Paz social

 

Esta é unha praciña que hai diante da miña casa. Non, non é un aparcadoiro.

30705711_10204446099067866_106440499459522560_o.jpg

Pero non pensedes que vou protestar contra este atropelo e vouvos contar por que.

A miña casa, e a praza, están preto dun complexo multiusos no que xoga o equipo de baloncesto da cidade -o que está na máxima categoría. E hoxe non está aínda moi ateigada por ser día laborable, cando o partido é un sábado ou un domingo está que parece que un especialista en distribución do espazo estivera a facer de “gorrilla”.

A primeira vez que o vin era un sábado, pensei que era xente que viña de compras -tamén hai cerca un centro comercial- e mosqueeime un pouco. Enseguida me din de conta que non era iso porque os coches desapareceron e aínda estabamos dentro do horario comercial. Logo xa souben de que se trataba.

E todo funciona coa perfección dun reloxo suízo. Non se produce o máis mínimo altercado. Nos once anos que levo vivindo aquí, nunca me enterei de cando remata o partido e tódolos coches se van. Nin pitidos nin broncas porque alguén impida a saída doutro… nada. Á veciñanza tampouco nos importa, son un par de horas cada quince dias…

Pero moitas veces me teño preguntado en que momento chegará o xordo e foderá o concerto. Pode ser que apareza un veciño tiquismiquis e lle dea por exisir que se cumpla a legalidade e que non se permita aparcar aí -estaría no seu dereito. Ou pode que algún listillo decida que vai aparcar aí -en calquera momento- que total non pasa nada, e entonces a veciñanza si que tería que tomar medidas para que a praza non se convertese nun aparcadoiro.

Que por que conto esto? Pois porque me parece un exemplo de como se pode romper a paz social levando a esixencia de cumprir a legalidade a extremos innecesarios.

 

 

Advertisements

Moito ruído…

Sempre me chamaron a atención as análises que fan os partidos políticos e xs xornalistas das manifestacións, concentracións… da cidadanía. A primeira é se son moitas ou poucas as persoas que acoden. Se son moitas parece que o goberno debe facer caso.

A min non me parece que as manifestacións na rúa, en si mesmas, teñan que definir as medidas que tome un goberno. De ser un factor determinante, o aborto tería que ser un delito. Manifestacións masivas fixeron “pro vida” e compañía.

Nas manifestacións, a cidadanía pide que se recoñeza un dereito, que se elimine unha norma, protesta por unha acción determinada… Todo iso debería considerarse -que non necesariamente executarse- independentemente de cantas persoas o pidan.

Pero o ruído ao que me vou referir hoxe é doutro tipo, para min máis pernicioso. É o ruído que fan uns poucos e que os medios de comunicación amplifican dunha maneira que acaba distorsionando a realidade. Como exemplo vou coller o alcalde de Vigo.

Facendo caso aos medios de comunicación, este home non debería acadar máis de dous ou tres concelleirxs. Aclaro. Dende hai moito tempo o alcalde de Vigo só sae nos medios sendo increpado polos veciños e pola oposición nos plenos do Concello; cuestionado, tamén polos veciños, con todo tipo de manifestacións contrarias ás súas decisións; facendo declaracións “fóra do testo”… Eu, baseándome nesta información pensei que o seu destino sería a oposición ou a súa casa.

E resulta que ampliou a maioría que tiña ata chegar a absoluta. Toma!!!

Isto fai que me formule algunhas preguntas: Que prensa leo eu? Que medios vexo? A información que me daban era obxectiva?… Porque non parece que eses votos foran de partido.

Pode que eu estivese algo predisposta a crer parte de todo iso, recoñezo que non me cae especialmente ben ese señor, pero de aí a formarme unha opinión completamente equivocada da situación… Está claro que a cidadanía de Vigo tiña máis e mellor información ca min.

Parece evidente que, sen que fose mentira, o que contaron os medios non reflictía a realidade. Había xente descontenta pero moita máis que non -que non se vía-, e algunhas cousas tivo que facer que estiveses ben -que tampouco se vían. Este estilo de informar só da parte “folclórica” recórdame moitos programas dunha cadea de TV.

Non hai mentira máis gorda que unha verdade parcial.