Voto das persoas emigrantes

Cada vez que hai eleccións, de calquera ámbito, aparece a mesma polémica. Desaparece despois das votacións, non se volve falar do tema, non se toma ningunha medida… E volta a empezar.

Non coñezo ben a normativa ao respecto, nin teño referencia da doutros países. Voume remitir ao que eu considero de lóxica.

Quen ten que votar en cada convocatoria electoral? Pois, de caixón.

En Europa. Para as europeas, xs que viven en Europa; para as nacionais, xs que viven en cada país; rexionais ou autonómicas, xs que viven… e así sucesivamente.

Eu penso que se vas vivir a outro país, a outro concello…, cénsaste alí para converterte en cidadán dese lugar. Iso fai que tributes alí e tamén que te beneficies da política social que teñan. E polo tanto votas alí sen diferenciarte da túa veciñanza “nativa”. E xa está.

Se quero ser cidadá dese lugar debería ser nas mesmas condicións. Poderei participar nos mesmos procesos electorais… Vamos, que igualiño que todxs xs de alí.

Que clase de europeístas somos?

No caso de Iberoamérica o tema é aínda máis anacrónico. Emigrantes -normalmente de orixe galega- de segunda e terceira xeración, teñen dereito a participar nos comicios galegos, e non sei se españois -ademáis dos do país no que viven. Mesmo creo que se dou algún caso no que o voto exterior puido decidir a cor dun goberno.

A min paréceme que sería moito máis sinxelo que cada quen sexa de onde está en cada momento.

Falacias

Onte esoitei a Antón Losada -nunha especie de vídeo-blog que ten no que explica, nun minuto, feitos de actualidade- falar sobre a desbandada que se está a producir en UPyD e IU -cara C’s e Podemos- dedicado a Toni Cantó. Dicía destas persoas que “non o fan polo seu interese, por ocupar un cargo, fano por vostede, pola cidadanía, polo proxecto, pola ideoloxía, pola democracia, pola rexeneración, pola paz mundial…”

Tamén onte lin unha publicación en Facebook dun xornalista xubilado, Rodolfo Serrano, na que falaba da liberdade de expresión -a propósito da páxina web do concello de Madrid. Neste caso, a min, viñéronme a cabeza outros argumentos esgrimidos por algúns xornalistas para xustificar o seu posicionamento: liberdade de expresión, dereito a información, interese público…

Está claro que nos dous casos, políticos e xornalistas, están intentando manipularnos. Tendo en conta que xornalistas e políticos son os principais piares da formación do pensamento social na cidadanía, o asunto ten mala cara. Como eu o vexo, no caso dxs políticxs ten menor importancia porque a credibilidade que teñen é pouca. Pero xs xornalistas, hoxe por hoxe, teñen algunha máis -como a cousa siga así pode que chegue a equipararse.

Liberdade de expresión, para un xornalista, non pode ser dicir o que queiras -para incomodar xs políticxs, que parece ser o non vai máis do xornalismo- ademais debe ser verdade, estar contrastado… E contradecir unha publicación non pode ser censura á liberdade de expresión, tamén é liberdade de expresión -pero da outra parte, eso si. Dereito a información e interese público.

A cidadanía ten dereito a estar informada dos asuntos de interese público, pero unha cousa é o interese público e outra é o que lle interesa ao público. Ao público pódelle interesar, por puro morbo, a vida sexual de alguén, por exemplo, pero iso non leva consigo o dereito de sabelo nin converte a sexualidade da xente en asunto de interese público -disto xa teño falado máis veces.

Case ninguén cuestiona a necesidade da rexenación da clase política, os medios ocúpanse de pedila e recordala.

Quen se vai atrever a pedir a rexeneración dos xornalistas?

Mestre do ano

Vin, fai pouco, unha entrevista ao mestre candidato -por España- a mestre do ano mundial -ou algo así- Global Teacher Price. É un home.

Descoñezo -polo miúdo- as marabillas da súa metodoloxía, pero polo que subliñaban na estrevista nada que poida sorprender a calquera docente. Non quero quitarlle mérito a el -que o ten- pero quero destacar que ao longo da miña vida profesional coñecín moitas mestras igual de innovadoras -e seguramente máis.

Que foi o que pasou? Por que este señor se fixo coñecido para ser candidato? Por que as mestras que fan cousas parecidas non se fan coñecidas polas masas?

Asistín a congresos, escolas de verán… convivencias nas que grupos de mestras presentaban (mos) experiencias pedagóxicas -de calado- con metodoloxías moi innovadoras. Nada diso saía nos medios. Non tiñan repercusión máis alá dxs asistentes.

Na docencia hai moitísimas máis mulleres ca homes. Canto menor é o alumnado -e polo tanto máis difícil a docencia- menos mestres -homes- hai. Na educación infantil é moi raro ver mestres; na primaria hai algún máis, normalmente nas especialidades -música, educación física, departamento de orientación… mestres-titores, poucos; no ensino secundario a relación é algo máis paritaria pero os homes seguen a ser minoría.

En serio que o candidato de España é un home? Nin que foramos Xapón.

E as feministas de “filiación” non din nada?

En fin… Outra vez as técnicas de venda e a dictadura dos medios. Miles de persoas facendo cousas marabillosas no ensino primario e o “famoso” ten que ser un home.

Penso que aquí hai algo máis que o “teito de cristal”. Non é que as mulleres non poidan chegar ao mesmo sitio, de feito xa estaban nese sitio antes que os homes. A cuestión está no recoñecemento e no respaldo; non no salario, nin na posibilidade de chegar, ou a menor presenza feminina.

Como se soluciona isto?

Grecia non é España

Escoitamos esta frase ata a saciedade pero ao mesmo tempo si que nos están comparando todo o tempo -as mesmas persoas.

Estamos vendo coma todos os políticos están pretendendo sacar tallada electoral posicionándose dun lado ou do outro -gregos- coma se nós fosemos Grecia.

O caso de Pablo Iglesias Jr. é bastante espectacular, xa non sabe que facer para apuntarse tódolos tantos de todo o que pase ao seu arredor.

Acércase ou alónxase de ANOVA e AGE segundo lle vai vindo ben. Alónxase de IU en España pero integrouse no grupo da Esquerda Plural europeo, no que xa estaban -antes ca Podemos- IU e Syriza.

Tamén parece que pretende apropiarse de tódalas plataformas cidadás -agora está coas Mareas galegas.

Xa escribín hai tempo que Syriza ten máis similitudes con AGE ou con IU -coas que tiña relación cando nin existía Podemos- que con Podemos. Pero a Pablo Iglesias dálle igual, non tivo ningún escrúpulo en demostrar que “Tsipras é máis amigo meu ca teu” no peche da campaña electoral grega, saíndo ao escenario cando estaba acordado que non habería intervencións “extranxeiras” no último día -de feito só saiu facer a foto.

Non entendo que fan os Partidos políticos españois -todos- en pórse a facer campaña no referendum grego -polo si ou polo non- e pretender trasladar iso a España.

Eu alégrome de que gañase o NON en Grecia, máis por unha cuestión testemuñal que real. Hai que reivindicar a democracia e a política fronte os mercados. Pero non nos enganemos, en Grecia están case na situación “non ter nada que perder, agás as súas cadeas”, cousa que creo pon pasa en España polo de agora. Teño moitas dúbidas de que o resultado aquí fose o mesmo, nin sequera que se celebrase referendo. Pero non porque sexamos menos demócratas que os gregos senón porque non se convocan referendos para perdelos.

En lugar de pór tanta énfase en colocarse dun lado ou doutro, de buscar resultados electorais, TODOS deberían buscar unha solución ao problema. Que a hai, seguro.