1º de maio

Normalmente non acudo -dende hai un tempo- ás convocatorias de manifestacións na rúa. Non o fago por dúas razóns.

A primeira é ideolóxica. Na dictadura era a única maneira de reivindicar, non había outro lugar para facelo e na transición había que consolidar a Democracia xa que as institucións públicas estaban moi “contaminadas”. Agora hai lugares nos que se poden presentar as reivindicacións con máis capacidade de resolver que a rúa. Con todo non me parece mal. Simplemente non me parece eficaz.

E a segunda, non con menos peso, é que agora resúltame máis complicado decidir a cales vou ir. Hai un tempo os sindicatos e os partidos de esquerda facían un esforzo por poñerse de acordo nalguns puntos básicos; 1º de maio, defensa da lingua, reivindicación da igualdade de dereitos, calidade do ensino, Día de Galiza… e había unha manifestación, non había que elixir.

Agora é difícil, para unha persoa sen militancia activa -o meu caso-, decidir a cal vas. Hoxe asistín a tres manifestacións.  En ningunha delas estaban, de forma visible -pancartas, bandeiras…- nin o PP, nin o PSOE, nin Podemos, nin ANOVA… por mencionar algúns partidos dos maioritarios aquí. Non me sorprendeu o do PP, nunca estivo. Si o dos outros.

Supoño que terei que afacerme, tampouco importa demasiado se hai tres manifestación no canto dunha. Pero o que non importa na rúa si que importa no Parlamento, porque aí decídense cousas.

E a iso si que me vai costar afacerme.