Modernidade

Non temos termo medio. Ou estamos nun extremo ou no contrario. E cos avances científicos e tecnolóxicos non iamos ser menos.

Non hai moito falaba, neste blog, do plástico e o papel. No canto de concienciarnos da reutilización e da reciclaxe do plástico decidimos cambialo polo papel, coma se a utilización abusiva do papel non nos levara a outro “delito” ecolóxico. Volvo sobre este tema porque hai pouco vin nas redes un vídeo que nos anima a mercar os dentífricos que non veñan empaquetados en caixas de cartón (que por certo non sei se aquí -o vídeo creo que era islandés- hai algunha empresa que faga iso).

A mín paréceme que cos adiantos tecnolóxicos comportámonos coma novos ricos, sen medida. Sacamos a bandeira da asepsia e veña… a superempaquetar todo coma se non houbese un mañán -e nunca mellor dito. Recordade o da laranxa pelada e envolta nun plástico.

Moitas aínda recordamos ir ao ultramarinos mercar productos  alimentarios a granel. Viñan en sacas e vendíanos en bolsas de papel, levar a nosa propia bolsa de tea ou cesta, devolver os envases de vidro… Tamén nos desmaquillabamos cun producto limpador e unha esponxiña, por suposto reutilizable. Tamén, as persoas operadas de hemorroides utilizabamos papel hixiénico húmido -por recomendación da cirurxiá- para as defecacións e o seco para a micción.

Agora utilizanse toallas de papel para desmaquillarnos e papel hixiénico húmido para todo. Ao final todo remata no váter. E cal é a solución? prohibir a fabricación deses productos?

Non estou en contra dos avances, o que me cuestiono é a cualidade dos avances. Está a pasar coa tecnoloxía; non paran de saír novos productos “máis avanzados” que o anterior, que para a maioría dxs usuarixs non ten utilidade engadida algunha.

En algún momento alguén empezará a analizar as materias primas dos aparellos informáticos; como se conseguen, cal é a súa composición… Pediremos que se prohiba a súa fabricación?

Non todo se pode solucionar con prohibicións. A cidadanía ten que ser responsable das súas acuacións, non deixarse enganar polo desmedido afán de enriquecemento dalgúns.

Os avances deben responder ao criterio de comodidade pero tamén ao de sustentabilidade.

Advertisements