argumente de forma revirada para aumentar os factores favorables dun posicionamento. Non importa quen o faga -mesmo aínda que esté dacordo co posicionamento xeral.

É o que se fai, seino, pero amólame porque só lle atopo dúas explicacións: ou a persoa que argumenta non ten coñecemento preciso da información que está dando -que sería grave- ou si que a ten pero está a reinterpretala para convencer, manipulando, a quen escoita -que é un insulto á intelixencia dxs oíntes.

Este xeito de manipulación pasou das tertulias televisivas ás redes sociais, normal. Vou comentar unha reciente.

Unha mensaxe, da que se sabe quén a manda pero non se sabe a orixe -esa é outra, porque polo menos na TV ou nos xornais sabemos quén nos manipula, pero nas redes non- promove a desaparición do senado e propón unha actuación determinada nas eleccións. Até aí normal. Para argumentalo pon de exemplos países nos que non hai senado ou se o hai ten menos membros. E aí é onde está a manipulación ou a mentira directamente.

Empezo a rebater -as cifras están redondeadas. A mensaxe pon de exemplo a Noruega, Suecia e Dinamarca coma exemplos de países que non teñen senado;

España, 46,5 millóns de habitantes, 610 parlamentarios, 350 deputadxs, 259 senadorxs

Noruega, 4,8 millóns de habitantes, 165 parlamentarios, a cuarta parte forman a cámara alta -senado- e os outros o congreso.

Suecia, 9,5 millóns de habitantes, 349 parlamentarios.

Dinamarca, 5,5 millóns de habitantes, 179 parlamentarios.

Nestes casos o número de representantes no parlamento do estado é proporcionalmente maior nos tres países ca en España -e aquí está o argumento retorcido. Dous non teñen cámara alta e un si de facto -en Noruega non hai eleccións ao senado, saen do congreso.

Tamén pon de exemplo a Alemaña e Estados Unidos de Norteamérica, imos alá.

De Estados Unidos a mentira está no número de senadorxs. Non é moi relevante pero é mentira.

Alemaña, 80 millóns de habitantes, 670 parlamentarios, 598 deputadxs e sobre 70 senadorxs. Aquí si, a argumentación sería válida. Outra vez Aleñaña coma exemplo.

Eu penso que non é unha cuestión de números, trátase da organización política do estado -case nada. Pode que haxa que revisala pero non nas redes sociais.