Moito ruído…

Sempre me chamaron a atención as análises que fan os partidos políticos e xs xornalistas das manifestacións, concentracións… da cidadanía. A primeira é se son moitas ou poucas as persoas que acoden. Se son moitas parece que o goberno debe facer caso.

A min non me parece que as manifestacións na rúa, en si mesmas, teñan que definir as medidas que tome un goberno. De ser un factor determinante, o aborto tería que ser un delito. Manifestacións masivas fixeron “pro vida” e compañía.

Nas manifestacións, a cidadanía pide que se recoñeza un dereito, que se elimine unha norma, protesta por unha acción determinada… Todo iso debería considerarse -que non necesariamente executarse- independentemente de cantas persoas o pidan.

Pero o ruído ao que me vou referir hoxe é doutro tipo, para min máis pernicioso. É o ruído que fan uns poucos e que os medios de comunicación amplifican dunha maneira que acaba distorsionando a realidade. Como exemplo vou coller o alcalde de Vigo.

Facendo caso aos medios de comunicación, este home non debería acadar máis de dous ou tres concelleirxs. Aclaro. Dende hai moito tempo o alcalde de Vigo só sae nos medios sendo increpado polos veciños e pola oposición nos plenos do Concello; cuestionado, tamén polos veciños, con todo tipo de manifestacións contrarias ás súas decisións; facendo declaracións “fóra do testo”… Eu, baseándome nesta información pensei que o seu destino sería a oposición ou a súa casa.

E resulta que ampliou a maioría que tiña ata chegar a absoluta. Toma!!!

Isto fai que me formule algunhas preguntas: Que prensa leo eu? Que medios vexo? A información que me daban era obxectiva?… Porque non parece que eses votos foran de partido.

Pode que eu estivese algo predisposta a crer parte de todo iso, recoñezo que non me cae especialmente ben ese señor, pero de aí a formarme unha opinión completamente equivocada da situación… Está claro que a cidadanía de Vigo tiña máis e mellor información ca min.

Parece evidente que, sen que fose mentira, o que contaron os medios non reflictía a realidade. Había xente descontenta pero moita máis que non -que non se vía-, e algunhas cousas tivo que facer que estiveses ben -que tampouco se vían. Este estilo de informar só da parte “folclórica” recórdame moitos programas dunha cadea de TV.

Non hai mentira máis gorda que unha verdade parcial.

Advertisements