Botellóns

Dende o seu nacemento sempre foron moi controvertidos.

Tivo e ten partidarios e detractores por diferentes motivos pero poucas veces polo que a min me parece o máis importante: O consumo excesivo de alcohol.

O botellón ten, coma case todo, cousas boas e malas. E as malas están case sempre ocasionadas pola falta de educación cívica e/ou para a saúde.

De entrada que un grupo se reúna ao aire libre para escoitar música, e ata para “tomar algo”, non tería por que ocasionar un conflicto social ou de saúde, dependendo de coma se faga.

O problema xorde, coma case sempre, polo modo de facer as cousas, pola falta de educación.

Falta de educación para a saúde. O consumo de alcohol non é saúdable para quen o consume independentemente de que xs que o consumen ocasionen despois males a terceiras persoas, que tamén.

Falta de educación cívica. Molestar á veciñanza con ruído, provocar destrozos nos bens comúns ou deixar lixo en espazos comúns non está ben, estando bébedo ou sobrio.

Tentar resolver un problema con prohibicións no canto de con educación adoita levar a que as posicións se polaricen.

Os botellóns reflicten á perfección as consecuencias de levar aos extremos o binomio permisividade-intransixencia, que tan ben se nos dá.

Se hai que demonizar os botellóns que sexa polo consumo de alcohol, non porque perdan de vendelo os empresarios hosteleiros.

Unha romaría tamén é unha festa na que a xente come e bebe ao aire libre, coa excusa -ou non- de presentar respectos e devoción a algún santo. Adoitan ser en espazos illados e normalmente o impacto do lixo ou dos destrozos na zona son mínimos. Está claro cal é a diferenza entre romaría e botellón? A educación. A maioria das persoas que acoden a unha romaría respectan o lugar no que están.

Aproveitando a pandemia estamos asistindo a un fenómeno moi común en épocas de crise “A río revolto, ganancia de pescadores“. Os “emprendedores” ofrecen todo tipo de remedios -eficaces ou non. Os antivacinas aproveitan para mostrarnos os efectos perversos das vacinas. Os políticos para mostrarnos a incapacidade dos seus opoñentes ou mesmo para colocarlle aos opoñentes a súa propia incapacidade… E a cidadanía en xeral para chinchar ao do lado porque lle parece que non está todo o jodido que require a situación.

E digo eu… Non sería bo que actuásemos da forma máis normalizada posible cumprindo as normas sanitarias e sabendo que a seguridade absoluta non existe?

Insisto; menos extremismos nas prohibicións e máis educación. Non sexa que acabe impoñéndose a “libertad”

Milo

Ola meu pequerrecho,

Es da xeración COVID, iso é así. Pero éche un nome máis coma a X, a milenial… Xa verás que somos así, gústanos porlle nomes a todo.

Non creas todo o que che conten desta pandemia. Non é o peor que lle pasa ao mundo. Sen ir máis lonxe penso que a túa nai xa tivo pasado tempadas peores.

Pode que ti e a túa prima Nuria cheguedes aquí grazas a que tivemos que pasar bastante tempo na casa. Enténdeme, non só por iso. Aos teus pais xa lle andaba na cabeza o asunto pero, e isto é cousa miña, pode que as circunstancias xogaran a favor.

Tés un nome diferente -raro dirán moitxs. Eu tamén. E o do teu pai tampouco é dos máis comúns. A min gústame ter un nome raro. Cando empecei ir a escola mosqueoume un pouco que non houbese ninguén máis que se chamase así pero vinlle as vantaxes rapidiño, non facía falta engadir o apelido; era eu, Nair, e xa! sen ningunha dúbida.

Chegas a un mundo no que a cousa non está en xeral para botar foguetes pero ti podes ter unha vida razoabelmente boa; o teu pai é un tipo estupendo, a túa nai moi doce, o teu avó Toño ten moi boa conexión coa crianza, a túa avoa Luz vaiche facer comidas boísimas… Tes unha manchea de tíos e tías, primxs… Naces nunha sociedade desenvolvida con bos servicios públicos, aínda que nos oirás queixarnos dela todo o tempo porque sómosche un pouco dadxs ao pesimismo. Creme, vas estar ben.

Tamén chegas no mes das Matemáticas

Que se ben é certo que non teñen boa sona entre o alumnado, son a base de case todas as disciplinas científicas e tamén das artísticas; Música, pintura… Por non falar da influenza na formación do pensamento lóxico, que tanta falta nos fai.

Puideches rematar o círculo nacendo o día π (3.14), e fixeches o amago, pero ao remate preferiches nacer o mesmo día que o teu tío Jorge. Moi boa elección tamén.

Que quen son eu? Pois eu son tía do teu pai, tía avoa túa. Sonche a da calceta, ultimamente doume por aí. Fago cousas de lá para todo o mundo con diferentes resultados pero con boa intención. Tamén a que agasalla cadros cada vez que teño ocasión. Coma decidín vivir sóa ando un pouco a miña bóla pero pódese contar comigo para moitas cousas.

Benvido ao mundo e á familia!

Medo e pandemia

Medo

Substantivo masculino

  1. Sentimento de inquietude que se experimenta ante a presenza, real ou imaxinaria, dun perigo. O gato tenlle medo ao can. Non lle metas medo ao neno. Unha película de medo.
  2. Receo que se sente por culpa de algo que pode causar algunha molestia ou ter un algún efecto contrario ao esperado. Levantouse cedo por medo a perder o tren. SINÓNIMO temorAviseino cun telegrama, porque tiña medo de que non lle chegase a tempo a carta.

Se ben é certo que o medo pode ser útil nunha situación puntual extrema de perigo, na vida cotiá non adoita ser moi aconsellable.

Actualmente, debido á pandemia, este sentimento está moi presente en todxs nós. Nalgunhas persoas estase a converter en patolóxico.

Ao ser un sentimento non é racional pero a súa vez só se pode combater con racionalidade da persoa que o padece. Por iso costa tanto desfacerse del.

Non pretendo que o que vou dicir teña validez científica pero as situacións que prantexo foron reais.

Algunhas persoas teñen medo a morrer soas e pretenden que iso non ocorra. Pero é algo que ninguén che pode garantir.

Outras teñen medo a contaxiarse, especialmente as que pertencen a grupos vulnerábeis.

É normal, se non fose porque nesa obsesión entran persoas que as rodean ás que se lle pode facer a vida moi complicada.

Nas circunstancias que nos toca vivir estanse a producir situacións moi conflictivas, mesmo diría que violentas, por mor das persoas que polo seu medo intentan controlar absolutamente todolos actos de tódalas persoas coas que se atopan.

Tres casos desta semana.

  1. Unha persoa afea a outra -ìa soa- que non leve a máscara posta todo o tempo facendo deporte ao aire libre. Subliño todo o tempo porque si que a levaba posta no momento que se cruzaron -é algo que se fai con bastante frecuencia, aproveitar que é un espazo pouco transitado para baixar a máscara un anaquiño cando non hai ninguén cerca. Eu entendo que unha persoa que traballa todo o día cunha máscar posta queira estar ao aire libre, respirando sen máscara, algo de tempo. Pero as persoas con medo patolóxico, non. E as que cren que estar cabreada en vez de contenta vai mellor para combater a pandemia, tampouco.
  2. Nunha porta cortalumes atopei un cartel no que se nos pide mantela sempre aberta porque así “tocamos menos nos pomos”. Que digo eu que se será porque porque se hai virus xa non vai haber incendios… ??
  3. Un veciño protesta porque outro fuma no portal, fóra.

Que eu entendo, porque son racional, o medo.

Gustaríame que as persoas que teñen medo fixeran un esforzo -sei que algunhas o fan- para diferenciar o coidado necesario para evitar a propagación do virus, da intromisión nas accións que poden facer máis levadeira a vida.

E tamén que se deixase de utilizar a pandemia como argumento para controlar, en xeral.

Eleccións galegas

Ou Eleccións e pandemia, tamén podería ser.

Voume referir ás galegas, porque me quedan máis a man, pero podería aplicarse ás vascas, catalás… ou outras que se celebren nunha situación semellante.

O que nos gusta unha polémica! Non entendo moi ben a crítica que se está a facer ao Presidente da Xunta -e xa me custa dicir isto- pola convocatoria de eleccións en xullo.

Vou aclarar por que non o entendo.

É competencia da presidencia do goberno -de calquera goberno- convocar eleccións. As eleccións convócanse cada catro anos, pero dentro desa norma xeral os partidos que ostentan o poder nese momento adoitan elixir a data que cren que máis lle favorece; TODOS, con ou sen pandemia. E parécenos normal -ademáis de legal- á maioría.

Aos gobernos de Galicia e Euskadi pareceulles ben adiantalas, suspendéronse pola pandemia, e agora decidiron celebralas en xullo.

Non vexo polémica por ningures. É máis, entre celebralas en outono ou en xullo case me parece mellor agora. Parece que hai máis posibilidades dun rebrote en outono que no verán. Pór o foco na oportunidade da data elixida só vai server para reforzar o argumento da conveniencia de celebralas agora.

Que hai que facelas con moito tino? Sen dúbida! Pero coma todas as actividades que fagamos nunha situación de inseguridade coma a que estamos a vivir. E non me parece máis perigoso ir votar que ir de rebaixas a uns grandes almacéns, a unha voda con cen invitados, á misa… Penso que non hai que dar argumentos aos que consideran que o de votar -a Democracia- é menos necesario que a Economía.

Que non me agrada concordar co Presidente da Xunta? Pois tamén, pero non quero caer na tentación de facer o que fan os que critican pola cor política sen ton nen son, ás toas.

Por isto pregaríalle aos partidos da oposición que non centrasen a campaña nalgo tan trivial cando hai tantas cousas importantes que afear ao Goberno da Xunta.