Tertulias e programas de humor

Non me gustan os programas nos que hai moita xente opinando sobre un tema e o éxito do programa baséase na confrontación sen ánimo de concordar que inevitablemente leve á violencia verbal.

Pouco a pouco fun deixando de ver programas deste tipo. Empecei polos do “corazón”; Sálvame, en todas as súas modalidades; e continuei polos de contido “político” en horario nocturno -pola mañán non vexo a TV-, La sexta noche e similares.

Deixei de velos porque, de entrada, non me gusta o ruído e tamén porque nin sequera concordaba coas persoas que defendían as causas coas que eu estaba de acordo. Explícome; moitas veces para defender unha causa boa utilízanse exemplos extremos que acaban desvirtuando a causa -non hai moito dicía que para defender as pensións non hai que pór a énfase no IPC, que tamén, senon na contía das mínimas.

Agora vexo programas de humor que tratan os temas con moita máis seriedade que as tertulias e dende o meu punto de vista fan diagnósticos dos males da sociedade moito máis acertados.

Hai pouco, en Late motiv, Roberto Henríquez (Bob Pop), co-subdirector e guionista do programa, dixo cousas coma estas: “La causa es buena (…) pero estamos eligiendo mal nuestros símbolos, nuestros referentes, (…), y a nuestros representantes (…). Elegimos bien las causas pero elegimos mal a los representantes” ou “demasiados influencers y muy pocos referentes”. E aínda que el mesmo nos di hoxe en Tuiter “Gracias. Lo estáis flipando con lo mío de anteanoche en y me estáis dando la razón: elegís fatal los referentes. Os sirve cualquiera. Incluso yo.” eu sempre o escoito con moita atención.

Ben, pois eu non só non escoito nada coma isto nas tertulias sesudas senon que o que escoito e como se utilizan moi malos referentes para defender moi boas causas.

E así estamos; as tertulias faríannos rir, se non fose porque o asunto é triste; e os programas de humor fannos pensar.

Advertisements