Corresponsabilidade

Non existe o risco 0 o mesmo que non existe a inmortalidade, pero nas sociedades máis desenvolvidas parece que non queremos aceptalo.

Queremos vivir máis e mellor ata o infinito e tamén queremos a tranquilidade da seguridade total.

Entendo que queiramos mellorar a nosa vida, pero non podemos responsabilizas a terceiros de absolutamente todo o que nos pasa.

Cada sociedade ten -pola propia Natureza- riscos potenciais. No momento que aparecen os feitos todxs temos que saber a mellor maneira de enfrontarnos a eles. Xapón é un pais propenso as sacudidas sísmicas e independentemente das madidas de prevención que se tomen toda a poboación -incluíndo a crianza- sabe o que ten que facer en caso de que isto ocorra. Nos países nos que hai neve boa parte do inverno viven con ela con normalidade, non sei se se monta unha crise política cando hai que pechar algún aeroporto pero dáme que non.

Pero aquí somos diferentes -infantís, diría eu. A calor no verán e o frío en inverno abren os informativos; os atascos nas entradas e saídas das grandes cidades en pontes ou vacacións son por “culpa” do goberno; e xa non digamos cortes por estradas cando neva.

Que non digo eu que non deba haber protocolos e plans para solventar un problema cando aparece pero a cidadanía tamén podía colaborar un pouco.

Meterse nun coche cun bebé e sen cadeas cando hai unha previsión de temporal… non sei eu se é unha idea moi sensata… aínda que non houbese neve. E xa non digamos os que foron a unha altura de 3 000 m en mangas de camisa.

Cando tomamos unha decisión deberiamos ter en conta algúns factores fóra dos nosos propios intereses. É máis doado cambiar os nosos plans que a meteoroloxía. Pero claro, é máís fácil botarlle as “culpas” a un terceiro que asumir a nosa responsabilidade pola decisión estúpida que tomamos. Eu teño a teoría de que canto máis responsable é un dos males que lle ocorren máis responsabiliza a un terceiro polas súas desgrazas.

Teño falado xa máis veces do infantilizada que está a nosa sociedade. Os políticos non nos axudan a que nos fagamos autónomxs e polo tanto a que cadaquen se responsabilice da parte que lle corresponde.

Sen querer darlle a razón ao Goberno, que tamén ten a súa responsabilidade, os conductores que viaxan sen cadeas cando avisaron dun temporal tamén son responsables do que lles poida pasar.

Advertisements