Sensacionalismo

Hoxe ía escribir sobre o sensacionalismo na prensa xeralista. Quería suliñar a desinformación en dous temas de actualidade: o nomeamento de Wert e a subida de salarios do funcionariado.

Teño que recoñecer, por unha vez e sen que serva de precedente, que o “amarillismo” no caso Wert era menor do que me esperaba. As redes sociais teñen moita capacidade para intoxicar. Eu tiña a sensación de que na prensa apareceran titulares do tipo “Rajoy pone un nidito de amor en París a Wert”. Pero hoxe, para escribir isto, busqueinos -titulares parecidos- nos periódicos dixitais e non atopei nada.

As redes xogáronme unha mala pasada. As persoas utilizan as novas da prensa para engadir o seu propio titular, de forma que parece que o titular está sacado da nova.

Pero dito isto, o argumento de que a prensa xeralista é bastante sensacionalista segue a ser válido.

Nos casos de “apropiación indebida” o tema é o roubo, non se os cartos roubados se gastaron en “viño e mulleres”, Da a impresión de que se os cartos se gastaran en obras caritativas estaría ben.

No caso de Wert o tema é o nomeamento, que ata os diplomáticos cuestionan, non as condicións nas que vai vivir, que serán as mesmas do que estaba antes. Se se quere pór en evidencia o gasto que facemos nas sedes diplomáticas tamén se pode facer, pero non ten nada a ver con Rajoy nin con Wert.

E agora está o tema das subidas salariais; “Rajoy se sube el sueldo…” ou “Sáenz de Santamaría se sube el sueldo…”. Non, a nova é a subida salarial ao funcionariado. Que se pretende con eses titulares? Está mal subir o salario ao funcionariado porque así tamén se lle sube ao goberno? Xa o dixen moitas veces, o aforro ten que estar noutras cousas, non nos salarios.

Xa vale, que manipularnos é o traballo do goberno, non fagades intrusismo.