Corrupción, narcotráfico, contrabando…

Como eu o vexo, o funcionamento é o mesmo.

En Galiza tivemos un pouco de todo. Primeiro foi o contrabando de tabaco -ben, supoño que primeiro foi o estraperlo pero iso quédame moi lonxe. O contrabandista utilizaba a persoas non directamente relacionadas coa organización para ir descargar o tabaco e pagáballe unha importante cantidade de cartos. Non había un prexudicado físico concreto e si bastantes persoas beneficiadas, polo que esta actividade non estaba especialmente mal vista -digamos que se toleraba. Moita xente incluso buscaba os sitios onde vendían ese tabaco porque era mellor que o legal. E xa se sabe; as persoas que traballaban para os contrabandistas tiñan familia, normalmente non tiñan traballo estable… Moita xente vivía diso…

O tabaco empezou ser pouco rendible e os contrabandistas fóronse reconvertendo ao narcotráfico. Aproveitaron as infraestruturas que xa tiñan e empezaron a traficar con outras drogas. Coidaban que a droga non se vendese no mesmo lugar no que eles vivían e facían moita “caridade” cos cartos que gañaban ilicitamente. A veciñanza era a aliada perfecta. Non se morde a man do que che dá de comer. Até que non morreron varias persoas cercanas, por sobresose, non se empezou ver o problema de saúde -os económicos e éticos creo que seguen sen verse.

Nos dous casos a sociedade civil foi -conscientemente ou non- a colaboradora necesaria para que estas actividades fosen posibles. O argumento é sempre o mesmo “polo pan dxs fillxs” todo está xustificado.

O sistema que utilizan os corruptos é exactamente o mesmo; unha empresa suborna un funcionario -por exemplo- para conseguir un contrato, o subornado ten familia…, a empresa ten traballadores que dependen de que a empresa teña actividade, os traballadores teñen familia… e tódalas familias agradecen a empresa e ao subornado que xs seus familiares teñan traballo…

De certo non entendemos por qué os corruptos son tan populares e votados?

Cambiar os políticos non é suficiente. Ou se rexeneran os principios na sociedade civil ou isto non se solucionará.