Xornalismo de investigación

O domingo vin un programa que pretendía comprobar se son certos os estereotipos que temos sobre Alemaña. Para empezar non sei moi ben cales son os estereotipos que “temos”. Para min Alemaña é un país centroeuropeo; que son algo diferentes dos nórdicos e tamén dos mediterráneos -parezo unha miss- pero estereotipos?

Ben, para isto foron a Alemaña a investigar. E si, non somos exactamente iguais -coma tampouco somos iguais os do norte de España que os do sur. Para comprobar iso, facía falta ir alí?

Ao remate a conductora do programa dinos que cos datos que nos dan “eu poño as conclusións”, pois aí van.

  1. Se vas traballar a Alemaña sen cualificación profesional ou cunha cualificación para a que non hai demanda de traballo -ciencias humanas, medioambientais, arquivos e bibliotecas…- acabas traballando na hostalaría cun contrato precario -coma en todas partes- pero coma alí funciona mellor o estado do benestar podes ter axudas sociais até completar un mínimo establecido se o salario non o cubre. Cando digo demanda de traballo refírome á terminoloxía económica: empresas que buscan man de obra. Non sei por que, normalmente úsase ao revés: persoa que busca un posto de traballo.
  2. Se tes cualificación en Matemáticas, Física, Química, Enxeñaría… as posibilidades de atopar un bo traballo e ben remunerado son maiores. Tamén coma en todas partes. Por certo, quero destacar que a carreira de Matemáticas aquí está moi pouco valorada, de feito non hai nota de corte para entrar. Hoxe as empresas traballan con modelos matemáticos independentemente da actividade, dende bancos a fábricas de coches.

Entón, polo que vin, a principal diferenza é cuantitativa, hai máis demanda. Ao haber máis demanda, e polo tanto menos paro, os postos de traballo que requiren menos cualificación profesional e que están peor pagados son os que quedan para os inmigrantes, tamén coma en todas partes.

A outra diferenza que vin é cualitativa, os servicios sociais. Pero tampouco este aspecto é exclusivo de Alemaña. Moitos países do centro e o norte teñen estas prestacións. Nos países do sur as axudas están reservadas para as familias.

Concretando; se os teus coñecementos concordan coas necesidades das empresas, tes máis posibilidades de atopar un traballo decente. Se non, a hostalaría e o traballo precario.

Pois si que me serviu de moito a investigación esta!!

Advertisements