Transfuguismo

Pode que sexa só eu pero a min o de Podemos e IU paréceme de chiste se non fose algo bastante dramático.

Non é persoal, votei a AGE por ANOVA máis que por EU. Son “Beirista” e só en moi contadas ocasións votei outra opción nas xerais -por quilo do voto útil, aínda que despois me arrepentise. Seguirei votando a opción que el apoie -sexa ou non candidato. En ningún momento tiven a tentación de votar a Podemos -aínda que estou rodeada de simpatizantes e votantes. Podemos, até o de agora, é Pablo Iglesias. E entre el e Beiras non hai cor, Beiras está aí dende sempre, ten unha traxectoria -dentro e fóra do Parlamento- e a Pablo Iglesias quédalle todo por demostrar. Pareceríame prematuro que pasase da nada a presidencia do goberno. Nin sequera Tsipras dou ese chouto. SYRIZA xa estaba nas institucións, tanto nacionais coma europeas, cando gañaron as eleccións e formaron goberno.

Pero ao que ía. Uns poucos vanse de IU -algún xa se fora do PSOE a IU- e fundan un partido “diferente”. Até aquí vaime parecendo normal -incluso simpatizaba con elxs -sen intención de votalos, como xa dixen, pero parecíame que era unha boa opción para canalizar o descontento cidadán. O que xa me vai amolando un pouco é a fagocitose a IU. Recoñezo que electoralmente a xogada é boa; Podemos non ten cadros e ten “tirón”, IU ten moi bos cadros pero está algo desgastada. Entendo a tentación, Podemos non ten a estructura necesaria para formar gobernos -estatal e autonómicos. Fan falta moitas persoas moi ben preparadas para formar un goberno -non só ministros e conselleiros, tamén directores xerais, subsecretarixs…- que dificilmente poden saír das asembleas; solución: buscalas en IU.

Todo isto dígoo en xeral, se falamos de Madrid… mi madriña…

Desmantelar IU e levala ao ostracismo -espero que non aconteza- non me parece bo para a esquerda, claro que como agora xa non se leva o da esquerda…

E xa que o mencionei antes: A cidade de Santiago -tanto as institución públicas coma as privadas- creo que ten unha débeda con Xosé Manuel Beiras.

Advertisements