Dereitos

Non nos gustan, para que nos imos enganar. Que alguén poida decidir libremente se fai algo ou non, non nos gusta. Preferimos que as cousas sexan obrigatorias ou estean prohibidas.

Eu cría que isto era unha tara da dereita.

A verdade é que cada vez que se fala de ampliar dereitos civís, a dereita adoita pór impedimentos. Asimilan dereito a abriga. Fixérono co divorcio, co aborto, o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, estano a facer agora coa eutanasia… coma se o feito de que exista a posibilidade xa nos levase a todxs a tomar decisións estúpidas só para exercer o dereito.

Pero ao parecer é unha tara sen ideoloxía -unha tara moi moderna, parece.

Estoume a referir a ese control que se fai ás mulleres por exercer ou non dereitos que teñen. O que me levou a escribir isto foron as análises da decisión de Susana Díaz sobre a súa baixa de maternidade.

Non me sorprende que os medios de comunicación fagan isto. O único que lles interesa é encher páxinas ou minutos con temas que xeren polémica para seguir enchendo páxinas e minutos. O que me sorprende é que feministas e persoas de esquerda, en xeral, se sumen a este xogo que o que fai é aproveitar calquera situación para desgastar a unha muller política. E ao mesmo tempo fomentar, de maneira subliminal, que se fose un home isto non pasaría, porque, efectivamente, cando é un home non pasa.

As baixas por maternidade están regulamentadas e a decisión sobre a forma de acollerse a ese dereito debería ser un asunto privado que ninguén se debería atrever a xulgar.

Persoalmente creo que o da maternidade é unha desculpa, o que queremos en realidade e criticar a unha persoa, muller -agora é Susana Díaz, pero no seu momento foron Sáenz de Santamaría, Chacon…- que faga o que faga vai estar mal; se colle ela toda a baixa, mal porque abandona moito tempo o seu traballo (dereita) non concilia co home es tarefas do fogar (feministas); se colle o mínimo tempo tamén mal porque non se ocupa o suficiente da súa criatura (dereita) e renuncia a un dereito que costou moito  conseguir (feministas, sindicalistas…)

Total… que o que se acaba cuestionando é a conveniencia de que as mulleres fagan determinados traballos ou non polo “hándicap” da maternidade.

Cando estas polémicas non existan quererá dicir que aprendemos o que é un dereito.